Un estudo dirixido dende o Centro de Investigación del Cáncer (CIC), centro mixto do CSIC e da Universidade de Salamanca (USAL), describiu unha estratexia que permite identificar proteínas da membrana das células tumorais para, posteriormente, atacar esas células empregando anticorpos específicos. Este traballo senta a base para definir novas dianas potenciais de anticorpos conxugados a fármacos noutros tumores sólidos ou hematolóxicos. Os resultados foron publicados na revista revista Journal of Experimental & Clinical Cancer Research.
Segundo os datos publicados pola Sociedade Española de Oncoloxía Médica, o cancro máis diagnosticado en mulleres é o cancro de mama. Aínda que o tumor de cada paciente é molecularmente diferente, na clínica os tumores de mama agrúpanse en tres subgrupos. Entre eles, o subtipo denominado triplo negativo é o máis agresivo e representa o 15-20% de todos os casos de cancro de mama. A pesar de ter distintas opcións terapéuticas, estas aínda non son suficientes para a curación das pacientes. Por tanto, este tipo de cancro de mama require a incorporación á clínica de tratamentos novos que sexan efectivos.
Por este motivo, a estratexia que está a dar bos resultados baséase en descubrir novas dianas terapéuticas en cancro analizando o que se chama o surfaceoma, que son proteínas da superficie celular. Debido á súa localización na superficie da célula, estas proteínas son accesibles e a expresión dalgunha delas está alterada en diversos tipos de cancro. De feito, algunhas desas proteínas están sobreexpresadas, é dicir, a súa cantidade é moito maior na célula tumoral que nunha célula normal. Isto permite actuar preferentemente sobre a célula tumoral utilizando, por exemplo, anticorpos específicos contra esa proteína.
Anticorpos conxugados a fármacos
Na actualidade existen diferentes estratexias terapéuticas que utilizan como diana as proteínas da superficie celular. Entre estas atópanse os denominados anticorpos conxugados a fármacos (ADCs). Os ADCs son anticorpos aos cales se lles pegou un axente tóxico para a célula. Desta forma, estes fármacos suman o efecto antitumoral do anticorpo e o efecto antitumoral do fármaco que levan pegado.
“Tendo en conta a necesidade actual de incorporar novos fármacos dirixidos ao cancro de mama tripla negativo que sexan máis efectivos e debido á eficacia clínica dos ADCs, o noso grupo propúxose identificar novas dianas para ADCs que poderían usarse para tratar a este subtipo de cancro de mama”, destaca o investigador Juan Carlos Montero, do CIC (CSIC-USAL) e o IBSAL-Hospital Clínico Universitario de Salamanca.
En primeiro lugar, elaborouse unha listaxe de posibles dianas da superficie celular susceptibles de ser atacadas con ADCs. Utilizando técnicas xenómicas e proteómicas, comparáronse tecidos normais de mama e tecidos tumorais de mama tripla negativos. Este estudo levou á identificación dun grupo dunhas 20 proteínas que podían ser dianas de ADCs. Estudos posteriores focalizaron o interese nunha delas, denominada CD98 hc. Fronte a esta proteína preparouse no laboratorio un anticorpo conxugado a fármaco (ADC).
Potente actividade tumoral
“Durante os experimentos in vitro observouse que este ADC posuía unha potente e específica actividade antitumoral fronte a células de cancro de mama triplo negativo”, sinala Montero. O ADC contra a proteína CD98 hc non só bloqueou a progresión do ciclo celular (impediu que as células tumorales se expandisen), senón que acabou provocando tamén morte das células tumorales.
Para profundar no efecto antitumoral observado do ADC contra CD98 hc, comprobouse este efecto antitumoral do ADC de CD98 hc en ratas con tumores creados nelas tras inxectarlles células humanas de cancro de mama triplo negativo. Desta maneira comprobouse que o ADC contra a proteína CD98 hc reducía o volume tumoral no animal.
“Estes resultados preclínicos abren a porta á posibilidade de explorar a eficacia de ADCs dirixidos fronte a CD98 hc na clínica”, explica o investigador Atanasio Pandiella, do CIC (CSIC- USAL). Doutra banda, cabe a posibilidade de que a proteína CD98 hc se sobreexprese tamén noutros tipos de tumores. Se este fóra o caso, estendería aínda máis o valor deste traballo, xa que abriría a posibilidade de usar a proteína CD98 hc como unha nova diana terapéutica de ADC para a terapia doutros tipos de cancro. Por último, o uso desta estratexia para identificar proteínas da superficie celular diferencialmente expresadas nos tumores, permite establecer as bases para definir novas dianas potenciais de ADCs noutros tumores sólidos ou hematolóxicos.
Referencia: Surfaceome analyses uncover CD98hc as an antibody drug-conjugate target in triple negative breast cancer (Publicado en Journal of Experimental & Clinical Cancer Research)














