A UDC logra distinguir moléculas case idénticas nunha alga invasora con potenciais usos biomédicos

O estudo do CICA analiza partículas presentes en 'Sargassum muticum' e propón unha nova estratexia para identificar compostos naturais altamente flexibles

Investigadores do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña, xunto con científicos de Alemaña e India, desenvolveron unha estratexia para distinguir moléculas case idénticas presentes na alga mariña Sargassum muticum, unha especie invasora amplamente estendida en moitas costas atlánticas.

Sargassum muticum produce moléculas cuxo potencial interese en química, biomedicina ou biotecnoloxía continúa investigándose. Porén, algunhas presentan unha gran dificultade para a súa correcta identificación estrutural.

Publicidade

O problema da flexibilidade

Neste estudo, que vén de ser publicado na revista Angewandte Chemie International Edition, o equipo analizou dous compostos que unicamente se diferencian na orientación espacial dunha pequena parte da molécula. Aínda que o cambio é mínimo, modifica a súa estrutura tridimensional. O principal problema para determinar a súa estrutura final foi que estas moléculas son altamente flexibles e capaces de adoptar múltiples disposicións espaciais, o que complica notablemente a súa análise. Os resultados mostraron ademais que algúns métodos computacionais utilizados habitualmente para identificar este tipo de compostos xeran resultados ambiguos cando as moléculas presentan unha elevada flexibilidade estrutural.

Para resolver este problema, os investigadores combinaron resonancia magnética nuclear (RMN) de ultra alta resolución, análise computacional e novas estratexias estatísticas para estudar o comportamento tridimensional das moléculas. Os experimentos de RMN realizáronse empregando un imán de 28 Teslas (1.2 GHz), aproximadamente dez veces máis potente que os utilizados nos hospitais. Este equipo, considerado na actualidade o máis potente e avanzado dispoñible a nivel mundial para este tipo de análises, atópase no Instituto Max Planck para as Ciencias Multidisciplinares baixo a coordinación do profesor Christian Griesinger.

Publicidade

Os resultados da investigación

Grazas a esta estratexia, o equipo no que participaron Jaime Rodríguez, Carlos Jiménez e Abel Mateo Forero do grupo Pronamar do CICA, logrou diferenciar ambos compostos e comprobar que algunhas ferramentas habituais en química estrutural perden fiabilidade cando as moléculas conteñen numerosos enlaces flexibles.

O traballo propón ademais unha metodoloxía útil para estudar outros compostos naturais complexos que presentan problemas de flexibilidade estrutural.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que revelan 11.000 anos de sedimentos sobre as chuvias de Galicia? Así o investigan dende a UDC

Un estudo liderado polo CICA analiza as ceras vexetais preservadas nun lago portugués para reconstruír a evolución da humidade no oeste peninsular

Imprimir directamente na boca: un proxecto galego busca acelerar a rexeneración ósea dental

Investigadores do CICA desenvolven un biopen portátil para reproducir enxertos en 3D adaptados ao desperfecto de cada paciente

Un equipo da Coruña crea un modelo en 3D para entender a endometriose e mellorar o seu diagnóstico

O obxectivo é comprender as características moleculares da enfermidades para probar novas dianas terapéuticas e identificar biomarcadores que axuden na súa detección

Un estudo da UDC achega novas claves para crear paneis solares máis estables e duradeiros

O investigador Alberto García participa nun artigo que axuda a comprender os principais obstáculos das prometedoras células solares de perovskita para chegar ao mercado