Venres 26 Abril 2024

O infante que nunca chegou: así foi a ruína de Vigo e A Coruña á espera de Don Juan José

En 1668, os veciños de ambas cidades foron obligados a contentar ao fillo extramatrimonial de Felipe IV e a manter ao Terzo de Valadares

Aquela primavera e verán, Galicia viviu pendente dun bastardo. O país quedou paralizado pola presenza (e falta de determinación) de Don Juan José de Austria, illo extramatrimonial do rei Felipe IV e da actriz María Calderón, e home cun forte carácter político nos derradeiros anos da monarquía dos Austrias.

A crise afectou sobre todo a Vigo, que se sumiu na ruína, non provocada por unha peste, por un desastre natural ou por unha crise da pesca. A vila foi á quebra por esperar a unha soa persoa, precisamente Don Juan José, o último xenio político que deron os Habsburgo. Desde maio ata agosto de 1668, os vigueses tiveron que cargar coa manutención da Real Armada, ademais do famoso terzo de Valadares, ao tempo que se desvivían cos preparativos da chegada do chamado Príncipe do Mar, quen finalmente xamais chegou.

Publicidade

Abondan uns datos para facernos unha idea da ruína que supuxo aquela espera. En maio, Juan José de Austria atopábase na Coruña e resolveu trasladarse a Vigo para embarcar coa frota. Só para transportar a súa roupa, foron requisados oitenta carros tirados por catro bois ferrados cada un. E, cando chegou a Compostela, deu orde de requisar e reunir en Vigo os seguintes víveres para el e para a súa familia: 600 linguas de vaca, 12.700 ovos, 890 galiñas, 150 palomos, 450 libras de manteiga de porco, 52 arrobas de touciño, 175 xamóns, 60 arrobas de abadexo e 2.000 limóns. Redondeáronse as peticións con doce tenreiros e vinte quintais de biscoito.

Con todo, pasaron as semanas e Don Juan José de Austria nunca apareceu, mentres Vigo mantiña á chamada Armada de Francia, fondeada na súa ría, e ás súas numerosas tropas destinadas a loitar en Flandes. Pero, para entender tanto capricho, hai que lembrar ao personaxe e por que, neste momento da súa vida, estaba ‘de non’.

Don Juan José de Austria foi o fillo bastardo do rei Felipe IV coa actriz María Calderón, en cuxa casa da madrileña rúa Leganitos naceu. Inscrito no bautismo como ‘fillo da terra’, foi arrincado dos brazos da súa nai e entregado a unha humilde muller que o criou en León. O monarca máis tarde apiadouse do seu fillo natural e procuroulle unha educación principesca en Toledo, á morte da súa nai adoptiva.

Partida de nacemento de Juan José de Austria.

En 1642, cando contaba 13 anos, foi recoñecido polo rei, que lle foi dando títulos e distincións, sendo nomeado Príncipe do Mar aos 18 anos, convertido no mando supremo da Armada. Pero, contra todo prognóstico, e a pesar dunha vida regalada, o infante bastardo saíu relativamente bo. Fronte á dexeneración progresiva da dinastía dos Habsburgo, Don Juan José tiña un cerebro mesmo ben amoblado. Poderíamos dicir que foi un dos mellores políticos e militares que deu a Casa de Austria. E, desde logo, non resistiría a comparación co seu medio irmán o futuro rei Carlos II, O Enfeitizado, que enterraría a dinastía para abrir a porta aos Borbóns.

Don Juan José de Austria non debe ser confundido con Don Juan de Austria, fillo natural do seu bisavó o rei Carlos I e vencedor en Lepanto. Ambos comparten con todo o feito de que saíron máis brillantes os bastardos que os fillos chamados ‘lexítimos’.

A Juan José de Austria mandouno o rei primeiro a Nápoles, onde se desatou unha terrible revolta que ameazaba coa perda do territorio. E non só logrou pacificar a zona senón que tamén o fixo coa veciña Sicilia, da que foi nomeado vicerrei.

Máis tarde, foi desprazado ao principado de Cataluña, que combatía daquela pola súa independencia mentres Francia tiña a arela de controlar a zona. Tras sucesivas batallas e o sitio de Barcelona, Don Juan José de Austria foi nomeado Vicerrei de Cataluña.

Volveu triunfar como gobernador dos Países Baixos, vencendo en importantes batallas fronte aos franceses, aínda que máis tarde tivo que asinar unha paz forzada. Do seu labor diplomático, destacan os complicados acordos que alcanzou co futuro rei Carlos II de Inglaterra, refuxiado en Flandes polo rei Felipe IV mentres en Londres gobernaba o ‘mata reis’ Oliver Cronwell.

Seguiría o infante bastardo facendo grandes servizos á Coroa como capitán xeral do exército de Portugal, no intento de conquistar o país veciño, recentemente recobrada a súa independencia.

En 1668, cando se lle esperaba en Vigo e nunca chegaba, Don Juan José de Austria era un home que tiña gañado todo, pero que se considera maltratado. Morto Felipe IV, a raíña rexente é Mariana de Austria, que tiña ciumes do fillo natural da ‘Calderona’, centraba a súa atención no seu propio herdeiro, o enfeitizado príncipe Carlos. Así que o Príncipe dos Mares estaba enfadado. E por iso incumpría a orde de embarcar cara a Flandes desde Galicia, concretamente dende a ría viguesa.

Durante catro meses, Don Juan José de Austria intercambiou correspondencia coa Corte, poñendo escusas. Dicía que o clima de Flandes era moi frío e non convén á súa saúde. Que preferise seguir gozando do clima da Coruña, fai sospeitar que aquel argumento fose unha desculpa. Pediu, como vimos, subministros e víveres descomunais. E indigna á raíña rexente, que ordena o seu ingreso na prisión de Consuegra, pena que finalmente non se executa e Mariana de Austria remata cedendo, incluso despedindo ao seu valido Juan Everando (inimigo persoal do Príncipe dos Mares).

Pero todo isto era a alta política, mentres os veciños da Coruña seguían a manter o luxoso nivel de vida do Príncipe dos Mares e os veciños de Vigo quedaban arruinados sostendo unha armada e os seus víveres que nunca zarpaban cara a Flandes. Don Juan José de Austria nunca chegou. En agosto, finalmente partía a escuadra co Terzo de Valadares. E ninguén conta que sucedeu en Vigo con aquel pantagruélico cargamento de víveres nin cos oitenta carros de roupas do infante bastardo…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As covas do Monte Pindo, o refuxio dos disidentes durante a represión franquista

Un proxecto galego recupera a memoria dos fuxitivos da Guerra Civil na Costa da Morte a través de 12 pezas documentais
00:03:05

R de Revolta: o autogoberno irmandiño de “todos á unha”

Entre 1467 e 1469 a rebelión do poder popular arremeteu contra as fortalezas do Reino, o símbolo material da violencia dos señores

A pegada dos deuses prerrománicos nos topónimos de Galicia

O estudo das inscricións de seis aras votivas no noroeste peninsular axudan a entender a mobilidade xeográfica e o culto ás deidades

Os oito precedentes de Toconao: 2.070 toneladas de ‘pellets’ vertidas ao mar dende 2011

Un informe de Fauna & Flora International recolle os accidentes máis graves que ocasionaron o derramamento de bólas de plástico polo mundo