Detectado na atmosfera un novo tipo de composto químico moi reactivo

Un equipo danés descobre os trióxidos, formados por tres átomos de osíxeno unidos entre si, dos que, ata o momento, non había evidencias

Reacción: ROO + OH → ROOOH (átomos de osíxeno en vermello). Trióxidos. Foto: Universidade de Copenhague
Reacción: ROO + OH → ROOOH (átomos de osíxeno en vermello)- Foto: Universidade de Copenhague

Acabas de aspirar uns cantos miles de millóns de moléculas de “trióxidos”, compostos químicos con tres átomos de osíxeno unidos entre si. Esa é a estimación dun equipo internacional, liderado por investigadores da Universidade de Copenhague, que acaba de descubrir unha nova clase de composto químico na atmosfera que é moi reactivo. Malia que a comunidade científica xa sospeitaba da súa existencia, agora conseguen demostrala nun artigo que acaba de ser publicado na revista Science. De todas formas, aínda se descoñece cal é o seu papel no clima e na calidade do aire.

“O tipo de compostos que descubrimos son únicos na súa estrutura. E, debido a que son extremadamente oxidantes, o máis probable é que produzan unha serie de efectos que aínda temos que descubrir”, di o autor principal do estudo e investigador da Universidade de Copenhague, Henrik Grum Kjærgaard. Máis en detalle, os hidrotrióxidos (ROOOH), como se coñecen, son unha clase completamente nova de compostos químicos que se forman en condicións atmosféricas, tal e como veñen de demostrar os investigadores daneses en colaboración co Instituto Leibniz para a Investigación Trosposférica e o Instituto de Tecnoloxía de California.

A súa relación cos aerosois

O equipo de investigación tamén ten a sospeita de que os trióxidos poden penetrar en pequenas partículas de aire, coñecidas como aerosois, que representan un perigo para a saúde e poden provocar enfermidades respiratorias e cardiovasculares. “O máis probable é que penetren nos aerosois, onde formarán novos compostos con novos efectos. É fácil imaxinar que se formen novas substancias nos aerosois que son daniñas se se inhalan. Pero é necesario seguir investigando para abordar estes posibles efectos sobre a saúde“, afirma Kjærgaard.

De igual maneira, os aerosois teñen impacto no clima, pero é un dos aspectos máis difíciles de describir nos modelos climáticos. E, segundo os investigadores, existe unha alta probabilidade de que os hidrotrióxidos afecten a cantidade de aerosois que se producen. “Como os aerosois reflicten e absorben a luz solar, isto afecta o balance de calor da Terra, é dicir, a proporción de luz solar que a Terra absorbe e devolve ao espazo. Cando os aerosois absorben substancias, medran e contribúen á formación de nubes, o que afecta á temperatura da Terra e do clima tamén”, explica unha das coautoras, Eva Kjærgaard.

Un achado “moi importante”

“É un estudo moi importante porque pode axudar a comprender mellor a formación do ozono troposférico e os aerosois secundarios”, explica o investigador do Instituto de Diagnóstico Ambiental e Estudos da Auga do CSIC Xavier Querol. “Os trióxidos e outros radicais oxidantes son uns tipos de compostos que precisamente por ser tan reactivos duran moi pouco tempo na atmosfera, nalgúns casos fraccións de segundos. Por iso a formación de trióxidos non se demostrara ata agora, aínda que se suxería que podía producirse”, continúa debullando o investigador en declaracións ao Science Media Centre España.

De todas formas, Querol advirte que, de momento, non coñecemos cales son as súas implicacións cualitativas no clima nin na calidade do aire “Será importante esclarecerlo”, valora o científico do CSIC. E engade: “O poder detectalos axudará a entender aspectos da formación do ozono troposférico e aerosois secundarios que non comprendemos ben”.

Máis estudos

“A meirande parte da actividade humana deriva na emisión de substancias químicas á atmosfera. Por iso, coñecer as reaccións que determinan a química atmosférica é importante para poder predicir como afectarán as nosas accións no futuro”, matiza Kristan H. Møller, investigador da mesma universidade e tamén participante no estudo. É dicir, que un dos principais obxectivos é que o descubrimento dos hidrotrióxidos axude a entender o efecto que teñen as substancias que emitimos. Con todo, os investigadores non mostran preocupación polos efectos do seu achado.

“Estes compostos sempre existiron, simplemente non os coñeciamos. Agora temos unha evidencia de que estes compostos se forman e viven durante un certo período de tempo e isto significa que podemos estudar o seu efecto de maneira máis efectiva e saber se son perigosos”, apunta Henrik Grum Kjærgaard. Ao que o seu compañeiro Jing Chen, tamén participante na investigación, engade: “O descubrimento suxire que podería haber moitas outras cousas no aire que aínda non coñecemos. De feito, o aire que nos rodea é unha enorme maraña de reaccións químicas complexas”.


Referencia: Hydrotrioxide (ROOOH) formation in the atmosphere (Publicado en Science)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.