É o autor do primeiro artigo científico publicado en galego tras a Guerra Civil. En 1958, aparecía na revista Referatas, editada pola Academia Médico Quirúrgica Provincial de Vigo o estudo “Ensaios para mellorar os resultados terapéuticos do estrabismo”, asinado polo oftalmólogo Antón Beiras García, médico, humanista e intelectual galeguista que inventou un revolucionario sistema para corrixir a vista que bautizou como ‘Vigoscopio’ e que causou asombro en senllos congresos en Madrid e París.
Beiras, que era tío do economista e político Xosé Manuel Beiras Torrado, e os seus fillos profesionais de gran recoñecemento, foi unha figura relevante da cultura galega dos anos 50 e 60, cunha valentía intelectual enorme. Nado en Santiago de Compostela en 1915, licenciouse en Medicina en 1942 e, desde 1945, asentouse en Vigo onde en 1947 casaría coa pedagoga Antía Cal, fundadora do emblemático colexio Rosalía de Castro, un símbolo da modernidade na educación que brillou aínda no máis escuro da ditadura franquista.

O interese científico polo estrabismo chegoulle a Beiras por vía familiar: a súa filla Antía foi diagnosticada con esta doenza e comezou a investigar, visitando varios laboratorios oftalmolóxicos en Europa. Produto destes traballos, crearía un sinoptoforo, unha máquina que permite realizar medidas sobre o grao de binocularidade da vista. Ese novo aparello foi bautizado como ‘Vigoscopio’, en homenaxe á cidade onde desenvolveu a súa carreira. E deseguido converteuse nun éxito, chamando a atención da comunidade científica.
O primeiro prototipo desenvolveuse na ETEA, a Escola de Transmisións e Electrónica da Armada en Vigo, en 1963. Ese mesmo ano preséntase ao público non especializado no Congreso Mundial das Telecomunicacións e, ao ano seguinte, en 1964, expúxose o seu funcionamento a especialistas oftalmólogos nun congreso en Palma de Mallorca. Un segundo modelo foi presentado en 1965 no Congreso Internacional de Oftalmoloxía que se celebrou en París, cunha espectacular acollida.
“É aparentemente moi simple: un aparello, mestura de técnicas ópticas e electrónicas que permite en forma eficacísima coadxuvar á corrección do estrabismo. O estrábico é un enfermo que ve dúas imaxes, unha en cada ollo; o seu cerebro non funde esas imaxes e a súa conciencia confúndeas. No noso mundo de hoxe existen uns douscentos millóns de estrábicos e o Vigoscopio permitirá curalos”, escribía a crónica de Faro de Vigo días despois do recoñecemento en Francia. En datas sucesivas, o diario gaba “os moitos recoñecementos científicos logrados polo “Vigoscopio”, en París, Viena, Leipzig, Nova York, Buenos Aires, etc… e únense os logrados a semana pasada no Porto ao longo do Congreso Oftalmolóxico luso-hispano- brasileiro”.

O investigador Alejandro Otero, autor dunha completa biografía de Beiras, anota mesmo que o “Corneal Center (Institute of Ophthalmology of the Presbyterian Hospital) de New York, en 1967 propón ao doutor Beiras o seu traslado aos Estados Unidos, para realizar as súas investigacións”, para as que lle ofrece todo o financiamento e os adiantos técnicos que precise.
En 1962, Antón Beiras García xa fora premiado pola Sociedade Española de Oftalmoloxía e, finalmente, a Caixa de Aforros de Vigo decidiu financiar o seu proxecto, cun terceiro prototipo que foi construído no Colexio Hogar, na actual rúa Filipinas. Esta máquina estivo en funcionamento ata 1974, mentres que en varias crónicas xornalísticas da época suxírese trasladar os primeiros modelos ao Hospital Municipal para que poidan usarse xa con fins terapéuticos.
Por desgraza, o oftalmólogo Antón Beiras faleceu por un cancro á temperá idade de 52 anos, en Vigo, o 1 de abril de 1968. Era precisamente o momento no que o Vigoscopio estaba a acadar renome internacional e os seus tratamentos eran xa un feito.
Ademais dun investigador de prestixio internacional, perdíase tamén a figura dun intelectual, que militara activamente nas Mocidades Galeguistas, fora membro fundador e conselleiro da editorial Galaxia e que ao longo da súa vida mantivo unha fonda amizade con outros polígrafos como Otero Pedrayo, Fernández del Riego, Darío Álvarez Blázquez ou Celso Emilio Ferreiro, quen por certo dedicou un poema ao falecido.

Seu foi o primeiro artigo científico publicado en galego despois da Guerra Civil, onde avogaba polo uso da lingua propia para o coñecemento científico, tanto para a súa publicidade como divulgación. E a cerimonia do seu funeral foi oficiada polo xesuíta padre Seixas, na que foi a primeira homilía pronunciada en galego durante a ditadura franquista.
O doutor Antón Beiras García ten unha rúa no seu recordo na cidade de Vigo. Á súa excelencia científica sumou a súa valentía intelectual, co ‘Vigoscopio’, un invento galego para curar o estrabismo.