O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Universidade de Vigo continúan avanzando, a través da súa Unidade Asociada Agrobioloxía ambiental. Calidade de solos e plantas, constituída en 2014 e da que en 2017 se prevé asinar a súa renovación por outros tres anos, en novos coñecementos científicos acerca dos mecanismos xenéticos que controlan a resistencia a pragas e a outros estreses do millo, o que abre a porta a novos programas de mellora xenética da especie cos que se incremente a calidade e produción do cultivo.
Dirixida a afondar no coñecemento científico do papel da parede celular na resistencia do millo á praga do insecto perforador, esta Unidade Asociada suma o traballo que se está a levar a cabo entre o Grupo de Xenética e Mellora do Millo da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC, Pontevedra), centrado sobre todo en xenética e mellora da resistencia, e do grupo multidisciplinar BEV1 do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Facultade de Bioloxía, que achega a súa experiencia no coñecemento e análise da parede celular.
Polo momento os datos obtidos, que están xa a ser publicados en numerosas revistas de referencia en Ciencias Agrarias, suxiren que as paredes celulares máis fortificadas ou de maior grosor producen millos máis resistentes, chegando a descubrir rexións no xenoma que albergarían xenes involucrados na síntese de certos compoñentes da parede e que terían un destacado papel na resistencia.
“Estamos a traballar na identificación dos mecanismos xenéticos de defensa do millo fronte aos estreses que afectan o cultivo, tentando comprender por que hai plantas que resisten dunha forma diferencial ás pragas ou enfermidades e toleran distintos estreses ambientais como a seca ou o frío. Neste contexto, obtivemos importantes avances. Así, recentemente identificáronse rexións do xenoma do millo que inflúen en certos compoñentes da parede celular e que tamén albergan xenes de resistencia á praga dos perforadores”, destacan Rosa Ana Malvar Pintos, do CSIC, e Manuel J. Reigosa Roger, da Universidade de Vigo.
As paredes celulares dos tecidos do millo poden facelo máis resistentes ás pragas
“Estudos previos atoparan unha relación directa entre as cantidades de hidroxicinamato nas paredes celulares dos tecidos da medula do millo e a resistencia á praga dos perforador. Un aumento dos hidroxicimanatos na parede celular fortifica as mesmas e dificulta o acceso das larvas ao alimento”, explican os investigadores.
Neste contexto, a Unidade Asociada desenvolveu unha poboación de millo que segregaba para o contido en distintos hidroxicinamatos. Esta poboación foi xenotipada usando marcadores moleculares e avaliada para resistencia aos perforadores (medindo a lonxitude das galería producidas polas larvas) e fortificación da parede celular (analizando o contido en hidroxicinamatos). Iso permitiu detectar que certas rexións do xenoma do millo que controlan o contido en determinados hidroxicinamatos tamén poden ter un papel importante na resistencia, o que corrobora a relación xenética entre resistencia e fortificación da parede que xa fora suxerida en estudos previos.
Aclarado este aspecto, a Unidade Asociada está agora inmersa nun estudo que pretende dilucidar que compoñente ou que grupo de compoñentes da parede ten unha maior influencia sobre a resistencia. A isto únese a recente concesión do proxecto Composición da parede celular. Función e balances entre resistencia a estreses (bióticos e abióticos), dixestibilidade animal e produción de bioenerxía, financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e que ten como obxectivo avanzar no estudo da influencia dos compoñentes da parede celular na tolerancia á seca, a dixestibilidade animal e a produción de bioetanol.