Martes 23 Abril 2024

Unha nova campaña afonda nos vestixios romanos da illa de Ons

Arqueólogos da UVigo desenvolven nesta semana unha intervención na factoría de salga da praia Canexol, descuberta recentemente

Desde este luns 5 e ata o 9 abril, un equipo dirixido por Adolfo Fernández, arqueólogo do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, está a desenvolver unha intervención arqueolóxica de limpeza, rexistro e sondaxes na factoría romana de salga da praia Canexol, na illa de Ons. A actuación conta co apoio do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e inscríbese dentro do proxecto de investigación Galtfish, que ten como obxectivo o estudo da explotación dos recursos mariños na costa galega en época romana.

“O obxectivo principal desta intervención é o de investigar estes restos arqueolóxicos e aumentar considerablemente o noso coñecemento sobre eles no marco dun estudo global sobre a produción de salgas de peixe en época romana”, comenta o responsable da iniciativa. Segundo indica Adolfo Fernández, o xacemento romano de Canexol, descuberto recentemente e nunca antes intervido, esténdese por todo o cantil da praia da illa de Ons, uns 100 metros, destacando a presenza de dous píos ou depósitos de salgadura parcialmente destruídos. “A entidade dos restos e a súa amplitude fannos pensar que ademais da fábrica de salgadura poderían existir outras edificacións anexas que puideron servir de zona habitacional, sen descartar que o castro ou Castelo dos Mouros, situado a poucos metros do xacemento, fose o lugar onde habitaron as persoas que traballaban nesta unidade fabril”, detalla o arqueólogo.

Publicidade

A intervención en Ons xira arredor de dous eixes principais. En primeiro lugar, o equipo vai rexistrar dixitalmente todos os restos arqueolóxicos visibles no cantil da praia e que están sendo moi afectados pola erosión mariña, segundo comenta o responsable do proxecto. “O obxectivo é monitorizalos para poder medir e avaliar a progresión da afectación dos restos ao longo do tempo para tomar medidas protectoras de ser necesario”, detalla Adolfo Fernández. En segundo lugar, no marco da intervención vanse realizar varias sondaxes arqueolóxicas co obxectivo de recuperar datos da fábrica e delimitar o xacemento para poder “protexelo, intervilo e musealizalo no futuro”.

Vista do cantil onde se conservan os restos, na praia de Canexol. Foto: Duvi.
Vista do cantil onde se conservan os restos, na praia de Canexol. Foto: Duvi.

Para desenvolver estas tarefas, o equipo da Universidade de Vigo contará co apoio en todo momento de persoal do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que facilita a infraestrutura necesaria para levar a cabo a intervención arqueolóxica. Posteriormente, a información e materiais arqueolóxicos serán procesados no laboratorio do GEAAT no edificio do Campus Auga, no campus de Ourense.

Esta intervención forma parte do proxecto de I+D Marie Curie Talent, financiado pola UE, Galtfish, Salt and fish salting in Ancient Gallaecia. Looking for the origins of the Galician canned fish industry, do Campus do Mar. O seu foco de interese é o coñecemento da produción do sal e as salgaduras no Noroeste Peninsular durante a época romana. Dentro deste proxecto, explica Adolfo Fernández, xa se fixeron intervencións noutros xacementos costeiros como Sobreira (Vigo), Adro Vello (O Grove) e praia do Naso (Illa de Arousa), todas elas factorías de salga romanas que producían prebes e peixe salgado para a exportación. O proxecto, engade, tamén ten afondado no coñecemento das salinas romanas do Areal, da produción de produtos piscícolas e da súa comercialización. Dentro desta última liña enmárcase o estudo da olería de ánforas romanas localizada na Pescadoira (Bueu), cuxos produtos (ánforas que contiñan o peixe galego en salgadura) chegaron a mercados tan afastados como Lisboa ou Roma, onde se atoparon nas escavacións do Palatino.

Atopan mostras de peixe de hai 1.700 anos e restos humanos nunha necrópole do Grove

Entre as descubertas feitas no marco deste proxecto, os seus responsables tamén destacan como na intervención en Adro Vello púidose recuperar unha importante mostra de peixe no interior dunha pía de salga. “O estudo dos restos de ictiofauna demostran que os peixe escollido para facer prebes en época romana era a sardiña e o xurelo de pequeno tamaño, que logo dun proceso de maduración era envasado en ánforas producidas en Bueu”, detallan. A estes enclaves, únese agora o estudo dos restos da illa de Ons.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble

Arqueoloxía explicada a un científico e público interesado

O investigador Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do...

Un estudo da UVigo atopa en Etiopía os restos de Homo erectus máis antigos do mundo

Sitúan por primeira vez a aparición destes homínidos e da tecnoloxía achelense hai dous millóns de anos

Descuberta unha casa castrexa na cidade romana de Armea

Durante a última campaña arqueolóxica no xacemento de Allariz atopáronse os primeiros vestixios dun poboado da Idade de Ferro