Venres 19 Abril 2024

O CSIC axuda a descubrir desde Galicia o pasado de Somalilandia

Os investigadores do Incipit Alfredo González Ruibal e Jorge de Torres codirixen un proxecto sobre a historia medieval do Corno de África

Polo golfo de Adén pasa hoxe boa parte da enerxía que move o mundo. As augas que bañan o Corno de África ven pasar os barcos que transportan a produción petrolífera de Oriente Medio a través do mar Vermello e a canle de Suez cara ao Mediterráneo. Na súa beira hai un estado que existe na práctica, pero que na teoría ninguén no mundo recoñece. Chámase Somalilandia, e está independizado de facto desde 1991 de Somalia. No medio dunha zona bastante conflitiva e de escaseza, o goberno do país, que conta con policía, ministerios, xustiza e educación propias, “foi quen de proporcionar estabilidade, eleccións democráticas e certa prosperidade” aos cidadáns, segundo explican Alfredo González Ruibal e Jorge de Torres, dous arqueólogos do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, con base en Santiago de Compostela, que desde 2015 estudan en Somalilandia un pasado moi distinto ao da actualidade.

De Torres recibiu en 2019 unha das bolsas máis relevantes do Consello Europeo de Investigación (ERC), a Starting Grant, coa que dispón de 1,5 millóns de euros para afondar no estudo da formación dos estados medievais no Corno de África. E nas últimas semanas, a Misión Arqueolóxica Española liderada por estes dous científicos, a única que na actualidade traballa en Somalilandia, desenvolveu unha nova campaña de escavacións para comprender como era a vida hai centos de anos neste mesmo lugar.

Publicidade

Fotografías: Álvaro Minguito

“Aínda que Somalilandia hoxe, por extensión da de Somalia, está asociada no imaxinario internacional a piratería, violencia, integrismo islámico e pobreza, o certo é que durante gran parte da súa historia foi unha importante área comercial nun punto estratéxico privilexiado que conectaba o mar Vermello co oceáno Índico, e que actuaba como porta de entrada cara ao interior de África de produtos de Asia, Oriente Próximo, Oriente Medio e Arabia”, explican os arqueólogos do Incipit. Desde aquí exportábanse produtos naturais, “especialmente incenso e  mirra”, a través dunhas conexións comerciais que xa documentaron no seu tempo textos gregos de hai alomenos 2.000 anos.

Estas relacións conformaron no Corno de África unha “complexa rede de interaccións entre nómades, centros urbanos e comerciantes estranxeiros que abriu as portas á aparición de sociedades multiculturais e á emerxencia de estados medievais complexos e moi estables”, relatan os investigadores. Entre eles salienta o sultanato de Adal, un estado presente durante os séculos XV e XVI, que resistiu ata a invasión doutros pobos próximos e ao bloqueo por parte da frota portuguesa do golfo de Adén.

Somalilandia: unha terra pouco estudada

A inestabilidade da rexión nas últimas décadas, unida ás complicadas condicións climáticas, fixeron de Somalilandia unha especie de diamante en bruto para a investigación arqueolóxica. Esta foi unha das razóns que levou a González Ruibal e De Torres a apostar polo proxecto, despois de case 20 anos traballando noutras zonas do Corno de África, especialmente Etiopía.

Atopáronse cun país cunha poboación “vital e moi comprometida para demostrar que son moi diferentes á situación que se vive en Somalia”, contan. Gran parte dos somalilandeses son nómades, e móvense polo país buscando bos pastos e auga, “aínda que o cambio climático está facendo que cada vez máis xente abandone o nomadismo e emigre ás cidades máis importantes do país”.

Fotografías: Álvaro Minguito

Neste tempo, no que realizaron seis campañas, xa teñen documentado decenas de xacementos importantes, como cidades, centros relixiosos, feiras de comercio, estacións de caravanas ou portos, entre outros, e centos de restos arqueolóxicos menores. Algún destes achados dan conta da interesante mestura de civilizacións que se foron atopar en Somalilandia.

Na campaña que acaba de finalizar, Alfredo e Jorge explican que houbo dous alicerces fundamentais. “O primeiro foi a escavación dunha gran área (600 metros cadrados) na cidade medieval de Fardowsa, un importante centro comercial situado estratexicamente  nun dos extremos dun dos pasos de montaña máis importantes de  Somalilandia”. A  cidade “constituía o primeiro punto de paso para as caravanas que cruzaban a chaira desértica costeira para penetrarse no Corno de África, e era o primeiro sitio onde estas caravanas podían repoñer víveres e descansar”.

Nesta escavación puideron documentar dúas grandes casas, cada unha duns 90 metros cadrados, e outros edificios máis pequenos agrupados ao redor dun patio “Sorprendeunos por dúas cousas: polo ben preservadas que están as casas (ao redor dun metro de alto) e pola riqueza dos materiais atopados nelas”. A orixe de cada un deles evidencia as múltiples achegas culturais que recibiu esta zona. “Atopamos obxectos importados de China, o sueste asiático, Persia, Iemen, Siria e Exipto, e unha enorme cantidade de ósos de animais que mostran que as poboacións medievais somalíes consumían probablemente moita máis carne que actualmente”.

O segundo dos piares do traballo foi documentación da rexión ao redor de Berbera, unha zona na que traballaramos antes pero na que descubrimos seis xacementos novos, algúns de dous mil anos de antigüidade, que nos van a permitir entender mellor a organización dos roteiros comerciais nesta rexión”, resumen os arqueólogos.

Os arqueólogos do Incipit atoparon obxectos importados de China, Persia, Iemen, Siria ou Exipto datados na época medieval

Por diante aínda queda un longo traballo para atopar novas evidencias que axuden a contar o pasado da rexión. “Estas conexións comerciais e a formación de sociedades diversas non proporcionan simplemente datos sobre as condicións de vida de poboacións do pasado; pode levarnos a entender como as comunidades desta rexión xestionaron a diversidade étnica e relixiosa, a ocupación do terreo e a organización de rutas comerciais, e extraer conclusións para entender mellor a situación actual na rexión”.

A contribución ao desenvolvemento local é outra das arelas do equipo liderado por De Torres e González Ruibal. Durante a recente campaña foron frecuentes as visitas escolares ás escavacións e as actividades de divulgación nos medios locais, tal e como narraron os arqueólogos a través das redes sociais. González Ruibal contaba nunha entrevista a eldiario.es que o goberno está pensando en abrir un museo nacional, no que se expoñerán as pezas atopadas nas campañas do Incipit. “É unha responsabilidade moi grande estar contribuíndo á memoria colectiva dun país novo”, resumía.

Extraer leccións do pasado para mellorar o presente e o futuro é, segundo os arqueólogos do Incipit, un dos obxectivos do proxecto. “Aínda que non somos analistas políticos, si consideramos que o estudo das razóns do éxito destes estados medievais pode darnos vistas para propoñer alternativas á forma na que se expón actualmente a presenza do estado na rexión”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte