Xoves 28 Marzo 2024

Esta é unha imaxe inédita de Santiago en 1858

Unha obra sobre a historia da fotografía en Galicia recupera unha toma de Andrés Cisneros realizada na Exposición Compostelana daquel ano

Cando Carlos Castelao, un historiador apaixonado pola fotografía, se puxo a indagar xunto a Henrique Alvarellos nas orixes desta arte en Galicia, a mediados do século XIX, xa se sabía das célebres imaxes tomadas por Andrés Cisneros co gallo da Exposición Compostelana de 1858. Aquela mostra, que visitou a raíña Isabel II e o seu séquito, e na que tamén estivo exposta a Carta de Domingo Fontán, foi clave para a historia da cidade.

Único retrato pictórico en miniatura coñecido de Andrés Cisneros , ca. 1855 (Espinosa, 2011; Museo do Prado, Madrid)
Único retrato pictórico en miniatura coñecido de Andrés
Cisneros , ca. 1855 (Espinosa, 2011; Museo do Prado, Madrid).

No tempo de Cisneros, Compostela bulía arredor da nova arte, que parecía maxia para moitos. Un aparello que inmortalizaba, por primeira vez, a imaxe de alguén, alén das pinturas. Antes, só as grandes fortunas podían permitirse pagar un retrato pictórico. Tempo despois, co ascenso da nova burguesía, apareceron pintores miniaturistas, especializados en óleos a pequena escala, máis económicos. Pero chegaron o daguerrotipo, o talbotipo e outros moitos procedementos, que deixaron no aire o futuro destes “pintores de termo medio”, como foron posteriormente alcumados pola filósofa da fotografía Gisèle Freund.

Publicidade

Cisneros, tamén miniaturista, apostou pola fotografía despois de que, probablemente, coñecera esta técnica e os seus antecedentes en París. Como subliña Castelao, “non se lle pode atribuír a realización das primeiras fotografías en Galicia, honra que lle corresponde a Henri Louard (1843). Cisneros si é “o primeiro galego en abrir un estudio con vocación de permanencia”, en 1856.

A Exposición Compostelana de 1858

Dous anos despois de poñer en marcha o estudio celébrase a mostra de 1858, a primeira ocasión na que unha exposición amosa imaxes fotográficas. Naquel evento, que tivo lugar en xullo e en setembro, cando os reis visitaron Santiago, Cisneros participou na sección de Belas Artes con pinturas ao óleo, retratos fotográficos e vistas de paisaxes. “Contou cunha serie de 14 fotografías, das que 11 foron iluminadas”, conta o historiador, aínda que “descoñecemos con exactitude cales foron estas imaxes”. Deste punto partía a investigación que realizou Carlos Castelao para o seu libro, e que acabou botando luz sobre este pioneiro.

Continúa o historiador: “O álbum que posteriormente entregou á Raíña puido conter varias delas, pero desde logo non todas. Nin sequera estamos certos de se na mostra de xuño expuxeron as mesmas imaxes que en setembro. Polo tanto, o número de fotografías, non retratísticas, que se conservan de Cisneros é controvertido. Tradicionalmente, atribuíronselle esas 14 imaxes, que formaron parte do devandito álbum; pero, por recentes investigacións de Henrique Alvarellos, o número elevouse a 19, grazas ás copias que fixo Carlos García dos orixinais cisnerianos e que custodia o Museo do Pobo Galego”.

As investigacións de Carlos Castelao e Henrique Alvarellos, editor do libro, conseguiron identificar alomenos 21 imaxes feitas por Cisneros

Pero Alvarellos e Castelao foron máis alá. Conseguiron sumar un total de 21 imaxes, e este último di ter “dúbidas para outras dúas que teñen forma de gravado, todas datadas no período 1857 e 1859”. E en 2013, unha poxa celebrada en Francia contiña imaxes de Cisneros, da que soubo Carlos Castelao. “Entre as fotos había polo menos unha inédita que recollía a esquina do claustro da Catedral, e que deixa ver as torres do Obradoiro”, e que encabeza este texto.

É, por tanto, toda unha xoia que Castelao inclúe no libro As orixes da fotografía en Galicia, Estudios composteláns do XIX, que acaban de publicar a editorial Alvarellos e o Consorcio de Santiago. Mais probablemente non é a única imaxe pouco coñecida sobre a mostra: “Cómpre sinalar que o libro de Juan de la Rada que ilustra a viaxe dos Reis polo norte peninsular, naquel verán de 1858, recolle seis gravados de Compostela dos que polo menos cinco deles están claramente inspirados nas fotografías de Cisneros. O sexto gravado é unha imaxe frontal da fachada do Obradoiro, que en Andrés Cisneros nunca vimos e que, en boa lóxica, tamén debe estar inspirada nunha fotografía deste, perdida hoxe”, subliña o autor do libro.

Tres álbums de fotos para a raíña

Outro dos achados que acadou a investigación de Carlos Castelao foi a existencia de tres álbumes realizados por Cisneros para a raíña “Coñécese un, e o misterio está en onde foron parar os outros dous”. En principio, Isabel II ía ser acompañada polo seu fotógrafo habitual, Charles Clifford, pero tivo que ausentarse da viaxe por enfermidade. Cisneros comprometeuse entón a facer un álbum coñecido de 14 imaxes, que se conserva no Arquivo do Palacio Real. Pero había máis. O investigador atopou que, “segundo nova publicada o 22 de xaneiro de 1859 no xornal El Clamor Público, foron tres os álbums que realizou para eles, todos ‘custosamente ornamentados’”.

O segundo, segundo este novo libro, estaba tamén dedicado á Raíña, e tiña outras 10 vistas monumentais da cidade. E o terceiro, encargado polo Rei, era “un compendio dos outros dous, con 24 tomas, entre as que estaba unha imaxe da fachada principal da Catedral, que hoxe non coñecemos e coidamos é o modelo do gravado do libro de De la Rada. O resto das imaxes incluían vistas da Exposición, de San Martiño Pinario e do cadro “La muñeira” de Fierros. Pero tamén do pazo arcebispal, que tampouco coñecemos. A recompensa dos reis a este traballo chegou en marzo e foi ‘polo seu patrimonio'”, di o texto de Castelao.

Carlos Castelao, co seu libro. Foto: Alvarellos Editora.
Carlos Castelao, co seu libro. Foto: Alvarellos Editora.

Alén deste achado, o historiador asturiano, afincado en Compostela desde 1988, aborda polo miúdo a vida de Andrés Cisneros, desde a súa orixe familiar ata as súas experiencias en ultramar, traballando como funcionario de Aduanas e banqueiro en La Habana e vivindo tamén en Puerto Rico ou París, e tamén dalgunhas afeccións que tivo, como a malacoloxía.

No seu conxunto, o libro consta de máis de 350 imaxes (moitas delas inéditas) que percorre tamén a historia dos precursores da fotografía en Santiago de Compostela, coa biografía de 24 profesionais e os seus estudios, un análise da presenza da muller na fotografía, con novas descubertas arredor de Rosalía de Castro e os seus fotógrafos, e historias curiosas como a do neno fotógrafo Luis Hermida, de oito anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así varía a posición do Sol ao longo dun ano

As fotografías de David Couce permiten observar como o astro muda o lugar polo que se oculta en función do mes no que observemos o atardecer

Seis imaxes que cambiaron a historia da ciencia

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de O ser humano empregou primeiro o debuxo e...

Como era a tumba do Apóstolo? Reconstrúen en 3D os santuarios previos á catedral de Santiago

Unha empresa galega crea imaxes dixitais da arquitectura prerrománica galega, co santuario de Afonso III como máximo expoñente

Novo acto vandálico en Santiago: escalan a fachada da Porta Santa a plena luz do día

Defensores do patrimonio histórico-cultural alertan de que este tipo de comportamentos se están descontrolando