O discurso galego de 243 páxinas que cativou a Mendeleiev

En 1893, na apertura do curso académico, o catedrático de Química Eugenio Pinerúa bateu todos os records de locuacidade

Eugenio Pinerúa elevou a duración dun discurso de inauguración de curso a un nivel case insuperable.

Todos coñecemos eses discursos que, tendo que durar cinco minutos, continúan máis de media hora. “Serei breve”, proclaman algúns próceres antes de estenderse a gusto e rachar con todas as cerimonias e protocolos. Pero poucos saben que o récord mundial da disciplina foi batido en Santiago de Compostela, cando na inauguración do curso 1893/1894 o catedrático de Química Eugenio Pinerúa presentou un discurso de nada menos que 243 páxinas.

O título da monumental disertación era: “Os grandes problemas da Química Contemporánea e da Filosofía Natural”. E, curiosamente, en lugar de atafegar aos seus coetáneos, converteuse nun éxito, aplaudido e traducido a varios idiomas, chamando incluso a atención do propio pai da táboa periódica, o ruso Mendeleiev.

Piñerúa, nacido en Toro (Zamora) en 1854, era un apaixonado da historia da química, cunha sólida formación en latín adquirida no Seminario Conciliar de Valladolid. Isto permitiulle traducir as obras clásicas dos alquimistas, en particular as de Alberto Magno, coñecido como o Aristóteles da Idade Media e mestre de Santo Tomás de Aquino. Este monxe sostiña que a materia estaba composta dunha soa esencia prima e establecía afinidades entre os metais.

Máis tarde,  Piñerúa abandonou os estudos eclesiásticos e licenciouse en Química en Valladolid, para pasar a impartir clases e seguir cos seus estudos sobre historia da ciencia. Tamén traduciu obras do irlandés John Tyndall  como ‘O materialismo, a ciencia e o clero’ ou ‘A evolución histórica das ideas científicas’.

Máis tarde, trasládase a Santiago de Compostela, onde conclúe en 1873 os seus estudos de Farmacia, e comeza a estudar novas fórmulas para ensinar as ciencias na educación secundaria. A súa “Memoria sobre o material científico dos Institutos de Segundo Ensino” foi presentada na Exposición Universal de París de 1876. Tras establecer amizade co químico alemán Otto Schott, inicia a súa tese doutoral, que le en 1886 co título “Reaccións a altas  temperaturas e consideracións cristaloxénicas”. Durante esta época realiza estadías de investigación en Francia, con tan bos resultados que máis tarde o premio Nobel de Química de 1906, o francés Henri Moissan, detalla no seu ‘Traité de chimie minérale’ os métodos ideados por Piñerúa para  purificar sales de  cobalto e níquel. Como vemos, estaba por tanto moi relacionado coa elite da química a nivel europeo.

Así que, en 1890, obtén a cátedra de Química Xeral da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago e é considerado xa unha  eminencia. Ademais do prestixio das súas investigacións, destaca polo seu carácter divulgativo e pedagóxico. De feito, asinou boa parte dos libros de texto sobre química dacabalo entre os séculos  XIX e  XX.

Dimitri Mendeleiev.

Todos estes antecedentes explican que, en lugar de provocar a fuxida dos seus oíntes, o seu discurso de 243 páxinas se convertese nun éxito. Foi en Compostela, na apertura do curso académico de 1893/1894, nun acto celebrado pola Universidade Literaria de Santiago. Como dixemos, titulou a súa charla “Os grandes problemas da Química Contemporánea e da Filosofía Natural”, onde referenciaba as obras fundamentais, antigas e modernas, que ata daquela se tiñan ocupado dos fundamentos filosóficos e das contribucións conceptuais, experimentais e metodolóxicas da ciencia química. Era “un estudo crítico ao redor da afinidade química que era o centro das investigacións encamiñadas a establecer o como e o porqué da constitución das substancias”, en palabras do historiador Antonio Moreno González, autor dunha  monografía sobre  inerúa para a Real Academia da Historia.

“Piñerúa sempre foi partidario da teoría atómica da materia que outros poñían en dúbida, sobre todo os enerxetistas, que, capitaneados por Mach e Otswald, consideraban innecesaria a “ficción dos átomos”, explica Moreno, quen resalta que, “ademais da actualizada bibliografía consultada, Piñerúa contou coas opinións de científicos aos que enquisou directamente ou por carta, entre os que se contan:  Ostwald,  Ramsay,  Berthelot,  Ditte, Ferreira da Silva,  Carracido,  Meyer, Calderón Arana,  Mascareñas Hernández, Van’ t  Hoff,  Arrhenius,  Schiff,  Lieben, Luanco”.

O discurso foi traducido ao alemán e ao húngaro, e apareceron  recensións nas principais revistas internacionais, ata o punto de que espertou o interese do químico ruso Dimitri  Mendeleiev, pai da táboa periódica dos elementos, quen escribiu á Universidade de Santiago de Compostela para solicitar un exemplar ao seu autor.

O investigador Xosé Antón Fraga, referencia da historia da ciencia en Galicia, afirma que o discurso foi declarado obra de mérito polas Real Academias de Ciencias de Madrid, a de Barcelona e o Consello de Instrución Pública. Pola contra, o historiador Moreno González di que apenas tivo eco en España, onde foi desprezado: “Non foi así en España, onde se lle prestou pouca atención nos medios científicos, seica polas polémicas xurdidas ao redor de  Piñerúa, a quen non se lle deu acceso á Real Academia de Ciencias”.

Co tempo, é seguro que obtivo o recoñecemento merecido, ao ingresar na Real Academia de Medicina. Tamén foi membro numerario da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago ou correspondente do Real Instituto de Ciencias de Coimbra, en Portugal.

Eugenio  Piñerúa Álvarez faleceu en 1937 en Madrid, onde ao final da súa carreira obtivera a cátedra de Química na Universidade Central. Para a historia quedan os seus tratados sobre historia da ciencia, as súas achegas pedagóxicas e, por suposto, aquel discurso de récord na Universidade de Santiago de Compostela. Cunha extensión imbatible: 243 páxinas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.