Venres 26 Abril 2024

Papel hixiénico: un artigo de luxo que chegou a Galicia a lombos dun elefante

Da folla de verza ao papel de xornal, os rolos non chegaron a Galicia ata os anos 50 do século XX con Papelera Española e os seus piñeiros ourensáns

Contan que o chinés Cai Lun, un conselleiro imperial eunuco do século II, foi o inventor do papel hixiénico. Co paso das centurias, durante as dinastías Yuan e Ming, converteuse nun produto moi fabricado. Só no ano 1393, está documentado que China produciu dez millóns de paquetes de 10.000 follas.

Pero o papel tardou moito máis en chegar a Occidente. Nos baños da antiga Roma, arranxábanse cunha esponxa cun pau, que se mollaba nun barreño de auga tras cada uso. Mentres que, en toda Europa, a tradición sempre foi limparse cunha folla de leituga ou de verza mollada en auga.

Publicidade

Guttemberg supuxo logo un grande avance para a hixiene do retrete. No século XIX, coa popularización dos xornais, a xente comezou a usalos cortados en cuartilla e pendurados dun cravo. E así aconceu en Galicia ata ben entrado o século XX, cando o papel hixiénico comezou a chegar aos fogares nos anos 50 a lombos dun ‘elefante’.

Anuncio en El Compostelano en xuño de 1937.

Marrón, cunha capa satinada e outra áspera, o popularmente coñecido como ‘papel do Elefante’ foi o primeiro en fabricarse masivamente en España. Facturábao Papelera Española, empresa nada en 1901 en Euskadi, pero que durante o franquismo formou parte do conglomerado industrial do réxime. En Galicia, Papelera Española adquiriu en 1949 case seis mil hectáreas que hoxe compoñen o Parque Natural do Invernadeiro, en Ourense. Alí plantaron case catro mil hectáreas con Pinus sylvestris, unha variedade máis pensada para o papel, mentres que as repoboacións daqueles anos centrábanse en Pinus pinaster e, paulatinamente, no eucalipto.

Antes do elefante de Papelera Española, o papel hixiénico xa se vendía en Galicia, pero como artigo de luxo. Na hemeroteca dixital Galiciana, atopamos anuncios xa en 1931, cando no Compostelán se publicita que a papelería El Sol recibiu ‘papel hixiénico en rolos de calidade extra’. Tamén se vendía en follas, tamaño cuartilla, o que se explicaría porque ese era o formato máis coñecido cando se utilizaban as follas de xornal. De feito, poderiamos pensar que algúns usuarios utilizaban o propio anuncio para máis funcións que a propia de lelo.

O Invernadeiro: o pracer de sentir o silencio

Aquí poderiamos discutir se ese ‘papel hixiénico’ non podería confundirse co papel de lear tabaco, que nalgúns anuncios leva tamén a etiqueta de ‘hixiénico’. Pero non hai dúbida de que os galegos coñecían e usaban este produto –entre as clases máis acomodadas- pois ata se fan chistes nos diarios. Así lemos en ‘El Compostelano’ xa en 1920, cando o cronista critica ao concello por resolver un problema municipal con remedios que parecen parches, “do mesmo xeito que non se cura a disentería por usar papel hixiénico”.

O que parece evidente é que tardou en chegar a Galicia. Porque o papel hixiénico moderno foi inventado polo estadounidense Joseph Gayetty en 1857, coa etiqueta de ‘papel medicinal’. Tamén levaba o nome do seu inventor nunha marca de auga, decisión de dubidoso gusto, obviamente. O seu anuncio en prensa alertaba dos perigos de usar papel de xornal “coa súa tóxica tinta en partes tan sensibles do corpo humano”.

Anuncio de papel hixiénico en El Correo Gallego.

Pero o grande impulso ao papel hixiénico deuno outro apelido ben reconocible hoxe en día: o dos irmáns Clarence e Irvin Scott. En 1890, lanzaron os seus rolos, fórmula que acabaría por copar o mercado. Ao longo da historia, nos seus paquetes apareceron un bebé mofletudo, un osiño e, finalmente, un cachorro de can ou cuzo. A marca é a actual Scottex.

Pero a popularización en Galicia do papel hixiénico chegará moito máis tarde que aqueles pioneiros do século XIX. Non comezaría a entrar comunmente nos fogares ata os anos 50 do século XX.

El Compostelano, en 1931.

E fíxoo cos rolos de Papeleira Española, que se vendían individualmente, envolvidos en celofán amarelo. Aínda que levaban un elefante vermello no seu envoltorio de papel, o único texto que acompañaba ao rolo era ‘400 follas’. Porque si: seguíase a contar en follas, que era como se vendía o orixinal de luxo nas primeiras tendas galegas. En calquera caso, paso ao acervo popular como o ‘papel do elefante’.

Aínda na actualidade véndense rolos antigos do Elefante para coleccionistas. Na web Todocoleccion chegáronse a pagar a corenta euros por unidade.

Máis tarde, apareceron outros animais, nunha fauna que vai desde o cervo ata o crocodilo. Pero o paquidermo foi quen triunfou ata a chegada dos rolos de papel branqueado de suavidade contrastada.

Así se pasou da folla de verza ao xornal e, dende este, á folla de papel e ao rolo. En tempos de corentena, en que se volveu a converter nun obxecto desexado, case de novo un artigo de luxo, así é a historia do papel hixiénico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses