O porto de Vigo é, a nivel pesqueiro, un dos máis relevantes do mundo. Unha das peculiaridades deste lugar é a súa importancia no ámbito da comercialización de especies como o tiburón. Aínda que nos últimos anos o volume de captura descendeu, o mercado do Berbés poxou o ano pasado un total de 1.757 toneladas. Parte desta cantidade trátase como descarte, pero hai quen atopa a forma de aproveitar estas especies. Investigadores do grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo levan anos traballando na valorización de descartes e subprodutos da pesca, concretamente dunha parte relativamente “pequena” e escondida do animal: os seus dentes.
Por que os dentes de quenlla?
Pío González, un dos principais investigadores do proxecto Biofast (Bio Fluor Apatite Shark Teeth), explica as vantaxes dos dentes de tiburón (concretamente tintoreira e marraxo). As características fisicoquímicas e a composición deste biomaterial fano óptimo para o enxerto óseo.
A diferenza dos materiais sintéticos, ou doutro tipo de animal, o dente das quenllas contén unha porcentaxe de flúor, fósforo e calcio significativo, así como doutros compoñentes minoritarios como potasio, magnesio e estroncio.
“Os materiais sintéticos non contan coas propiedades que achegan estes elementos”, aclara o investigador: “E os implantes doutros animais, como vaca ou porco, poden transmitir algunhas enfermidades que a quenlla, por ser unha especie marítima, non ten.”
O proceso de elaboración
“Cando por algunha patoloxía, como cancro ou un traumatismo, prodúcese unha perda de material óseo, este non se rexenera; non volve recubrir toda a cavidade”, di o investigador. Ademais, González apunta que, debido ao envellecemento poboacional, os produtos de rexeneración ósea son cada vez son máis necesarios.
Actualmente, o proceso de elaboración do material está optimizado para a súa sinxela industrialización. Unha vez retirados, os dentes sométense a un lavado básico; despois procédese á moenda, para despois someter a peza a altas temperaturas cunha rampla de quecemento determinada.
O investigador explica que durante este proceso elimínase toda a parte orgánica; permanecen só os elementos minerais: “Despois obtense unha fracción, un granulado, que é o produto que interesa aos odontólogos, por exemplo, cando necesitan encher unha cavidade ósea para a rexeneración da mandíbula”.
González aclara que o produto final non é un implante en si, senón un granulado que prepara o terreo para o mesmo. Retoma de novo o exemplo da odontoloxía: “Faise unha operación previa onde se abre a enxiva; colócase o recheo e espérase uns meses, de forma que a enxiva teña material óseo suficiente para engadir un implante dental”.
O futuro e a transmisión ao mercado
“Participar en IGNICIA supuxo unha nova visión sobre o noso traballo; nós somos investigadores, o tema do mercado escápasenos”. Este salto cualitativo supuxo unha fonte de financiamento e a supervisión por persoal específico no ámbito de empresa. “Desta forma podemos explorar ata onde chega este produto no mercado”, expón González. Un proxecto de futuro podería ser a obtención de artigos derivados deste “produto nai”, como variantes no aspecto da presentación, ou cara ao ámbito da medicina personalizada.
O seguinte paso é a firma dun contrato para conseguir, finalmente, o obxectivo do proxecto: a transmisión dos resultados da investigación ao mercado. Neste sentido, o investigador afirma que xa hai empresas interesadas e que as negociacións están xa en marcha para comezar a etapa final.