O vindeiro luns 11 de febreiro, a Axencia Espacial Escolar Galega, a NOSA, celebra no auditorio Gabriel García Márquez de Oleiros o seu terceiro congreso. Será unha xornada de traballo na que os estudantes e docentes implicados no proxecto que conseguiu levar unha sonda fabricada por eles, a Marumasat 3, ata a estratosfera, presentarán os resultados das investigacións realizadas a partir da expedición.
Desde as 10.30, representantes dos IES Maruxa Mallo (Ordes), Xelmírez II, Miraflores (Oleiros) e Marco Camballón (Vila de Cruces), Ferrol Vello e do CPI O Cruce (Cerceda), presentarán varios relatorios. E aproveitarase tamén para presentar nosa.gal, a web da axencia, e adiantar os primeiros detalles da Marumasat 4, a nova sonda na que xa traballa o equipo da NOSA.
Este novo aparello dará continuidade á Marumasat 3, lanzada o 7 de maio de 2018 desde Ordes, e que e despois de varios días de busca, foi atopada en Negreira, o que permitiu acceder aos datos que se amosarán o luns no congreso.
Programa completo do congreso
10.30: Recepción de participantes.
11.00: Benvida e inauguración.
11.05: Conferencia inaugural a cargo de Marilar Aleixandre.
12.00: Presentación das actas do 2º congreso (IES Maruxa Mallo).
12.15: Descanso.
12.30: Mesa Científico-Tecnolóxica, cos relatorios:
- A Marumasat 3 e a cetrería(IES Maruxa Mallo).
- Obtención por imaxe da ecuación de despegue da Marumasat 3 (IES Marco do Camballón).
- Estimación da ecuación de despegue da Marumasat 3 a partir de datos da radiosonda meteorolóxica (IES Xelmírez II).
- A placa Peltier na Marumasat 3 (IES Miraflores).
- Análise do uso dun dispositivo móbil como mecanismo de adquisición de datos en globos estratosféricos (IES Xelmírez).
- Análise da variación do volume dun globo de helio na súa viaxe á estratosfera (CPI O Cruce).
- Marumasat 3: unha viaxe polas alturas. A proxección do espazo nos mapas e a xeografía galega (IES Maruxa Mallo.
- Cáluclo da superficie esférica no punto de máxima altura (IES Marco do Camballón).
- Influencia da radiación UV na xerminación dunhas fabas de Lourenzá (IES Miraflores).
- Análise das magnitudes atmosféricas na Marumasat 3 (IES Marco do Camballón).
- O vento na estratosfera (IES Ferrol Vello).
- Os nós da NOSA (IES Maruxa Mallo).
- O papel das mulleres na astronomía (IES Maruxa Mallo).
13.35: Entrega dos poemas do I Premio de Poesía Estratosférica. Convocatoria do II Premio.
12.40: Presentación da páxina web da NOSA.
13.45: A misión da Marumasat IV.
13.50: Xantar.
14.50: Conferencia de Manuel Vicente.
15.50: Clausura.














