Domingo 28 Abril 2024

Así vivín a experiencia de ser unha persoa de 80 anos

A redactora de GCiencia Antía P. Vieitez ponse na pel dunha anciá cun "traxe de envellecemento" que simula a perda de funcionalidade

Non é raro escoitar frases como “é que as persoas maiores quéixanse por todo”. Hai quen ás veces se impacienta cos seus pais ou avós, presionándoos para que camiñen un pouco máis rápido cando imos con présa a algún sitio. Pero realmente sabemos e entendemos o que senten cando os anos comezan a pesar moito?

Este venres celebrouse en Santiago de Compostela o 34º Congreso Nacional da Sociedade Española de Nutrición Clínica e Metabolismo (SENPE). Neste contexto tivo lugar un curso centrado no problema da perda de masa muscular, debido ao envellecemento nas persoas de idade avanzada. O evento tivo lugar no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela (San Lázaro), onde tiven a oportunidade de poñerme na pel dunha persoa de 80 anos con perda de masa muscular e experimentar, por tanto, a sensación real de perda de funcionalidade, mediante un avanzado sistema sensorial que consiste nun “traxe de envellecemento“.

Publicidade

O traxe é un complexo conxunto de tiras de velcro, cintos, 12 quilos de peso distribuídos en brazos e pernas, un colariño, lentes e tapóns para os oídos. As fitas de velcro están situadas nos cóbados e xeonllos, para simular a perda de mobilidade nas articulacións, segundo explica ou director médico da compañía Nutricia Advanced Medical Nutrition, Manuel Blanco.

Os cintos e cintas reflicten a sensación de tensión derivada da perda de verticalidade da columna vertebral a falta de equilibrio e a sensación de presión en distintas partes do corpo; os pesos dificultan unha tarefa tan simple como camiñar, levantar os brazos e mesmo estar de pé. Doutra banda, as lentes reducen o campo de visión e distorsionan lixeiramente a cor das cousas, de maneira que todo parece máis amarelado. Ademais, a opacidade supón outra complicación. E os tapóns nos oídos representan a dificultade auditiva.

“Tiña a sospeita de que caería coma un bloque; non tería mobilidade suficiente para adiantarme e intentar frear”

Segundo se van engadindo elementos e pesos e se abrochan as cintas, a sensación de abafo e incomodidade aumenta. O mero feito de estar de pé cansa, e de sentar mellor, nin falar. Cada paso pesa nas pernas e os brazos, a tensión no lombo e zona cervical.

A primeira vista, o traxe parece ‘inocuo’; non es consciente de como che van influír todos os elementos que estás a ver, pero poñelo é unha cousa moi distinta. O primeiro que tiven que facer foi apoiar o bastón no chan, e ata iso foi complicado porque as lentes non permitían medir ben as distancias.

Estar de pé daba sensación de vertixe, e tiña a sospeita, que logo os doutores confirmaron, de que se caera, faríao coma un bloque; non tería mobilidade suficiente para adiantarme e intentar frear a caída de ningún xeito, nin para agarrarme, nin podería controlar sequera a forma de caer. Tampouco tiña nin idea de como faría para levantarme. Sabía que todas as ordes que normalmente o meu cerebro manda de forma inconsciente, e que parecen moi, moi sinxelas, o meu corpo non as executaría por incapacidade. Algo parecido a cando se dorme unha perna e aínda que o intentas, non se move: é frustrante que o teu corpo non responda como queres.

O pescozo tamén estaba inmobilizado. Para mirar aos lados tiña que acompañar o movemento coa parte superior do torso, e nin sequera podía mirar directamente aos doutores que estaban ao meu lado.

En determinado momento preguntáronme: “Que pasaría se sentas?” A miña resposta foi que non o sabía, e era verdade, totalmente. Ao facer o movemento de abaixarme para sentar tiven a sensación de que caía, e se a cadeira fose un pouco máis baixa, probablemente pasaría.

Segundo o movemento que facía, descubría distintas sensacións e limitacións. Partes que pesaban e cousas que, directamente, non podía facer ou facía con moita dificultade. Pero houbo unha constante que me acompañou desde que me puxeron as cintas ata que quitei a parte superior do traxe, e que para min foi sen dúbida o peor: a dificultade para respirar e o peso no peito. Segundo me aclarou despois o doutor Manuel Blanco, isto débese, precisamente, á sensación de peso adicional que deben soportar as persoas maiores, así como ao conxunto de presións derivados das cintas.

Sensibilizar sobre o envellecemento

Manuel Blanco explica que o obxectivo fundamental desta experiencia é favorecer a sensibilización sobre as consecuencias da perda de masa muscular. “Os xeriatras si lle damos a importancia e tempo que require, pero hai quen ás veces non o fai”, expón. Tiven o traxe posto durante menos de cinco minutos, durante os que non fixen máis que estar de pé, camiñar e sentarme, pero esta é a realidade constante, todo o día, durante anos, das persoas de idade avanzada.

Falando da orixe do envellecemento, o doutor explica que é como un círculo vicioso: co paso dos anos envellecemos, o corpo deteriórase, e a consecuencia levamos unha vida máis sedentaria e somos máis propensos a ter enfermidades. Este cúmulo de circunstancias fan que sexamos aínda menos activos, e que por tanto o noso corpo perda mobilidade; ao perder mobilidade non só nos limitamos aínda máis, senón que se incrementa a perda de masa muscular.

Ademais, o doutor apunta que moitas persoas que viven soas tampouco se alimentan ben: “Buscan sabores máis intensos, pero non son necesariamente os máis aptos; e ademais a perda de mobilidade dificulta as tarefas como cociñar”. A baixa masa muscular aumenta o risco de caídas e fracturas, reduce a capacidade funcional e, por tanto, supón unha perda da independencia.

Neste sentido, o doutor Blanco destaca a importancia dunha boa nutrición e do exercicio físico como forma de recuperar a masa muscular, coa consecuente redución desta sintomatoloxía. Aínda que a perda funcional sexa avanzada, exercitar os músculos e articulacións axuda a recuperar parte da mobilidade. Blanco conclúe: “Nunca é tarde para empezar a facer exercicio”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Prevén o leite a deterioración cognitiva? Isto é o que suxire un novo estudo

Un ensaio en maiores de 65 anos identifica un compoñente da graxa láctea que podería ralentizar a perda de memoria asociada á idade

Un programa piloto busca solucións contra a soidade non desexada

Un convenio entre a Universidade de Vigo, a Área Sanitaria e a Sociedade Galega de Xeriatría impulsa a prevención deste problema cun gran impacto na saúde

A OMS podería declarar canceríxeno o edulcorante máis usado no mundo, o aspartamo

Os expertos do organismo internacional poderían establecer límites ao uso desta substancia presente en bebidas e lambetadas

Un equipo da USC busca terapias para as enfermidades propias do envellecemento

O obxectivo é estudar as modificacións químicas do ARN asociadas ás patoloxías da idade e tentar revertelas co uso de fármacos