Dúas obras conmemoran o oitavo centenario de Afonso X e o seu vínculo con Galicia

O Consello da Cultura e o Centro Ramón Piñeiro publican sendas monografías sobre "O Sabio", que naceu o 23 de novembro de 1221

Afonso X ditando o
Afonso X ditando o "Libro de los juegos", nunha miniatura recollida neste libro que se atopa na biblioteca de El Escorial.

Dúas monografías presentadas esta semana conmemoran o 800º aniversario do nacemento do rei Afonso X, coñecido como “O Sabio”, a quen se lle atribúen as Cantigas de Santa María, unha das obras máis relevantes da lírica medieval escrita en galego-portugués. Unha das obras foi coordinada polas profesoras da USC Mercedes Brea e Pilar Lorenzo Gradín e publicada polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, mentres que a outra monografía, publicada polo Consello da Cultura Galega, está coordinada polo profesor de Historia Medieval da USC José Miguel Andrade e o hispanista e medievalista británico Simon R. Doubleday.

“Alfonso X e Galicia”

A obra editada polo Centro Ramón Piñeiro consta dunha serie de artigos que aborda a situación da nobreza galega na corte afonsina e nos altibaixos que atravesou a relación do rei coa Igrexa compostelá, ademais de prestar atención aos cambios que se estaban producindo na organización do territorio e a outros aspectos de interese histórico e social. Dúas contribucións están dedicadas á figura da raíña Dona Violante e á protección que esta dispensou ás ordes mendicantes, destacando a fundación do mosteiro de Santa Clara de Allariz e a doazón a este de xoias tan relevantes como a Virxe Abrideira ou dúas cruces de cristal de roca, todas elas de extraordinario valor artístico e simbólico.

O resto do volume trata sobre a corte poética do Rei Sabio, o plurilingüismo existente nela, a súa produción lírica, as Cantigas de Santa María e “a consolidación dunha norma escrita para o uso literario do galego, da que entraron a formar parte numerosos galicismos e occitanismos, moitos dos cales acabaron entrando na lingua cotiá e xa nin sequera son hoxe percibidos como préstamos”, sinalan as coordinadoras da obra.

O acto de presentación deste libro, no que tomou parte o conselleiro de Cultura, Educación e Universidades, Román Rodríguez, serviu de prólogo a diversas efemérides que terán lugar ao longo desta semana, organizadas por diversas institucións, co gallo do 800 aniversario do nacemento. Tamén interveu no acto o director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), Eduardo Pardo de Guevara, quen valorou moi positivamente esta iniciativa.

“Galicia no tempo de Afonso X”

O volume publicado polo Consello da Cultura Galega (pode descargarse aquí) conta coa participación de 11 expertos en diversas materias como a lingua, a historia ou a arqueoloxía, que pon en tela de xuízo o declive político e cultural que tivo Galicia na Baixa Idade media e, nomeadamente no reinado de Afonso X. “O paradigma dominante nos estudos medievais considera que o ano 1230, é o do comezo da marxinación política de Galicia. É entón cando con Fernando III, pai do Sabio, se produce a unión dos reinos de Galicia-León e Castela. Unha marxinación que, sempre dentro desta visión tradicional, non faría mais que medrar na época de Afonso X, pero non é verdade” asegurou José Miguel  Andrade, que editou este texto xunto con Simon Doubleday, un dos grandes expertos da Iberia Medieval e autor dunha recoñecida monografía sobre Afonso X.

Nove estudos poñen en evidencia o poder que tivo Galicia nese período. O territorio galego non estaba entre as preferencias persoais do rei. “Afonso X demostrou unha rotunda preferencia polo sur da Península e por Sevilla en particular” aseguran Simon e José Miguel na introdución pero hai moitos indicios que amosan que Galicia tamén tipo o seu papel. Primeiro porque a nobreza galega estivo moi implicada nas campañas militares na fronteira andalusí como no proceso de reorganización social e colonización; Galicia tamén estaba suxeita ao marco lexislativo afonsino co Espéculo, as Partidas e o Fuero Real, que se traduciron na creación de Portos de Galicia e burgos reais como o de Pontedeume; e moitos dos seu funcionarios eran galegos, o como propio Gómez García de Soutomaior. Con todo, a súa gran contribución para Galicia foi no ámbito cultural.

A presentación do libro completa así un programa de celebracións do CCG que arrincou en xaneiro con ‘Afonso X e Galicia’, unha exposición comisariada por Antoni Rossell que buscaba dar a coñecer a conexión galega do monarca, presentando a faceta humana e o legado político e cultural do monarca en relación con Galicia. Despois de estar en Santiago e Ourense, a mostra inaugúrase este xoves en Lugo. Esta nova itinerancia inclúe un programa de visitas guiadas e un concerto coas Cantigas de Santa Maria como protagonistas.

Aínda que o programa de actividades deseñado conclúe coa presentación do volume, Afonso X e o seu legado está na axenda da institución para 2022, en que iniciará un proxecto de internacionalización da súa figura que levará a mostra por Italia e Brasil, entre outros países.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.