Xoves 28 Marzo 2024

O Dentón: un filme sobre a alucinante historia do “volframio vexetal”

A produtora Illa Bufarda prepara un documental sobre a febre en Galicia arredor do fungo Claviceps purpurea, parasito do centeo

Cando o bioquímico Albert Hoffman descubriu por experiencia propia os efectos do LSD, foi porque levaba tempo experimentando co fungo Claviceps purpurea, un parasito que aparecía decote nos campos de centeo. Ten unha forma alongada, como de dente,  corno ou espolón de galo, de aí que a lingua galega non aforrara en sinónimos para definilo; chamáronlle dentón, cornecho, caruncho, cornizó, gran de corvo, dente de can, cornicelo ou cornello.

En Galicia era especialmente abundante, sobre todo en Lugo, Ourense e algunhas comarcas da Coruña, mais non para fabricar a droga descuberta por Hoffman, porque pouco se sabía dela aínda: varios científicos descubriran no século XIX que un dos alcaloides do dentón, a ergotamina (do francés ergot, espolón do galo, que tamén significa dentón en francés), podía cortar as hemorraxias, polo que a incipiente industria farmacéutica puxo os seus ollos en Galicia. Os labregos separaban do dentón do gran para vendelo; o propio Balbino de Neira Vilas fala de que na sega apañaban o cornello para vendelo despois.

Publicidade

Así se enteraron as realizadoras Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, de Illa Bufarda: “Un día, a miña compañeira de piso díxome: ‘A miña avoa traficou con LSD‘; eu quedei sorprendida, pero despois explicoume que non era LSD exactamente, pero si que gañou cartos apañando e vendendo un fungo do que despois se extraíu a droga. Pareceunos unha historia curiosa, que lle acontecera ás nosas avoas pero que nos descoñeciamos”, lembra Adriana.

Decidiron afondar naquela anécdota e atoparon moitas outras semellantes. Galicia vivira unha febre do dentón tan grande que mesmo se lle chegou a coñecer como o “volframio vexetal” debido aos grandes prezos que acadou no mesmo tempo no que o mineral que reforzaba as blindaxes dos tanques de guerra saía a toneladas dos montes galegos. “Cada vez que pronunciamos a palabra nos lugares aos que imos buscar información, á xente maior de 70 anos ilumínaselle a cara e comezan a saír historias”.  E vendo os alucinantes relatos que ían coñecendo, Illa Bufarda puxo en marcha o documental “O dentón” para o que agora buscan financiamento nunha campaña de micromecenado no portal goteo.org.

A través desta campaña están recibindo novas testemuñas da gran relevancia que este fungo do centeo tivo nas economías familiares galegas, afogadas moitas veces pola posguerra e a emigración. “Hai historias moi fermosas, porque realmente os prezos que chegou a acadar o dentón nalgún momento, arredor do ano 50, foron moi importantes: houbo mulleres que nos contaron, por exemplo, que mercaron o primeiro par de medias grazas a el”. Queda por afondar tamén, por exemplo, a relación do dentón co contrabando na raia seca, un fío do que tamén tirará o documental.

O dentón é o nome común do fungo "Claviceps purpurea". Fonte: Illa Bufarda.
O dentón é o nome común do fungo “Claviceps purpurea”. Fonte: Illa Bufarda.

O gran interese que espertou o fungo nas grandes empresas farmacéuticas acabou dando pé tamén ao nacemento de Zeltia, xerme de Pharmamar, e unha das notables empresas galegas dos últimos decenios. Un camiño que comezou en en 1936, apenas dous meses antes da Guerra Civil, cando dous científicos formados na Universidade de Santiago, o médico Ramón Obella Vidal e o farmacéutico Francisco Rubira, fundan o Instituto Bioquímico Miguel Servet, en Vigo. Con eles, traballa o intelectual galeguista Alexandre Bóveda e o químico Fernando Calvet.

A represión franquista, con Bóveda asasinado e Calvet exiliado en Suecia e despois encarcerado e depurado, tronzo os seus plans. Calvet acaba volvendo e atopando acubillo en Zeltia.

O alucinóxeno que creou a industria farmacéutica galega

O dentón chegou a poñer a Galicia no mundo: Adriana e Sabela recolleron xa algunhas referencias como a de Dacón, preto de Carballiño, un núcleo moi importante de comercio.

“Como ajena es la cuestión, la riqueza que significa la producción de cornezuelo del centeo, produto básico de la ergotina. El cornezuelo sólo se dá en grandes cantidades en Galicia, en Rusia y en Portugal. Su mercado central se halla en Galicia, hasta el extremo de que un telegrama de Dacón, aldea cercana a Carballiño, modifica los precios en Japón o en Estados Unidos”

O mal do dentón

Mais este fungo non foi só fonte de riqueza para Galicia. Deixou tamén moitas desgrazas en forma de enfermidade. Alén dos efectos alucinóxenos, era habitual que con el aparecera o coñecido na tradición oral como lume de Santo Antón, chamado tamén ergotismo: cando non se peneiraba o centeo para separalo do fungo, e se facía pan con el, aparecían graves intoxicacións que provocaban gangrenas e posteriores amputacións. No traballo de documentación, Adriana e Sabela xa recolleron algunhas coplas como

“Eu caseime cun vello

o vello xa tiña días

entrou o caruncho nel

e comeulle as alegrías”.

E atoparon na hemeroteca casos como o dunha moza de Noia, á que lle tiveron que amputar as dúas pernas despois de tomar o dentón por recomendación dunha comadroa.

O documental que prepara Illa Bufarda será unha proposta que xogará tamén coa alucinante historia do fungo. “Queremos que o filme sexa máis experimental, xogar coa poesía visual e tamén coa performance, co territorio ficcionado e o documental”, explica Sabela Iglesias.

Por agora, o proxecto xa acadou máis dun terzo do obxectivo mínimo (8.800 euros) que buscan estender a 14.250, o óptimo, co fin de incluír máis persoas no equipo de gravación e engadir pequenas partes ficcionadas.

“O dentón” conta co financiamento da Deputación da Coruña co programa de subvencións destinado a entidades lucrativas para a produción de proxectos singulares de especial interese cultural, e co apoio do Museo do Pobo Galego, a Sociedade Antropolóxica Galega e a Asociación de Estudos Históricos e Sociais Hume.

Máis información:

– Campaña de micromecenado.

– Proceso de documentación e elaboración do documental.

– Illa Bufarda.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberto o centeo máis antigo da península en Galicia e no norte de Portugal

Na escavación do castro do Castelo Pequeno de Santigoso, na Mezquita, apareceu unha das evidencias máis antigas datada na Idade de Ferro

O fungo alucinóxeno do centeo, o ‘ouro negro’ da Galicia do século XX

O país formou parte da súa venda internacional e tivo un peso tan importante na súa expansión que marcaba por teléfono os precios con Xapón

O centeo máis antigo da península ibérica atopouse na Mezquita

As análises realizadas no castro do Castelo Pequeno de Santigoso, no concello ourensán constatan cultivos de máis de 2.000 anos de antigüidade

Negro Púrpura: un filme rescata a febre do ouro agochado no centeo de Galicia

Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, de Illa Bufarda, presentan este martes un documental sobre o caruncho, un fungo moi cotizado a mediados do século XX