O ciclo de charlas Luis Asorey abordará en Lugo a bioeconomía e a economía circular

O salón de actos da Deputación provincial acollerá entre o 18 e o 27 de novembro as sesións do ciclo, promovido pola Real Academia Galega de Ciencias

Bioeconomía e economía circular centran a temática dos relatorios e sesións de debate programadas no marco do ciclo Luis Asorey 2019, un foro de divulgación científica promovido pola Real Academia de Ciencias de Galicia en colaboración coa USC que se desenvolverá do 18 ao 27 de novembro no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo.

A enxeñeira de montes e investigadora do Instituto Forestal Europeo (EFI) Mercedes Rois Díaz abrirá este programa o 18 de novembro, a partir das 18.00 horas, no lugués Pazo de San Marcos, cunha sesión plenaria que se desenvolverá baixo o título ‘Bioeconomía e economía circular’. O catedrático da USC e director da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade), Manuel Guaita, afondará ao día seguinte sobre este temática co relatorio ‘Bioeconomía e construción de madeira’.

Publicidade

Os novos materiais e as oportunidades que deparan para o sector agroforestal, e a bioeconomía como eixe da Axenda galega de impulso á industria forestal centrarán o 20 de novembro as intervencións do enxeñeiro técnico agrícola e do director da Axencia Galega de Industria Forestal (Xeral), Xosé Francisco Pedras Saavedra e José Ignacio Lema Piñeiro, respectivamente.

A primeira quenda de sesións divulgativas do ciclo Luis Asorey 2019 rematará o 21 de novembro cunha mesa de debate, no marco da que a profesora da USC Elvira Antonia Díaz Vizcaíno falará sobre aceites esenciais de plantas aromáticas como bioherbicidas, mentres que a catedrática do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC Rosa Mosquera afondará sobre a valorización de residuos no sector forestal. A responsable técnico da Asociación para la Certificación Española Forestal (PEFC) pechará este coloquio cunha intervención sobre a industria téxtil no marco da industria forestal.

Publicidade

A bioeconomía nos concellos e, nomeadamente, o caso de Lugo, e o Centro de Innovación Norvento Enerxía serán as cuestións sobre as que tratarán neste ciclo o técnico de Medio Ambiente do Concello de Lugo, Miguel Ángel Negral Fernández, e o responsable de Bioenerxía de Norvento, Miguel Ángel Balboa Murias, os días 25 e 26 de novembro, respectivamente.

A xornada de clausura da edición de 2019 do Ciclo de Conferencias Luis Asorey ofrecerá o 27 de novembro unha aproximación exhaustiva ao proxecto Life Lugo+Biodinámico, no marco da que os enxeñeiros de Montes Esther Fernández Núñez e Antonio Rigueiro Rodríguez, catedrático da USC, académico e coordinador do ciclo Luis Asorey, afondarán sobre os bosques urbanos e outras das actuacións contempladas neste proxecto liderado polo Concello de Lugo.

As diferentes sesións divulgativas programadas no marco do Ciclo Luis Asorey 2019 son de acceso libre e gratuíto para todas as persoas interesadas ata completar o aforo do salón de actos do Pazo de San Marcos, aínda que é preciso formalizar a inscrición previa no rexistro da Deputación Provincial de Lugo ou no formulario habilitado en liña, nesta ligazón. Este programa de divulgación científica está recoñecido pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional como actividade de formación do profesorado non universitario.


Máis información sobre o ciclo Luis Asorey na páxina da Real Academia Galega de Ciencias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Estes son os 29 puntos dende onde non estará permitido ver a eclipse total de agosto en Galicia

A Mariña concentra a maior parte das restricións da lista provisional elaborada a partir da información dos concellos por motivos de seguridade, mobilidade e accesibilidade

Media Galicia en alerta vermella pola calor: estes son os 117 concellos afectados

A influencia das altas presións producirá que algúns episodios se prolonguen ata cinco días, sobre todo en Ourense, A Coruña e Lugo

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE

▪️ Que é a cúpula de calor? O fenómeno detrás dos récords de temperatura en Galicia en pleno mes de maio

MeteoGalicia establece alertas amarelas por calor na zona do Miño de Ourense e no sur de Lugo, con previsións de ata 36 graos