Catro investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) obtiveron unha axuda da convocatoria Starting Grant do European Research Council (ERC) correspondente ao ano 2019 para un proxecto sobre a construción de estados medievais no Corno de África.
Entre eles, atópase Jorge de Torres Rodríguez, quen desenvolverá a investigación nun centro do CSIC en Galicia, o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), con sede en Santiago de Compostela. Esta é a primeira vez que Galicia recibe unha Starting Grant (StG) en ciencias sociais e humanas e tamén a primeira vez que un centro do CSIC en Galicia obtén esta axuda.
A concesión da StG, dotada cun financiamento de 1,5 millóns de euros, “é un fito e un aliciente”, para os investigadores, tal e como resaltou Antonio De Ron, delegado institucional do CSIC en Galicia. De Ron considera que o logro deste prestixioso recoñecemento “demostra o gran labor que se está a realizar desde os centros” en Galicia.
Cemiterio medieval na feira de Siyara, en Somalilandia.
Na mesma liña, Felipe Criado Boado, director do Incipit, afirmou que este proxecto é “moi importante” porque reforza este centro como “unha das entidades de referencia na investigación africanista”. “Ademais, trátase un exemplo soberbio da investigación que fai o noso instituto, pois amosa a capacidade de comprender procesos sociais e políticos desde os estudos de patrimonio cultural”, engadiu.
O Instituto de Ciencias do Patrimonio ten proxectos de campo vivos en Somalilandia, Etiopía, Chile, Arxentina, Uruguai, Bolivia, Mongolia e Escocia, ademais dos que realiza en Galicia e España.
“StateHorn: Pathways to Statehood: Authority, Legitimacy and Social Diversity in theHorn of Africa (11 th-16 th centuries)”, é o título do proxecto que recibiu a Starting Grant e ten como obxectivo analizar as razóns do éxito dos estados medievais do Corno de África, en contraste cos problemas dos estados contemporáneos na rexión.
A investigación analiza o éxito dos estados medievais no corno de África
Para iso, utilizarase unha metodoloxía interdisciplinar na que destaca ante todo a importancia da Arqueoloxía. “Preténdese non só documentar arqueológicamente as razóns e estratexias que fixeron estables aos estados do Corno de África no pasado, senón extraer leccións que poidan axudar a xestionar mellor os problemas dunha das rexións máis convulsas do mundo” explica Jorge de Torres Rodríguez.
Para realizar estes traballos, seleccionouse a parte occidental de Somalilandia, unha rexión independizada de facto de Somalia en 1991 e onde de Torres Rodríguez ten codirixido outro proxecto arqueolóxico desde 2015, impulsado por Alfredo González-Ruibal, científico titular do CSIC no Incipit.
StateHorn estrutúrase a partir de cinco grandes temas de investigación: Paisaxe e territorio, Urbanismo e asentamentos, Cultura material, Comercio e Fuentes orais e escritas. Así mesmo, combina unha amplísima variedade de metodoloxías e técnicas de traballo, incluído o uso de drons e sistemas de información xeográfica, análises químicas de cerámicas e vidros, estudos de restos faunísticos e vexetais, compilacións de textos antigos e tradicións orais e escavacións en xacementos de diferentes tamaños, funcións e localizacións xeográficas.
Jorge de Torres.
O investigador Jorge de Torres Rodríguez formouse na Universidade Complutense de Madrid, onde se doutorou en 2012 cunha tese sobre a Idade do Hierro no val medio do río Texo.
Comezou a participar en proxectos de arqueoloxía en África, e especialmente no Corno de África, que se converteu na súa liña de investigación principal. Participou ou co-dirixido proxectos en Etiopía, Marrocos, Somalilandia, Mozambique e Sudán.
Entre 2015 e 2018 foi un dos membros do African Rock Art Image Project, un proxecto do Museo Británico que catalogou 25.000 imaxes de arte rupestre de todo o continente africano.
Nestes momentos é investigador posdoctoral Marie Curie no Incipit-CSIC analizando as relacións entre nómades e habitantes urbanos en Somalilandia. Tamén é co-director do proxecto español en Somalilandia dirixido polo Incipit-CSIC, e director de escavación no xacemento de Musawwarat é-Sufra, dirixido pola Universidade Humboldt de Berlín.