Mazarelos: unha nova revista para contar a historia e a cultura en Galicia

Un grupo de estudantes da Facultade de Historia da Universidade de Santiago busca financiamento para lanzar a publicación en papel

A revista Mazarelos naceu a partir da idea de alumnos de Historia da USC.
A revista Mazarelos naceu a partir da idea de alumnos de Historia da USC.

Mazarelos é o nome da única porta que queda en pé da antiga muralla de Compostela, e da praza na que se sitúan as facultades de Xeografía, Historia e Filosofía da USC. E tamén é o nome escollido por un grupo de estudantes dun destes centros, o de Historia, para poñer en marcha un proxecto de divulgación histórica e cultural que a piques está de dar un importante paso. A través dunha campaña de micromecenado, queren lanzar nos quioscos de toda Galicia unha revista en papel na que se publicarán artigos históricos e doutras ciencias sociais.

“Non esperabamos ter tan boa acollida”, explica Miguel Rodríguez, un dos tres estudantes que puxo a andar o proxecto xunto a Roque Sanfiz e Mateo Martínez. “Hai 10 meses xurdiu a idea, pero comezou a moverse e ao pouco xa contactaba connosco a xente para colaborar na revista”, lembra Miguel. Hoxe xa son máis de 20 os colaboradores do proxecto, que está espertando interese na comunidade universitaria.

Explican os impulsores de Mazarelos que o micromecenado permitirá a publicación dos dous primeiros números da revista. A falta de pouco menos de dúas semanas, xa conseguiron máis de 1.600 euros dos 1.800 que se marcaron como obxectivo óptimo. As achegas, que van desde os cinco euros, permitirán recibir diversas recompensas a quen apoie o proxecto.

Segundo destacan os editores da revista, Mazarelos baséase “no compromiso co rigor histórico e a lingua galega“, para impulsar “a difusión da Historia na nosa lingua dun xeito independente e que sexa un lugar para a publicación de novos enfoques e novas correntes”, divulgando deste xeito “unha Historia actual, científica e rigorosa á vez que didáctica e asumible para todo o mundo”.

O primeiro número de Mazarelos

A campaña xa adianta algúns dos contidos que se poderán ver cando Mazarelos se faga realidade en papel. Así, o primeiro número constará, entre outros temas, dunha entrevista a unha personaxe da actualidade; a colaboración dunha invitada ligada ao mundo das Ciencias Sociais e á Historia, un pequeno texto sobre un persoeiro destacable na inmersión lingüística do galego, catro artigos referentes á historia local de Galicia, e dous artigos de temática artístico-cultural.

Expoñen desde Mazarelos que “un dos obxectivos que nos marcamos é lograr unha difusión a través das redes sociais que faga chegar o que escribimos a un público amplo e diverso”. Así, en vez da “noción da Historia como memorización de datas e persoeiros, cremos que o coñecemento histórico é moito máis que unha sucesión de capítulos inflexibles, onde o investigador/a se converte nun mero narrador”, destacan. Ante isto, “a nosa intención é eliminar falsas crenzas a través dunha divulgación que permita formular novas preguntas e novas respostas”.

Deste xeito, a edición en papel ofrecerá “contidos máis amplos que os que adoitamos publicar na páxina, cos que intentaremos poñer o noso gran de area tanto na investigación como na difusión de coñecemento”, explican na páxina que presenta a campaña de micromecenado.

Ademais pretenden que Mazarelos sexa tamén un espazo aberto aos investigadores/as e autores/as que desexen publicar as súas indagacións e reflexións.


Podes apoiar o nacemento da revista Mazarelos nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.