Nunca imos esquecer os 18 meses que acabamos de vivir. Ou si, quen sabe; pode que neste presente de novos e grandes impactos case que diarios, cun futuro moi incerto por diante, a experiencia da Covid-19 acabe sendo apenas unha rabuñada rodeada de feridas máis graves. Pouca xente contaba, por exemplo, con que despois da conmoción da primavera de 2020, unha nova onda chegase co Nadal e levase outras miles de vidas por diante. Aquela terceira onda medrou e descontrolouse, dentro da gravidade, cunha certa adaptación -e por tanto aceptación- colectiva do drama, facéndonos reflexionar sobre cantas vítimas diarias podería aguantar unha sociedade sen verse tan afectada.
Esta primeira fin de semana de outubro abriu, por diversas razóns, unha nova fase despois destes 18 meses de conmocións. Desfrutamos do verán, co susto das infeccións da rapazada que aínda non puidera vacinarse, e unha vez que a inmunizacións se estendeu, semella que a ameaza doutra repunta se afasta cada vez máis lonxe. É recomendable non facer predicións, mais todo apunta a que este outono e inverno serán moi diferentes ao anterior: xuntámonos cada vez máis, recuperamos unha cotiandade xa bastante próxima á que tiñamos e as infeccións, tanto leves como graves, seguen baixando. Vivimos todo isto con alegría e, sobre todo, cunha extraordinaria normalidade.
A explicación parece clara: un fármaco dispoñible e incriblemente efectivo para reducir a meirande parte das infeccións graves provocadas polo SARS-CoV-2. É difícil atopar outros actos colectivos que unisen tanto á cidadanía galega. Non todos pensamos igual, nin temos os mesmos gustos. Aínda que compartamos un mesmo territorio, vivimos de moitas maneiras distintas e cun abano enorme de circunstancias que nos condicionan. Pero a gran maioría, case o 92%, máis de 2.256.000 persoas que recibiron preto de 4.350.000 doses, compartiron este pequeno xesto. Foi un éxito tal que esta semana pecharon os centros de vacinación masivos porque, simplemente, xa non fan falta.
As cicatrices destes 18 meses -que as hai, e moitas- deberán tratarse e curarse para intentar que o mundo que saia desta conmoción non sexa peor que o anterior. Haberá que intentar resolver determinadas eivas que, como aconteceu coa onda do Nadal, aceptamos para soster as nosas incoherencias e incomodidades. Porque hai quen aínda está lonxe de deixar o pesadelo atrás: xa asumimos con normalidade que, mentres os países con maiores recursos gozan dunha ampla cobertura vacinal, outras partes do mundo seguen padecendo severas vagas da Covid-19.
Este luns comezarán a coñecerse os nomes dos Premios Nobel 2021. Nas candidaturas de Medicina/Fisioloxía e Química soan Katalin Karikó e Drew Weissmann, pais da tecnoloxía de ARNm que fixo posibles as vacinas contra a Covid-19. O seu traballo, xunto co de moita outra xente, contribuíu de forma decisiva a superar a meirande emerxencia global de saúde pública nos últimos tempos. E conseguiuse, non sen controversia e a pesar do moito sufrimento, en apenas 18 meses.
Grazas ao seu traballo, cunha extraordinaria normalidade estamos a recuperar unha vida bastante semellante á anterior a marzo de 2020. Daquela xa era normal, por exemplo, vivir 80 anos con boa saúde, que a mortalidade infantil sexa ínfima ou que un cancro teña cura en máis da metade dos casos. Estas cousas normais foron, durante case toda a historia da humanidade, algo extraordinario. Como o era voar, comunicarnos a miles de quilómetros de distancia ou poder alumearnos e quentarnos cando o Sol marcha polo horizonte. Virán novos retos, e algúns xa teñen nome: o cambio climático, a limitación dos recursos, a resistencia bacteriana… Haberá que afrontalos, e será difícil, mais xa hai xente traballando fronte a eles. Diso parece encargarse a ciencia e o coñecemento que imos acumulando, ananos a ombros de xigantes: facer normal ata o máis extraordinario.