Aplicar a intelixencia artificial para conseguir crear anuncios mais atractivos é o eixe do negocio de PhotoIlike, unha empresa spin-off que naceu no seo do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) e que con apenas un ano de vida xa conta co apoio de clientes moi importantes do sector inmobiliario, entre os que se atopa Abanca. Cara ao futuro inmediato xa apunta a estender a súa actividade a outros sectores como a automoción ou as tendas online de produtos de segunda mao que se adaptan tamén ás solucións propostas por PhotoIlike.
Juan Romero, socio maioritario e responsable de investigación da empresa, explica que o proxecto xorde do grupo de investigación Rnasa Imedir do CITIC, dedicado ao estudo de distintas posibilidades de aplicación da intelixencia artificial. “Levabamos vinte anos traballando na aplicación da intelixencia artificial nas artes e xa tiñamos un nivel elevado neste campo a nivel mundial. Por iso demos o paso á creación da spin-off, que se constituíu en marzo de 2021 despois do desenvolvemento realizado mediante o programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia ao longo dos dous anos anteriores”, explica Romero.
PhotoIlike avaliou nun ano máis de 15 millóns de fotos
O funcionamento do sistema desenvolvido por PhotoIlike é moi sinxelo. Trátase de “adiviñar” os gustos maioritarios dos clientes e ser capaces de ordenar un conxunto de fotografías dun inmoble que se pretende vender. A intelixencia artificial permitiu crear unha ferramenta que facilita un incremento importante das visitas aos anuncios inmobiliarios, xa que as fotos máis atractivas para os clientes pasan a ocupar automaticamente as primeiras posicións. “Abanca xa probou o sistema e conseguiuse incrementar nun 15% as visitas e nun 20% o número de persoas que preguntan polos inmobles”, sinala Romero.
Actualmente a solución AutoAd deseñada por PhotoIlike estase a comercializar sobre todo a inmobiliarias, portais deste sector, empresas de visitas virtuais e fondos de investimento que adquiren inmobles. A curto prazo Romero apunta que se van desenvolver outro tipo de solucións para o sector como un sistema de auto-renovación de anuncios, xa que é algo demandado polo mercado, e unha ferramenta para mellorar as fotos.
Pero as posibilidades de aplicación da intelixencia artificial ás fotografías pode estenderse con éxito a outros sectores. A spin-off coruñesa xa ten previsto entrar no mercado do automóbil e dos artigos de segunda man nos próximos meses. Ademais, traballan na posibilidade de aplicar o modelo ao e-commerce, o que permitiría aos clientes que cando fagan unha procura nunha tenda en liña o que vaian ver se corresponda cos seus gustos e non só cos da maioría dos clientes. Para dar idea do crecemento que está a rexistrar PhotoIlike basta sinalar que nun ano foron avaliadas máis de 15 millóns de fotos.
Internacionalización sen présas
O responsable de investigación de PhotoIlike asegura que a axuda inicial do programa Ignicia foi fundamental para o desenvolvemento da empresa e tamén obtiveron apoios do Igape. “O feito de seren unha empresa tecnolóxica axúdanos para o acceso ao financiamento e contamos tamén cunha axuda estatal a través de Enisa”, indica Romero.
A internacionalización é unha meta moi clara do proxecto dende o principio e xa están a traballar nesta liña. Sen présa pero sen pausa, PhotoIlike aspira a consolidarse nun sector que ten moitas posibilidades de crecemento, xa que a venda en liña segue a medrar despois da pandemia e contar cun escaparate virtual o máis atractivo posible é un requisito fundamental para sobrevivir nun mercado cada vez máis competitivo. A spin-off coruñesa conta cos coñecementos e cun equipo humano avalado por moitos anos de investigación, que segue a estar no ADN da empresa.