A bióloga Alba Aguión, na final dos monólogos de Famelab


“O humor é unha boa ferramenta para transmitir ciencia”. Así o cre a bióloga coruñesa Alba Aguión, que xa está na final do Famelab, o concurso internacional de monólogos científicos que organiza a Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT).

Por primeira vez, Galicia está representada na final deste certame, que ten un gran tirón. Na semifinal de Barcelona, houbo máis de 700 persoas. E os seus mellores monólogos rematarán no programa divulgativo ‘Órbita Laika‘, da 2 de TVE.

Publicidade

A peza de Alba Aguión titúlase ‘En defensa das chicharras’ e é unha divertida réplica á fábula grega de ‘A Chicharra e a Formiga‘, desde unha perspectiva zoolóxica.

Alba Aguión é licenciada en Bioloxía pola Universidade de Santiago, con dobre especialidade en Zooloxía e Bioloxía Mariña. Desde Setembro 2014 reside no Reino Unido, onde cursou un máster en Ecoloxía na cidade de York. Actualmente traballa para a compañía Education Through Expeditions (ETE) con sede en Plymouth. E o seu traballo consiste en visitar centros educativos en UK realizando talleres sobre o Àrtico e a ciencia polar, usando a súa experiencia como científica en Svalbard “para inspirar a estudantes e a xente nova, e tentar abrirlles a mente xa desde pequenos a ambicións e soños que quizá nunca pensarían. Para min a verdade só hai unha cousa mellor que facer o que che gusta, e é compartila”. Alba ten colaborado con artigos en GCiencia a través do grupo Ecoloxía Azul.

Publicidade

De formigas sabe dabondo Alba Aguión, porque na Universidade de York participou nun estudo científico sobre pesticidas contra a formiga invasora de xardín. Antes estudara os gases nos glaciares árticos e participou nunha campaña oceanográfica co IEO e o CSIC en Vigo.

– Tiña experiencia previa no escenario, por exemplo no teatro afeccionado?

-Non, non fago teatro. Creo que o meu traballo organizando obradoiros e dando charlas en coles sobre as Rexións Polares é o que me axudou a desenvolver a miña habilidade de falar en público. O demais foi practicar, practicar e practicar o meu monólogo ata aburrirme.

– Necesita a ciencia ser menos grave e achegar sentido do humor?

-Si, dende logo. Eu vexo o humor como unha boa ferramenta para transmitir ciencia. Encántame compartir o que sei de Bioloxía e sempre tentei complementar a obxectividade e a exactitude da ciencia con ferramentas como o humor, as metáforas ou as comparacións que me permitan crear pontes para chegar a un público non especializado. Creo que é importante saber transmitir emocións á hora de tentar que a ciencia prenda na nosa sociedade, aínda que no laboratorio haxa que usar cifras e datos exactos.

-Que espera da final?

-O meu obxectivo para a final é que a xente se emocione e se apaixone coas formigas. É un gran reto xa que teño só 3 minutos e a desvantaxe de que a xente ve as formigas como algo insignificante ou molesto. Pero non sería xusto para a fábula grega de Esopo non mencionar a súa outra parte.

A final espera a Alba Aguión o próximo 12 de maio en Madrid, cun novo monólogo. O gañador de Famelab representará a España no Cheltenham Science Festival que se celebrará en xuño no Reino Unido.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que os peixes non teñen pelo?

Os peixes non teñen pelo porque evolucionaron na agua, onde as escamas e a pel lisa son máis útiles para moverse e sobrevivir. Por Antonio Figueras

O biólogo galego que percorre o mundo: 300 incribles imaxes da natureza en máis de 70 destinos

Gonzalo Mucientes publica 'El Naturalista Impaciente', un libro que condensa a súa paixón por viaxar con impactantes fotografías de fauna e flora de todo o globo

Cales son os mellores puntos para observar a eclipse de Sol na Coruña? Coñéceos neste novo visor

Trátase dunha ferramenta pública con 46 localizacións recomendadas para planificar mellor a experiencia astronómica do 12 de agosto

Activada a alerta vermella na costa da Coruña por ondas de máis de oito metros

Meteogalicia acende o máximo aviso para o mércores, o laranxa para o resto do litoral e o amarelo en terra por abundantes precipitacións