A Asociación Galega de Altas Capacidades presentou este martes unha campaña para visibilizar e normalizar a situación das persoas con altas capacidades en Galicia. Carmen Pomar, profesora de Psicoloxía, investigadora e directora da Unidade de Altas Capacidades da Universidade de Santiago de Compostela, é a asesora científica da asociación, e unha das principais expertas a nivel estatal neste eido.
– Que son as altas capacidades?
As altas capacidades denominan un feito diferencial no desenvolvemento intelectual. Cando falamos dun desenvolvemento por riba da media, non falamos só dunha maior capacidade para adquirir coñecemtno, senon unha estructura de pensamento e procesamento da informacion distinta aos demais. É unha realidade cualitativa, máis que cuantitativa, a nivel intelectual. E a resposta non pode ser darlle máis contidos.
“A resposta ante as altas capacidades non pode ser a sobreestimulación”
Afondando un pouco, non falamos dunha casuística comun. É un termo xenérico que fai referencia a realidades distintas. Por unha banda, perfís homoxéneos e uniformes, con gran capacidade para resolver tarefas e problemas e adquirir coñecementos en todas as áreas (os chamados superdotados). E por outra banda, os perfís heteroxéneos: rapaces cunha ou dúas áreas de coñecementos, ou intelixencias, moi desenvolvidas.E aquí hai un colectivo de doble excepcionalidade: rapaces moi brillantes nunhas áreas e con dificultades noutras, como para ler e escribir. Podería ser o caso de Einstein, que tiña dificultades para ler e escribir.
Despois estaría a precocidade, un desenvolvemento moi acelerado nos primeiros anos de vida; van moi por diante do que lles corresponde por idade. E se isto non se afronta ben, crea unha desconexión bastante grande na adaptación curricular.
– Canta xente posúe estas capacidades?
Dentro desta realidade diversa, as cifras varían. Na superdotación falamos dun 2-3% da poboación. Aínda que non o pareza, é unha cifra significativa: un mestre que tivo na súa vida a mil alumnos tivo 20 ou 30 con superdotación. Outro detalle: as nenas pasan máis desapercibidas que os nenos, e moitas veces non se chega a valoraralas, pero as porcentaxes son semellantes. E se falamos de capacidades concretas, a porcentaxe crece a entre un 13 e un 14%.
– Sábese cal é a orixe?
A intelixencia é sempre unha mestura entre factores xenéticos e ambientais. Howard Gardner fala de que a intelixencia depende de quen foron os nosos avós e do medio no que medramos, e di que aos avós non os podemos escoller, así que o que podemos facer e poñer as condicións ambientais adecuadas.
“Na asociación hai 400 familias, cunha situación socioeconómica moi variable”
É importante non confundir a superdotación coa sobreestimulación. Non se pode convertir a calquera neno nun neno de altas capacidades. Ten que haber unha predisposición xenética, coa que se nace. E aquí son claves os ambientes educativos, tanto familiares como escolares.
Tamén está claro que a situación socioeconómica non é determinante. Na asociación temos 400 familias e hai unha heteroxeneidade tremenda, incluso con xente con risco de exclusión social. Canta máis oportunidades teñan estes rapaces, e máis sensibilidade e respecto haxa cara estes nenos, as altas capacidades serán máis visibles.
– Cara onde se encamiñan as investigacións?
Desde a unidade de atención ás altas capacidades da USC, co financiamento da Fundación Barrié, estamos desenvolvendo un proxecto a longo prazo cun modelo de enriquecemento curricular de traballo nas aulas, coñecido como SEM. É un modelo deseñado para responder ás necesidades dos estudantes con altas capacidades, pero sigue un método moi inclusivo. A vantaxe é que non temos que segregar aos nenos con altas capacidades, pero que si os beneficia. Participan 11 centros educativos galegos (públicos, privados, urbanos, rurais, grandes, pequenos), nos que implementamos o modelo, formamos ao profesorado e recollemos datos para extraer conclusións.
Paralelamente estamos investigando a relación entre a intelixencia emocional e a intelixencia académica e analítica. Hai un corte demostrado entre ambas, e vemos que hai unha gran parte de nenos con altas capacidades con problemas para xestionar as súas relacións persoais e sociais, e son incomprendidos; en parte porque a sociedade cre que estas persoas son case perfectas, e non poden ter ningún tipo de déficit.