Ás veces, o medo o estrés ou o pánico déixannos sen capacidade de reaccionar. Pode ser o medo a subir a un avión, a estar no alto dun edificio, ás grandes aglomeracións, a determinados bechos ou animais… A ciencia catalogou centos de fobias, que dificultan a vida diaria de millóns de persoas. Nisto, a psicoloxía e a medicina teñen moito que dicir. E agora, unha empresa galega ofrece unha nova alternativa. PsicoVR propón que as persoas afectadas polas fobias poidan enfrontarse a elas coa ‘barreira’ que ofrece a realidade virtual.
[box size=”large”]Xa teñen escenarios para 3 fobias: medo a falar en público, ás multitudes e aos cans[/box]
PsicoVR naceu da idea de tres mozos de Pontevedra – Lucía Maneiro, Sonia Tourón e Rafael Tourón – a causa dunha experiencia que lles tocou de preto. Un dos seus fillos ficaba aterrorizado “cada vez que se lle achegaba un can”, explica Lucía. Por medio dun xogo de realidade virtual, pensaron en como podería actuar o cativo nese tipo de situacións. “Comezamos a investigar e vimos que desde os anos 90 xa se levan facendo investigacións sobre a aplicación da realidade virtual en psicoloxía”.
Pensaron, por tanto, que era posible vivir experiencias semellantes ás fobias, pero sen os perigos de expoñerse directamente a elas. “Ao tratarse dun entorno non real, a exposición é moi controlada“. Engade Lucía Maneiro que “a diferenza das terapias habituais, nas que se propón reconstruír a situación que provoca temor, na realidade virtual estamos dentro dela”. E, por outra banda, “o medo a enfrentarse a iso que nos atemoriza é o que decote posterga a decisión de iniciar un tratamento”. E ademais, “no caso de que a situación se volva intolerable, poderase saír dela cando se queira”.

A acollida por parte de psicólogos e outros profesionais do sector está sendo “moi boa“. Xa participaron en congresos de psicoloxía clínica, e están iniciando a fase de comercialización, con clientes en Pontevedra, A Coruña e Barcelona. E en pouco máis dun ano de traballo, PsicoVR xa participou na aceleradora de Via Galicia (que impulsan a Axencia Galega de Innovación e o Consorcio Zona Franca de Vigo), amais da Vodafone Connecting for Good e a Ría de Pontevedra; e recibiron dous premios: o accésit de innovación de AJE Pontevedra en 2017 e o 2º premio da categoría profesional de Maker Faire Galicia, tamén en 2017.
E como se adapta isto a cada persoa? Lucía Maneiro explícao co exemplo dun paciente de glosofobia (medo a falar en público). “O profesional poderá elixir entre tres escenarios de distinta dificultade, e poderá ir incluíndo unha serie de estímulos que farán que o escenario sexa cada vez máis complexo”. Deste xeito, o paciente poderá vivir situacións cunha maior intensidade da fobia da que podería vivir nun contexto real. “Por exemplo, podemos comezar o tratamento sen público, despois meter a dúas persoas, despois a 10, 50 e ata 200, tamén poderemos controlar interrupcións e reaccións do público, sons, distraccións ou iluminación”.
Amais da glosofobia, o software desenvolvido por PsicoVR ofrece escenarios para outras dúas fobias (agorafobia, ou medo a espazos abertos; e cinofobia, ou medo aos cans) e están avanzando noutros dous escenarios: a claustrofobia, ou medo a espazos reducidos; e a acrofobia, ou medo ás alturas. Tamén agardan comezar pronto con desenvolvemento de escenarios para o medo a voar (aerofobia) e a conducir (amaxofobia).
O futuro de PsicoVR
O obxectivo de PsicoVR é ofrecer terapias para 25 fobias, tendo en conta as que afectan a un maior número de persoas, para poder conseguir “un mecanismo efectivo onde outros métodos fallaron”. Xa houbo interese desde varios países de Latinoamérica e os membros da empresa xa planean comezar a traballar no mercado portugués.
Pero tamén queren ampliar os seus escenarios a outros aspectos da psicoloxía. “Cremos que hai moitas outras patoloxías nas que o uso da realidade virtual melloraría a vida dos pacientes”, como é o caso do TDAH, o autismo ou o Alzheimer.