Martes 30 Abril 2024

A incerteza cos contratos da Xunta abre a porta á fuga de cerebros de Galicia

O colectivo investigador manifesta a súa preocupación pola falta de información sobre a convocatoria de axudas á formación posdoutoral

A etapa que se abre despois de presentar a tese de doutoramento marca o camiño profesional de moitos científicos e científicas. Acadar un contrato que permita continuar a carreira investigadora, ou non acadalo, supón unha peneira na que persoas de recoñecido talento e currículo quedan sen opcións e vense na obriga de buscar outras alternativas. As convocatorias, dentro do déficit crónico da aposta pola investigación en Galicia e España no contexto europeo, son moi competitivas pola escaseza de prazas, e requiren dunha traxectoria de excelencia para acceder a elas. En Galicia, ademais de programas coordinados polo Ministerio de Ciencia, como Ramón y Cajal ou Juan de la Cierva, as Consellerías de Cultura, Educación e Universidade e de Economía e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación ofrecen unha liña anual de axudas que en 2019 achegouse aos 8.700.000 euros e permitiu a contratación, nas súas dúas etapas, de 67 científicos e científicas nas universidades e centros de investigación do país. Porén, nada se sabe, por agora, sobre a convocatoria de 2020, segundo denuncian representantes de InvestiGal, a Rede Galega pola Investigación, que agrupa a unha ampla representación do colectivo pre e posdoutoral en Galicia.

En abril, e por mor da pandemia da Covid-19, anunciouse a prórroga por seis meses de 162 contratos posdoutorais (xunto a outros 274 predoutorais) ata o 31 de decembro, segundo informou no seu momento a Xunta de Galicia. Unha decisión debida ao “peche de moitas das instalacións científicas e a necesidade de retorno das persoas desprazadas noutros países”, xa que estes contratos inclúen estadías no estranxeiro. Destaca a Xunta que “isto permitiu que totalidade dos investigadores en formación da Xunta teñan contrato en vigor ata o 31 de decembro de 2020”, o que expoñen que foi “inédito no resto de España e que repercute na planificación inicial”, destacando ademais que se trata “dunha prórroga máis ampla e duradeira que as concedidas polo Ministerio de Ciencia”.

Publicidade

Mais a incerteza ábrese despois de final de ano, xa que, de non completarse o proceso, 31 investigadores e investigadoras da convocatoria da modalidade A do 2017 veríanse no paro o 1 de xaneiro de 2021 ata a resolución da nova convocatoria, aínda non anunciada. Neste punto, a Xunta apunta: “Cómpre ter en conta que moitas destas persoas que teñen prorrogado o seu contrato non poderían presentarse se se publicaran agora as convocatorias”. Porén, estas mesmas fontes din descoñecer, por agora, cal vai ser o marxe de tempo entre a finalización do contrato e a resolución da nova convocatoria.

Acumulación de retrasos

As axudas posdoutorais da Xunta de Galicia teñen dúas modalidades (A e B) que cobren cinco anos da carreira posdoutoral. Na primeira fase, as persoas beneficiarias realizan dous anos de estadía no estranxeiro, para retornar no último ano a Galicia. Posteriormente, parte destas persoas poden acceder á Modalidade B, mediante outro proceso competitivo, para proseguir a súa traxectoria. Nos últimos anos, as e os investigadores que optaban á convocatoria presenciaron unha acumulación de retrasos, que se foron acumulando desde marzo do 2016 ata finais do mes de agosto no caso de 2019, e que xa provocou o ano pasado as protestas de decenas de investigadores ao ficar ata cinco meses sen contrato. Despois da reclamación, a Xunta rectificou e acordou cubrir cun contrato temporal o tempo ata a resolución da convocatoria. Neste sentido, InvestiGal está reclamando un calendario estable para que as persoas candidatas poidan planificar con tempo a súa concorrencia.

Agora, a causa da pandemia da Covid-19, o colectivo posdoutoral ten cuberto o seu contrato ata o final de ano, pero descoñecen o que virá despois. Ademais, segundo denuncian, a non convocatoria das bolsas da Modalidade A deixou a preto de 50 doutores e doutoras sen a posiblidade de iniciar este curso as súas estadías, ás que poden optar todos os anos máis de 400 novos doutores que acadan este título en Galicia. E polo outro lado, o proceso será aínda máis competitivo xa que, segundo advirten as persoas afectadas, “non se garante unha compensación das prazas non convocadas na posible convocatoria do 2021″.

“Hai moita xente que, agora mesmo, non sabe o que vai pasar coa súa carreira. Houbo quen estableceu contactos co equipos do estranxeiro para preparar as súas estadías, e non sabe canto tempo vai ter que agardar”, expón un dos representantes do Colectivo de Investigadores/as Posdoutorais de Galicia. A incerteza acrecéntase no caso do acceso á Modalidade B, nunha situación que afecta a arredor de medio cento de persoas que están a piques de terminar a fase A. “Podemos estar ante unha fuga de cerebros, porque se hai incerteza, as ofertas fóra non faltan. A gran maioría das persoas que fan estadías posdoutorais teñen ofertas dos seus equipos, porque os científicos galegos e españois son moi ben valorados fóra, pero ao final a terra tira e a xente fai por volver se hai algunha opción. Pero se non temos respostas, vemos que imos pasar bastantes meses no paro e hai opcións fóra, é posible que a xente marche e acabe desenvolvendo o resto da carreira no estranxeiro”. Aínda que a Xunta de Galicia avanzou a finais de abril a previsión de facer unha convocatoria anticipada en 2020 para a Modalidade B e resolvela a comezos de 2021, non se sabe por agora en que momento se fará.

Neste sentido, lamenta o colectivo, “teríamos unha xeración perdida, e estaríanse desaproveitando os 6,6 millóns de euros (cantidade destinada no 2019 á Modalidade A) que se destinan todos os anos a formar estas persoas, porque non continuarían aquí a súa carreira”.

A incerteza sobre estas convocatorias chegou a pasada semana ao Parlamento de Galicia. O grupo do Bloque Nacionalista Galego presentou unha proposición non de lei para o seu debate en Pleno, na que instaba á Xunta “a convocar, á maior brevidade posíbel, a orde de axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema Universitario de Galiza”. Tamén preguntou sobre a situación o PSdeG, mediante unha serie de iniciativas parlamentarias presentadas pola portavoz de Universidade, Noa Díaz. A deputada reclamou á xunta que se convoquen as axudas de formación posdoutoral 2020, cuxo retraso está provocando “unha importante eiva na carreira investigadora dos afectados e no potencial investigador de Galicia”, en palabras de Díaz. Está previsto que nas vindeiras semanas ambas propostas e iniciativas se debatan no lexislativo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UDC analiza con láser a contaminación das pontes de Praga

Unha alumna procedente da República Checa realiza a súa tese na institución galega con vistas a futuros procesos de restauración

Identificado o risco de miocardiopatía dilatada nos portadores xenéticos

O estudo liderado polo investigador Pablo García-Pavía analiza as posibilidades de herdanza da enfermidade en familiares

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica