Hai centos de anos, alguén realizou o primeiro enxerto dun castiñeiro (Castanea sativa). En Galicia, hai evidencias deste tipo de selección artificial —denominada domesticación— dende a Alta Idade Media, cando se comezaron a expandir os soutos que existen na actualidade. Co paso das xeracións e a acción humana, as árbores enxertadas adquiriron características diferentes aos exemplares bravos, aqueles que medran de forma silvestre a partir dunha semente. Entender os trazos distintos entre un tipo de árbore e outra é fundamental para crear variedades máis resistentes a pragas e enfermidades, como a tinta, o cancro, e a gnomoniose.
A investigadora Josefa Fernández leva anos estudando a síndrome de domesticación do castiñeiro. É dicir, o conxunto de cambios xenéticos e morfolóxicos que experimentou a especie tras ser cultivada a seleccionada polo ser humano ao longo dos séculos. Un novo estudo do que é primeira autora, e que se publicou recentemente na revista científica Trees, achega novas claves sobre a historia evolutiva do castiñeiro.
A esterilidade masculina
O artigo baséase no coñecemento previo para demostrar que a maior parte das variedades enxertadas son estériles masculinas —é dicir, producen menos pole— fronte aos exemplares bravos, nos que acontece todo o contrario. “Demostramos que a esterilidade masculina está ligada á maior produción de flores femininas”, explica. Con todo, o estudo non conclúe que as árbores enxertadas produzan máis castañas, malia que Fernández admite que é unha hipótese na que está a traballar agora.
O estudo analizou 35 variedades tradicionais galegas e preto de 260 exemplares bravos, tanto da Galicia atlántica como da interior. Destacan, sobre todo, os individuos recollidos nas Fragas do Eume, na Fraga de Catasós, nos soutos do Courel e no de Rozabales. A través da análise das candeas, as estruturas florais alongadas do castiñeiro, o equipo determinou que das 35 variedades domesticadas, só tres eran fértiles masculinas. Nas poboacións bravas acontecía todo o contrario. Amais disto, a investigación corroborou que os exemplares enxertados tiñan unha maior heterocigosidade, é dicir, presentaban en xeral máis diversidade dentro dos individuos.
A importancia da polinización
Outro dos aspectos máis relevantes é a autoincompatibilidade do castiñeiro. Ou o que é o mesmo: o pole dunha árbore non adoita fertilizar con éxito as súas propias flores femininas, polo que necesita pole doutras árbores, por iso é tan importante que nos soutos destinados á produción de castaña existan exemplares masculinos fértiles que actúen como polinizadores. “O pole propio podería impedir a polinización doutras variedades”, apunta Fernández. A investigadora pon o exemplo da variedade Negral, cultivada no Sil: “É moi boa polinizadora doutras variedades, mais a maior parte das árbores con candeas fértiles producen ourizos con castañas bolecas, é dicir, ocas”, engade. Por tanto, a Negral podería ser unha excepción á autoincompatibilidade, posto que produce en abundancia e tamén poliniza. Esta é unha nova pista para continuar os estudos da síndrome de domesticación, e talvez corroborar en futuros artigos se hai relación entre a esterilidade masculina e a maior produción de castañas.

Fachada atlántica vs Galicia interior
O equipo de Fernández tamén caracterizou as diferenzas entre as poboacións de castiñeiros bravos da fachada atlántica galega fronte aos do interior. “Na costa, a gran parte do xermoplasma estudado parecen orixinarios dunha poboación á que chamamos noribérica e que se atopa por toda o litoral galego e cantábrico. Parece que procede dun refuxio do Pleistoceno. A poboación máis característica é a das Fragas do Eume”, sinala. Precisamente os individuos estudados neste enclave presentaron unha taxa de esterilidade masculina inferior ao 10%.
No caso da Galicia interior, hai árbores que nacen nos soutos a partir da diseminación de sementes e que, despois, poden cruzarse con variedades cultivadas. Así, fórmanse poboacións asilvestradas cunha importante presenza de individuos híbridos. “A hipótese que barallamos é que son híbridos entre a poboación noribérica, que consideramos autóctona, e outra que puido ser introducida dende o Mediterráneo”, argumenta Fernández. Por tanto, este tipo de exemplares “híbridos” tamén teñen unha elevada esterilidade masculina, maior que a rexistrada nas poboacións bravas atlánticas, pero menor que das variedades domesticadas. “Así puidemos definir un pouco máis a diferenza entre domesticados e bravos”, engade.
Para Fernández, é fundamental coñecer a bioloxía da polinización, entre outros aspectos, para crear variedades para a produción de castaña que sexan resistentes a pragas e enfermidades como a tinta, o cancro e a gnomoniose. “Hai que saber en que consistiu a domesticación para non facer cruces de forma aleatoria. Coñecer o nivel de esterilidade masculina é básico para un programa de mellora de variedades de para a produción de castañas”, insiste. Fernández, investigadora xubilada do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, leva máis de 40 anos centrada no estudo do castiñeiro. Para ela, investigar a síndrome da súa domesticación non é só avanzar e xerar novo coñecemento, senón unha forma de satisfacer a curiosidade científica sobre unha árbore que, segunda ela, é un compoñente máis da identidade galega.
Referencia: Male sterility in natural, domesticated and feral populations of the gynodioecious European chestnut (Castanea sativa) (Publicado en Trees)














