Os novos mapas dos campamentos militares romanos na Gallaecia

O equipo de investigación de Roman Army revoluciona a historia da conquista romana do Noroeste describindo 22 asentamentos das lexións

Non foi pacífica. Unha nova investigación desmonta a idea tradicional de que Roma non atopou case oposición na súa ocupación do Noroeste da península Ibérica. Entre os anos 29 e 19 antes de Cristo, o Imperio Romano tivo que vencer unha forte resistencia nas coñecidas como guerras asturcántabras, que tamén afectaron á Gallaecia. O colectivo científico Roman Army, no que participa a Universidade de Santiago de Compostela, vén de trazar o mapa máis preciso dos campamentos militares romanos construídos no país, dos que a metade eran completamente descoñecidos ata o de agora. Entre eles, dous xigantes, con máis de 20 hectáreas que acolleron ata 14.000 lexionarios cada un: o de Viana do Castelo, en Portugal, e o de Lobeira, en Ourense.

Nos mapas publicados polos investigadores na revista Mediterranean Archaeology and Archaeometry, atopamos a nova distribución dos campamentos militares romanos na Gallaecia En amarelo, aparecen os 22 campamentos localizados no Noroeste. Os cadrados correspondena a campamentos, os círculos a ‘castella’ e os que teñen cruz, a fortalezas.

Publicidade

Relevo do campo de Santa Baia.

Os pequenos campamentos, de entre 1,5 e 2,5 hectáreas, podían alcoller algo máis de 1.000 homes divididos entre dúas ou tres cohortes. Nesta categoría entran campamentos como O Penedo dos Lobos (Manzaneda, Ourense), Cova do Mexadoiro (Trazo, A Coruña), Coto do Rañadoiro (Carballedo, Lugo) e Alto da Pedrada (Arcos de Valdevez, Viana do Castelo).

Os de tamaño medio xa acollían varios milleiros de homes e tiñan unha maior autonomía táctica, para desenvolver accións sobre o territorio. Aquí sinalan os sitios arqueolóxicos de Cabianca (Láncara, Lugo), Campos (Vila Nova de Cerveira, Viana do Castelo), A Cortiña dos Mouros (Cervantes, Lugo / Balboa, León). O caso de Santa Baia (A Laracha, A Coruña) é moi chamativo pola súa proximidade á antiga cidade de Brigantium e debido a que o campamento foi disposto na zona exterior dun castro, acolléndoo no seu interior.

Distribución das áreas de influciencia dos campamentos romanos. Romanarmy.

A partir de 10 ou 15 hectáreas estaban xa os grandes campamentos, que podían acoller unha lexión romana completa, con aproximadamente 6.000 homes e unha grande liberdade operativa. A maior parte deles están ubicados na zona oriental de Galicia (Monte da Chá e Monte da Medorra (Láncara/Sarria, Lugo), A Penaparda (A Fonsagrada, Lugo / Santalla d’Ozcos, Asturias), O Monte de Ventín (Pol, Lugo) e O Cornado (Negreira, A Coruña).

Pero había recintos militares todavía máis importantes, con dimensións por riba das 20 hectáreas, que poderían ter acubillado auténticos corpos do exército con entre dez mil e catorce mil homes.  Os investigadores de Roman Army localizaron entre o río Limia e o río Miño dous grandes recintos na Serra do Leboreiro/Laboreiro: Lomba do Mouro (Melgaço, Viana do Castelo / Verea, Ourense) e Chaira da Maza (Lobeira, Ourense). No caso de Lomba do Mouro, a existencia dunha segunda liña defensiva podería indicar unha necesidade dos ocupantes para fortalecer a posición da fortificación.

Campamentos principais por número de tropas. Romanarmy.

Finalmente, os investigadores atoparon castela ou fortificacións estacionais de pequeno tamaño. Aínda que o número, polo momento, é escaso, trátase dunha serie de recintos xa documentados noutros puntos do norte peninsular. Trátase de A Recacha (Navia de Suarna, Lugo), nas montañas orientais; Outeiro de Arnás (Verín, Ourense) controlando un bo tramo do val do Támega; e O Castrillón (Touro, A Coruña). A eles súmanselle outros asentamentos fortificados como Alto da Cerca (Valpaços, vila Real) e O Castelo (A Estrada, Pontevedra).

O equipo de Roman Army sorpréndese coa dispersión sobre o territorio dos sitios arqueolóxicos, que parecen identificar distintas zonas de operacións. Os investigadores defenden a hipótese de que os campamentos ubicados na zona oriental de Galicia poderían estar vinculados a un episodio ou escenario secundario do conflito cántabro-astur (29-19 a.C.).

Os recintos militares encaixan na lóxica seguida polo exército romano durante o conflito, no que se desenvolveron accións a gran escala contra os grupos indíxenas, que nalgunhas áreas parecen amosar segundo as fontes unha gran capacidade de organización e mobilización de efectivos, así como unha notable autonomía política.

Aquí podes ler e descargar en pdf o novo artigo científico de Roman Army

Novos achados revolucionan a conquista romana da Gallaecia

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A fronteira con Portugal é a área de Galicia con maior presenza do mosquito da malaria

O insecto leva anos na comunidade pero o parasito non está en circulación, polo que o risco de transmisión autóctona é baixo

Unha dorsal anticiclónica disparará os termómetros por riba dos 30 graos

O mércores e o xoves serán os días máis calorosos da semana, con valores térmicos que superan a media de maio

Praga de moscas en 21 concellos galegos: as causas dunha invasión que vén para quedar

As variacións bruscas de temperatura e o cambio climático son factores que inflúen na multiplicación dos insectos

Unha viaxe ao pasado de Galicia: 4.000 anos de historia nun mapa interactivo

Chronas é unha ferramenta web con máis de 50 millóns de puntos de datos que abranguen dende o 2000 a. C.