A espectacular estrutura do embarcadoiro do Coto Wagner, na ría de Vigo.

Coto Wagner, a historia do monumental cargadoiro de ferro

O colosal embarcadoiro na ría de Vigo deu saída á maior explotación mineira de ferro da península Ibérica

Tiñan nome de grandes músicos: o coto Wagner e o coto Vivaldi. E foron descubertos a mediados do século XX polo enxeñeiro vasco Julio Lazúrtegui, que soñou con converter o Bierzo nunha nova Biscaia.

Cando comezou a explotarse, en 1952, o coto Wagner converteuse na maior mina de ferro da península Ibérica. E supuxo unha revolución, con 500 traballadores e un teleférico de dous mil metros que transportaba o mineral ata a estación ferroviaria de San Miguel de las Dueñas. Desde alí, chegaba en tren á ría de Vigo para o seu embarque cara á grande industria siderúrxica de Alemaña e do Reino Unido.

É nesta historia onde xorde o monumental cargadoiro de Rande, que agora a Autoridade Portuaria de Vigo quere demoler, ignorando o seu valor como patrimonio industrial. Os veciños de Redondela, co Concello á súa cabeza, veñen de saír na defensa deste colosal anaco de arquitectura fabril.

O cargadoiro da Mineiro Siderúrxica de Ponferrada foi construído nos anos 60, cando media Europa poxaba polo ferro do coto Wagner. O porto de Vigo resultaba inoperativo ante os cargamentos masivos, polo que se decidiu erguer esta formidable estrutura de aceiro sobre o mar da enseada de San Simón.

Como sinala Carlos Menéndez Suárez na súa investigación “Breve historia mineira do Coto Wagner”, publicada na revista especializada De Re Metálica, o primeiro cliente da mina foi nada menos que a casa Friedrich Krupp AG, que en 1954 contrataba 120.000 toneladas de ferro.

O cargadoiro do Coto Wagner.

A estes pedidos sumáronse outros, ata o punto de que a Empresa Nacional Siderúrxica S.A. (ENSIDESA) chegou a idear un faraónico cable aéreo de 115 quilómetros que conectase o coto co porto de Avilés. O proxecto foi descartado e a ría viguesa, a elixida para dar saída ao mineral.

As compras de ferro disparáronse, “o que induciu á empresa para construír un cargadoiro marítimo de mineral definitivo en Rande (Vigo) co cal solucionaba un dos graves problemas da exportación, como era o da escasa operatividade (almacenamento e carga) con que se contaba no porto de Vigo”, sinala Menéndez no seu estudo.

O cargadoiro é un modelo pantalán, cun alado de 10 metros para a atracada de buques de ata 40.000 TRB. Podía embarcar ata 2.000 toneladas de ferro cada hora. E proba da súa capacidade é que en 1969 saíron desde alí 300.000 toneladas de mineral de ferro, segundo a memoria da Mineiro Siderúrxica de Ponferrada.

O ferrocarril mineiro chegaba ata o mesmo cargadoiro, onde se almacenaba o mineral e transferíase aos buques. Curiosamente, o cargadoiro do Coto Wagner sucedía a outro moi importante. Porque tamén en Rande situouse o construído en 1925 pola Compañía de Minerales de Hierro de Galicia S.A., que o empregou para embarcar wolframio para a Alemaña nazi durante a Segunda Guerra Mundial.

O volframio galego de Don Federico Guillermo

Aínda hoxe, baixo a ponte de Rande, consérvase unha vella estrutura de formigón que nos lembra as actividades nazis en Vigo durante a contenda bélica. O antigo cargadoiro estaba vinculado ao alemán Friedrich Wilhem Cloos, coñecido en Galicia como ‘Don Federico Guillermo’, establecido en Monforte de Lemos para explotar as minas de ferro de Freixo, en Marcelle.

Esta estrutura, que foi desartellada e vendida para chatarra pero da que se conservan os seus alicerces, xa foi utilizada no período de entreguerras. En 1926, o vapor Estoril fixo o primeiro cargamento. Consérvase no arquivo Pacheco unha foto do embarque das primeiras duascentas toneladas. Máis tarde, sería Don Federico Guillermo quen poñería o cargadoiro ao servizo nazi, mentres agasallaba ás súas amizades con exemplares en castelán da obra xerminal de Hitler: ‘A miña loita’.

Antigo cargadoiro de wolframio en Rande. Foto: Pacheco.

Pero, se o primeiro desapareceu, o cargadoiro do Coto Wagner segue en pé. A aparición de xacementos en Canadá, Asia e Sudamérica abaratou o ferro a escala mundial e truncou os plans das minas leonesas, que remataron por abandonar a infraestrutura na ría de Vigo a finais dos anos 70.

Agora, a Autoridade Portuaria de Vigo ten a idea de demoler as instalacións, que son un patrimonio industrial moi valioso, mentres que están catalogadas como Ben de Interese Cultural polo Concello de Redondela, dentro dun espazo de protección que inclúe os castelos de Rande e Corbeiro ou os restos da batalla de Rande de 1702.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.