Os carallos franceses eran populares na Idade Media.

Os ‘carallos franceses’: consoladores nas cantigas medievais galegas

Recentes estudos atopan xoguetes sexuais e mesmo doenzas venéreas na lírica medieval galega

Os xoguetes sexuais acompañan ao ser humano dende o abrente dos tempos. No 2005, científicos alemáns descubriron na cova de Hohle Fels (Alemaña) un falo de pedra de 20 centímetros de longo datado hai 28.000 anos. O dramaturgo grego Aristófanes, na súa obra ‘Lisístrata’, denomínaos ‘consoladores de viúvas’. E os romanos tiñan un intenso tráfico destes produtos, antes da era do ‘Tuppersex‘.

Tampouco foi allea a este fenómeno a literatura medieval galaico-portuguesa, que nas súas cantigas de escarnio fala dos ‘carallos franceses‘, consoladores da Idade Media que se importaban dende Francia ata Galicia, segundo salientan varios estudos publicados nos últimos anos.

A máis recoñecida destas cantigas é a asinada polo trovador galego Fernando Esquío (Fernand’Esquyo) no século XIII. Está dedicada a unha abadesa, á que lle ofrece catro ‘carallos franceses‘, que desexa que comparta tamén coa prioresa do seu convento:

A vós, Dona abadessa,
de min, Don Fernand’ Esquyo,
estas doas vos envyo,
porque ssei que ssodes essa
dona que as merecedes:
quatro caralhos franceses,
e dous aa prioressa.

O investigador Rodríguez Lapa, na súa obra “Cantigas d’escarnho e de mal dizer dos cancioneiros medievais galego-protugueses” (Galaxia, 1970), xa apuntaba o escabroso da temática desta cantiga: “a composicaõ gira em volta de uma peça em uso na Idade-Media, de origem francesa, o consolador, para serviçio das mulheres que naõ queriam ou naõ podiam achegar-se aos homens”.

Escena sexual representada na Idade Media.

Pola súa banda, a investigadora Eukene Lacarra Lanz, da Universidade do País Vasco, nun estudo publicado no 2001, salienta a calidade formal do poema, escrito de xeito epistolar e imitando a retórica das cantigas de amor, pero co elemento do consolador como una disrupción que o converte nunha cantiga de escarnio. “As prácticas sexuais que Esquyo atribúe implícitamente á abadesa e á priora considerábanse pecados contra natura, similares en gravidade á bestialidade”.

O obxectivo da cantiga, entre as de escarnio e maldizer, estaría en provocar as gargalladas do público, empregando unha grande xentileza coas dúas monxas, mentres se lles ofrece un agasallo que sería escandaloso na súa época.

O sexo é un recurso habital na lírica galaico-portuguesa. E mesmo o rei Afonso X O Sabio empregou este recurso en poemas como o que dedica ao deán de Cales, a quen acusa nun poema de empregar libros de exorcismos para enganar ás mozas: “fod’ el per eles quanto foder quer” (‘fode por eles canto foder quer’).

O diaño representaba certas tentacións sexuais na Idade Media.

E mesmo hai todo un catálogo de enfermidades venéreas que podemos atopar na lírica galaico-portuguesa, como no estudo realizado por Pilar Cabanes Jiménez, da Universidade de Cádiz, no ano 2006, no que atopa as seguintes doenzas e outras prácticas sexuais nos cancioneiros: úlcera vaxinal, cancro de pene, tumor no ano, impotencia ou sadomasoquismo.

Así que o mundo dos xoguetes sexuais non comezou recentemente co ‘tuppersex’. Porque xa podemos atopar consoladores mesmo nos cancioneiros galegos medievais, como nestes ‘carallos franceses‘ que se importaban en Galicia na data na que Fernando Esquío compoñía os seus poemas.

E aquí podes ler máis sobre este tema:

Doenzas de índole sexual nas cantigas de escarnio e maldizer

Erotización das relacións de dominación na lírica galaico-portuguesa

O consolador e a sexualidade feminina nunha cantiga de Fernand’Esquyo

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.