Venres 26 Abril 2024

Pita da Veiga, o galego que prendeu ao rei de Francia

O cabaleiro ferrolán ao servizo do emperador Carlos V está considerado un dos heroes da batalla de Pavía por ter apresado a Francisco I

A xélida mañá do 24 de febreiro de 1525 un silencio mortal apoderouse do campo de batalla de Pavía, ao sur de Milán, despois de que a cabalería pesada francesa, considerada a mellor do mundo na súa época, foi flanqueada e masacrada por tres mil arcabuceiros imperiais. Nunhas horas, o que semellaba que ía ser unha cómoda vitoria gala pasou a ser unha derrota que marcou a Idade Moderna en Europa. A guerra clásica, a dos cabaleiros acoirazados, armados con lanza e espada, sucumbía fronte ao poder xa incontestable das armas de fogo.

Pero aquela batalla tivo unha consecuencia aínda máis inesperada. Porque, entre as tropas que abandonaban o escenario bélico tras o desastre, cabalgaba o propio rei de Francia, Francisco I, no anonimato e cuberto coa súa pesada armadura. Ata que foi interceptado por tropas do emperador Carlos V, comandadas por un nobre galego: Alonso Pita da Veiga, quen derrubou ao monarca, recoñeceuno, fíxoo o seu prisioneiro e arrebatoulle a súa cruz, que pertencera a Carlomagno.

Publicidade

Francisco I pasaría logo un ano como prisioneiro en Madrid, mentres que o ferrolán Pita sería cargado de honras e fundaría tras el unha liñaxe militar moi protagonista nos séculos sucesivos.

Alonso Pita da Veiga representado por Ferrer Dalmau.

Alonso Pita da Veiga nacera en Ferrol en 1485, nunha familia fidalga que administraba o Coto de Vilacornelle. Era fillo do escudeiro e rexedor ferrolán Pedro de Morado, e de María Fernández da Veiga, descendente da antiga estirpe dos Yáñez de Leiro, Bugueiro de Parga e do lendarios Lago. Pita chegaría a ser rexedor de Ferrol e tivo casa na próxima freguesía de Mandiá.

Desde 1513, aparece en Italia, participando en varias batallas xunto ás tropas imperiais. A máis destacada foi a de Bicoca, tamén en Lombardía, preto de Milán, que en 1522 librouse cunha auténtica masacre das tropas combinadas de Francia e Venecia, auxiliadas por mercenarios suízos, que armaban grandes formacións de piqueiros. Estes últimos foron masacrados polos arcabuceoros imperiais, que mataron a máis de tres mil antes de que nin sequera chegasen a contactar coas tropas de Carlos V.

De feito, esta contenda provocou unha conmoción para os estrategos, aínda que en Pavía, tres anos máis tarde, caeron nun erro similar, nesta ocasión coa cabalería arrasada polas armas de fogo. Como curiosidade, Bicoca é o nome da cidade e da batalla, pero actualmente úsase como nome común (‘bicoca’) para expresar “unha cousa moi boa ou doada de facer, para o traballo que dá”, en recordo da facilidade con que os arcabuceiros imperiais aniquilaron aos piqueros suízos en 1522.

Máis tarde, Carlos V loubará a Alonso Pita de Veiga polo seu valor naquela contenda, ao destacar: “Onde vos atopastes e señalastes como home de bo ánimo e esforzo”. Pero o gran momento da súa biografía chega coa batalla de Pavía, un dos grandes momentos bélicos da Idade Moderna. Alí unha nova derrota de Francia abría a Carlos V o control absoluto do Milanesado e de Lombardía, confirmando a súa primacía na península italiana.

A batalla de Pavía, nun tapiz de Bernard van Orley.

Pero aquela derrota do 24 de febreiro de 1525 tivo ademais un inesperado momento histórico, como foi a captura do propio rei Francisco I, que acudira ao sitio convencido da súa vitoria e que agora abandonaba o campo de batalla derrotado e no anonimato, despois de ver caer mortos a notables membros da nobreza francesa, incluíndo o suicidio do seu principal conselleiro militar, Guillaume Gouffier de Bonnivet, quen avergoñado deliberadamente buscou unha morte heroica a mans das tropas imperiais. Foi un máis entre os oito mil homes que pereceron aquela mañá no bando galo.

Pita da Veiga xa protagonizara un feito heroico horas antes, ao recuperar do poder dos franceses o estandarte do Serenísimo Infante don Fernando, irmán do Emperador, o cal levaba bordada a insignia do Ducado de Borgoña.
Pero a gloria chegaría de xeito inesperado cando, acompañado doutros cabaleiros, interceptou a un dos combatentes que abandonaba dacabalo o campo de batalla.

Segundo as últimas versións históricas, produciuse unha turbamulta que descabalgou a Francisco I e foi Pita da Veiga quen o identificou como o rei francés e impediu o seu linchamento, facéndoo o seu prisioneiro.

Así o contaba a propio Pita da Veiga: “E achegado eu polo lado esquerdo tomeille a manopla e a banda de brocado con quatro cruces de tea de prata e no medio o cruçifixo da veracruz que foi de Carlomagno e polo lado dereito chegou logo Joanes de Orbieta e tomoulle do braço dereito e Diego de Ávila tomoulle o estoque e a manopla dereita e matámoslle o cabalo”.

O crucifixo que pertencera a Carlomagno era un ben precioso para Francisco I, porque fora o primeiro don ofrecido ao tempo de ser coroado rei. Pero é que, ademais, aspirara sen éxito fronte a Carlos V a converterse en Emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, precisamente pola súa relación coa dinastía carolinxia. O ferrolán Pita da Veiga tamén lle arrebatou unha insignia de San Miguel que o monarca francés levaba colgada ao pescozo, e pola que lle ofreceu 6000 ducados, que non aceptou Alonso Pita.

O apresamento de Francisco I foi unha conmoción na Europa da época. Cando Carlos V foi informado, ordenou que fose evacuado en barco ata Barcelona e, desde aquí, a Madrid onde pasou un ano preso. Nese tempo, o emperador quixo que vivise como nunha ‘gaiola de ouro’, desviviéndose polas súas comodidades, pero coa innegable humillación de ter pechado a un rei. Finalmente, o monarca galo foi liberado tras asinar unhas capitulacións recoñecendo a soberanía de Carlos sobre o Milanesado e comprometéndose a non atacalo no futuro, algo que non só non cumpriu senón que en catro anos xa estaba a combater de novo no mesmo escenario. Pero esa xa é outra historia.

Carlos V visita ao seu prisioneiro Francisco I, no cadro de Richard Parkes Bonington.

Pita da Veiga viu recompensado o seu heroísmo polo emperador Carlos V, quen o 24 de xullo de 1529 outorgoulle un privilexio en Barcelona polo cal, entre outras cuestións, concédenlle un novo escudo de armas para el e os seus descendentes, onde se reflicten os atributos inherentes á súa fazaña en Pavía. Entre outras cuestións, queda habilitado para usar a flor de Lis, emblema da corte francesa, no seu propio escudo. Non deixa de ser unha cuestión moi humillante para Francisco I e os seus descendentes.

“Acatando os bos e leais servizos que Vos, Alonso Pita da Veiga, galego, o noso vasallo, fixéstesnos en todas as guerras que se ofreceron, ansí en España como en Italia”, escribe Carlos V na súa resolución en favor do cabaleiro galego.

Alonso Pita da Veiga morreu en 1554, tras outorgar testamento na torre de Mandiá, en Ferrolterra. Os seus descendentes terían un destacado protagonismo militar nos séculos seguintes. E agora cumpre medio milenio aquela terrible batalla de Pavía, que culminou cun galego apresando ao rei de Francia e tomando consigo a cruz de Carlomagno.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As covas do Monte Pindo, o refuxio dos disidentes durante a represión franquista

Un proxecto galego recupera a memoria dos fuxitivos da Guerra Civil na Costa da Morte a través de 12 pezas documentais
00:03:05

R de Revolta: o autogoberno irmandiño de “todos á unha”

Entre 1467 e 1469 a rebelión do poder popular arremeteu contra as fortalezas do Reino, o símbolo material da violencia dos señores

A pegada dos deuses prerrománicos nos topónimos de Galicia

O estudo das inscricións de seis aras votivas no noroeste peninsular axudan a entender a mobilidade xeográfica e o culto ás deidades

Os oito precedentes de Toconao: 2.070 toneladas de ‘pellets’ vertidas ao mar dende 2011

Un informe de Fauna & Flora International recolle os accidentes máis graves que ocasionaron o derramamento de bólas de plástico polo mundo