A Real Academia Galega de Ciencias celebra o Día da Ciencia en Galicia, que este ano ten como protagonista á oceanógrafa ferrolá Ángeles Alvariño . A celebración substitúe ó Día do Científico Galego para darlle un carácter máis aberto e unha maior dimensión á conmemoración. A homenaxe, que coincide co décimo aniversario do falecemento da investigadora, foi aprobada unanimemente polos académicos a conta das importantes contribucións da investigadora ferrolá ao coñecemento das especies animais mariñas máis pequenas, informa a Academia.
Ao longo da xornada do luns, 1 de xuño, haberá diversos eventos. O acto académico aberto ao público celébrase pola tarde en Santiago de Compostela, abrindo un programa de actividades no que nenos e adultos poderán achegarse á figura desta científica ferrolá pioneira no ámbito da investigación mariña.
O acto académico na honra de Ángeles Alvariño contará coa presenza do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. O evento incluirá unha semblanza persoal a cargo de María José Leira, licenciada en Ciencias Naturais e sobriña da homenaxeada. Ademais, Juan Pérez de Rubín y Feigl, investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO), impartirá unha conferencia titulada “Ángeles Alvariño González (1916-2005): a primeira oceanógrafa galega”.
O Instituto Español de Oceanografía (IEO) celebrará unha xornada de portas abertas
Grazas á colaboración da Fundación Barrié, será distribuída nos centros escolares de toda Galicia a unidade didáctica elaborada por expertos sobre a figura e o legado da oceanógrafa galega, como ten ocorrido nas anteriores edicións desta celebración. Ademais, entre setembro e decembro celebrarase un programa de talleres científicos para escolares nas sedes que a entidade ten en Vigo e na Coruña. Ademáis, o Instituto Español de Oceanografía (IEO), ao que pertenceu Ángeles Alvariño celebrará no seu centro costeiro da Coruña unha xorndada de portas abertas o sábado 6 de xuño.
Ángeles Alvariño foi, a mediados do século XX, a primeira científica que traballou en campañas oceanográficas levadas a cabo por navíos de exploración británicos. Ao longo da súa carreira describiu 22 novas especies mariñas e está recoñecida como unha autoridade mundial en determinados tipos de zooplancto, o conxunto de diminutos organismos animais que serve de alimento a especies máis grandes no oceáno.
Aínda que o Día da Ciencia en Galicia se celebrará oficialmente o 1 de xuño, grazas á colaboración da Fundación Barrié, do Instituto Español de Oceanografía (IEO), da Xunta de Galicia e doutras entidades, as actividades conmemorativas estenderanse ao longo de varios meses.
Ángeles Alvariño é a primeira figura feminina que protagoniza a reivindicación do valor da ciencia feita en Galicia a través dos seus representantes históricos máis destacados. Nas edicións anteriores foron homenaxeados o naturalista Luis Iglesias, o matemático Enrique Vidal Abascal, o xeógrafo Isidro Parga Pondal, o enxeñeiro agrónomo Cruz Gallástegui, o astrónomo Ramón María Aller Ulloa, o químico Antonio Casares e o humanista Padre Feijoo.
Brillante carreira internacional
Ángeles Alvariño naceu en 1916 en Serantes (Ferrol), onde comezou os seus estudos no Instituto Concepción Arenal. Logo de facer o Bacharelato en Santiago de Compostela e de que o seu pai, médico, lle recomendase non seguir os seus pasos, marchou a Madrid á Facultade de Ciencias Naturais. A Guerra Civil interrompe os seus estudos, polo que, recén casada cun capitán de navío, regresa a Ferrol, onde imparte clase en centros de educación secundaria, aprende idiomas e ten a súa única filla.
En 1941 rematou a carreira e en 1948 comezou a traballar no Instituto Español de Oceanografía (IEO) en Madrid. En 1952 trasladouse ao laboratorio do IEO en Vigo e un ano despois recibiu unha bolsa do British Council para o Laboratorio de Bioloxía Mariña de Plymouth (Inglaterra), unha estancia de investigación a carón do recoñecido oceanógrafo Frederik Strattten Russell que marcou o inicio da súa traxectoria como experta mundial en zooplancto e ictioplancto (ovos de larvas de peixes). Logo de sufrir a prohibición de participar en campañas a bordo de buques españois a consecuencia do franquismo, Alvariño converteuse na primeira científica en traballar en navíos de exploración británicos. Alí descubriu a presenza de especies nas costas inglesas e francesas ata daquela restrinxidas a outras zonas.
Foi recoñecida como unha autoridade mundial en zooplancto e ictioplancto
En 1955 regresa a Vigo e segue as súas investigacións, en gran parte grazas ás redes para plancto deseñadas por ela mesma e que os pescadores utilizaban para levarlle mostras a terra.
Os maiores expertos no grupo no que centraba os seus estudos, os quetognatos, estaban nos Estados Unidos, polo que, grazas a unha prestixiosa bolsa Fullbright, se trasladou ao Woods Hole Oceanographic Institute (Massachusetts), onde colaborou coa experta zooplanctóloga Mary Sears. Ela foi quen a recomendou a Roger Revelle, director da Scripps Institution of Oceanography da Universidade de California, onde traballou ata 1969. Desde aquela ata a súa xubilación, en 1987, estivo noutro importante centro de investigación, o Southwest Fisheries Center, desde onde se trasladou varias veces á Antártida para participar en campañas oceanográficas. Posteriormente, continuou traballando como científica emérita, período no que realizou estadías como profesora visitante en universidades de México e Brasil, debido sobre todo a que entre 1977 e 1979 fora a coordinadora da investigación oceánica dos países latinoamericanos.
Alvariño faleceu en 2005 en La Jolla (San Diego), onde levaba establecida case cincuenta anos e onde hoxe segue a vivir a súa filla, Ángeles Leira, unha recoñecida arquitecta e urbanista xa xubilada. Os seus máis de cen traballos científicos, moitos deles publicados en prestixiosas revistas, son un importante legado no ámbito da distribución xeográfica e da ecoloxía do zooplancto, e das relacións deste co medio ambiente mariño, sobre todo como indicador de correntes oceánicas. Nos seus últimos anos dedicoulle un especial interese á reivindicación da historia da oceanografía española. Co patrocinio da Xunta de Galicia, publicou o libro “España y la primera expedición científica oceánica, 1789-1794”, no que situaba a expedición española de Alejandro Malaspina un século antes antes que a do navío británico Challenger, considerada comunmente como a pioneira.
Os seus colegas puxéronlle o seu nome a dúas novas especies: o quetognato Aidanosagitta alvarinoae e a hidromedusa Lizzia alvarinoae. En 1993 foille concedida a Medalla de Prata de Galicia e en 2005 a Universidade da Coruña dedicoulle a Semana das Ciencias. No ano 2012 o IEO botou un buque oceanográfico que foi bautizado co nome de Ángeles Alvariño e que desde entón é un dos principais recursos da investigación mariña española.