Ciencia en galego desde Washington D.C.

As historias de Sonia Villapol e Todd Treangen comezaron moi lonxe unha da outra. Unha en Bretoña, na pequena vila entre a Terra Chá e a Mariña lucense na que se di que estivo a sé do mítico bispado dos bretóns que chegaron por mar a Galicia. A outra, ao outro lado do Atlántico, en Estados Unidos. E xuntáronse, como tantas outras, en Santiago de Compostela. Coñecéronse mentres Sonia estudiaba Bioloxía e Todd, Informática, os dous na USC. E case 20 anos despois, son marido e muller e viven en Washington, a capital dos Estados Unidos. Sonia Villapol é profesora da recoñecida universidade de Georgetown, e Todd Treangen é tamén profesor, no seu caso na universidade de Maryland, onde é tamén co director do Centro de Informática da Saúde e Bioimaxe.

Nestes días están de visita en Galicia, dando a coñecer un proxecto que acaba de ser financiado polo National Institute of Health (NIH) dos Estados Unidos, para estudar, desde unha perspectiva multidisciplinar, a relación entre as bacterias intestinais e as enfermidades cerebrais e neurodexenerativas, como poden ser o Alzheimer, o Parkinson, o ictus ou incluso a depresión. “O cerebro non está illado para nada – explica Sonia Villapol – aféctalle en gran medida o que comemos, o noso entorno, os nosos hábitos… iso, ás veces acábase notando”.

Publicidade

Este martes falaron na Coruña. Sonia estivo pola mañá no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da UDC, e pola tarde falou xunto a Todd no Muncyt para explicar o traballo que desenvolven desde Washington. E fixérono, sen ningún tipo de problema, en galego. “Para min é un orgullo e unha alegría“, di Todd, con acento ianqui, pero nun galego moi rico, moi difícil de acadar para moitos nativos. “De feito, cústalle bastante máis o castelán”, di Sonia entre risas. Entre o público estaban a súa familia, e as súas fillas, que intercambian sen dificultade galego e inglés.

Desenvolven en Washington un proxecto financiado polo National Institute of Health dos Estados Unidos

Lembra Todd Treangen que cando chegou a Santiago, apuntouse a un curso de galego, e en pouco tempo xa fixo importantes avances. E coñecer a Sonia fixo o resto. Despois de Santiago, fixeron o doutoramento en Barcelona, e tras unha estancia posdoutoral en París, decidiron mudarse aos Estados Unidos. Desde entón viven en Washington. E cada un, desde as súas liñas de investigación, xuntaron de novo os camiños para afondar neste proxecto. Sonia Villapol está especializada no estudo dos danos cerebrais, tanto traumáticos como ictus ou doenzas neurodexenerativas, e os posibles tratamentos reparadores para facer fronte a estes problemas. Pola súa parte, Todd Treangen encárgase do estudo do xenoma bacteriano e do procesado de datos a través de ferramentas informáticas.

Publicidade

Con estas dúas perspectivas sacaron adiante o seu proxecto, que explicaron na Coruña, onde tamén ofreceron algúns dos primeiros resultados que están obtendo. Subliñaron varios datos que anticipan a ventana que poden abrir nesta investigación. Por exemplo: descoñécese aínda a causa do 90% das enfermidades neurodexenerativas. E hai evidencias de que a flora bacteriana daniña, máis presente en persoas con malos hábitos no día a día, inflúe na aparición destas doenzas.

Así, ao analizar excrementos de ratos, algúns deles con dano cerebral inducido, observaron que había diferenzas clave en diversos tipos de bacterias, o que podería estar en relación coas súas hipóteses. Aínda quedan por desenvolver diversos aspectos do traballo, que se prolongará durante dous anos, e que probablemente achegará novos e interesantes datos.

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cando a investigación sae do laboratorio: así funciona a transferencia científica en Galicia

A Xunta identifica o potencial dos xestores de transferencia como ponte entre o académico e o mercado con iniciativas de formación especializada

Unha nova pintura chega á Coruña: a viaxe dunha táboa flamenga recuperada do tráfico de arte

A peza, do século XVI e atribuída a un pintor anónimo, foi localizada en Italia tras ser exportada ilegalmente dende España

A eclipse total de Sol xa está aquí: a guía definitiva sobre a cita astronómica do ano en Galicia

O territorio será protagonista máis dun século despois do último fenómeno, coa Coruña e Lugo na totalidade e as nubes como principal incógnita para a observación

Da cosmoloxía moderna á física solar: os congresos que marcarán a semana da eclipse na Coruña

A cidade reunirá durante catro días a investigadores de referencia internacional para abordar as grandes incógnitas do universo e os últimos avances da estrela