A Plataforma de Enxeñaría de Madeira Estrutural (Pemade) do Campus Terra da USC, dirixida polo catedrático Manuel Guaita Fernández, vén de desenvolver a primeira cuberta reticular do mundo realizada con madeira de eucalipto globulus. Esta estrutura, unha cuberta de tipoloxía singular e única en España, está elaborada con lámina reticulada de eucalipto, desenvolveuse no marco dunha liña de investigación na que está a traballar Pemade e que contou con financiamento da Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a través do proxecto Campus Terra da USC.
A cuberta abrangue 24 metros de lonxitude por uns 5,80 metros de anchura, o que permite protexer unha superficie en planta de arredor de 140 metros cadrados, segundo explicou o director de Laboratorio de Pemade, Jorge Crespo.
O proceso de deseño e a construción desta estrutura é resultado de tecnoloxía e I+D 100% de Galicia, xa que se trata dunha obra desenvolvida integramente nas instalacións que a Plataforma de Madeira Estrutural dispón na Escola Politécnica Superior (EPS) do Campus Terra en colaboración con empresas do sector. Os laboratorios de Pemade foron asemade o escenario no que antes de se desenvolveu previamente o empalme estrutural da madeira laminada, explicou Crespo. Este investigador engadiu asemade que antes de acometer a construción da cuberta definitiva, o persoal de Pemade desenvolveu un prototipo. Esta primeira peza, conservada ao aire libre nunha área axardinada da EPS, serve agora de testemuño para que os investigadores estuden o comportamento da madeira, así como para avaliar os efectos de tratamentos aplicados.
A estrutura resultante, unha cuberta xa izada no lateral dun dos pavillóns da EPS, naceu cuns cometidos funcionais que xa está a prestar. Crespo indicou neste senso que as limitacións das instalacións de Pemade fixeron necesario a habilitación de novos espazos para acubillar material. Nesta conxuntura e no marco da liña de investigación na que xa se estaba a traballar na Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC xurde a idea de construír este tipo de estrutura, coñecida tamén no sector como Gridshell, a xeito de teito de protección das baldas exteriores xa colocadas nun dos frontais do edificio da ampliación da EPS.
Rematada a colaboración das baldas e xa colocada a Gridshell, o acondicionamento final deste novo espazo de Pemade completarase coa colocación dun téxtil impermeable sobre a cuberta de madeira e o peche lateral e frontal do novo espazo habilitado como almacén ou para usos varios.
Alén da singularidade que representa esta cuberta, o director de Pemade e responsable da oferta do único Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural do Sistema Universitario Español, Manuel Guaita, sinalou que solucións como a que representa esta cuberta de madeira demostra o potencial de valor engadido e a incidencia que pode ter para o desenvolvemento económico de Galicia a construción sustentable con produción madeireira propia.