O consumo de xeados xa non é exclusivo do verán, a día de hoxe está normalizado durante practicamente todo o ano. Non obstante, sempre se alerta sobre a importancia dunha inxesta moderada deste produto debido ao alto contido en azúcares e graxas que presentan.
Porén, este sector estase transformando e, un exemplo disto, é A Factoría Ecolóxica, coa súa marca comercial, The Bio Factory. Broder Fernández-Obanza e Antonio Gómez son os responsables á fronte da empresa, quen revelan que a idea xorde a raíz da súa inquietude por “levar alimentos ecolóxicos aos consumidores e accesibles en iniciativa e prezo”.
Certamente, sinalan que cando comezaron, en 2010, “o mercado de xeados ecolóxicos estaba aínda por desenvolverse“, ademais que as marcas industriais non facilitan esta tarefa pero, a pesar de todas as trabas, propuxéronse facer un xeado que fose “totalmente o contrario, sen graxa, un produto san e saudable”, comunican. E, finalmente, conseguírono.
Cando comezaron, hai cuestión de 12 anos, só existía unha marca de xeados ecolóxicos en España e, na actualidade, esta firma de A Coruña é a única galega. Neste sentido, A Factoría Ecolóxica emprega, unicamente, ingredientes ecolóxicos e de proximidade, ao que Broder Fernández, un dos responsables da marca, alega que “os ingredientes, ademais de ser ecolóxicos, son sen glute, sen ovo, nin tampouco manteiga”, polo que ofrecen xeados diferentes a maioría dos convencionais.
Produtos: sabores e formatos
Nun primeiro momento, a marca ofrecía unha gama básica de cinco xeados, mais agora dispoñen arredor dunhas 70 variedades, entre as que se atopan produtos para alérxicos e veganos. Unha festa ata para aqueles que teñen intolerancias, alerxias alimenticias ou para os que exclúen a proteína de orixe animal da súa dieta.
Ademais dos sabores clásicos, que triunfan sempre, como son os de fresa, chocolate, limón, nata e vainilla, un dos responsables destaca que na súa xeadería venden moi ben os de “chocolates negros e froitas tropicais como o coco, o maracuyá ou o mango”.
No tocante ás opcións veganas, un dos responsables da marca conta que é un produto que ofrecen “dende o primeiro momento” pois, como querían facer un xeado sen materia grasa, optaron por facelos sen o leite. Desta forma, explican que “tras moitas probas, ensaios e erros” acadaron o produto que querían, ao que Broder Fernández engade, decisivamente, que a súa empresa non se apuntou recentemente “ao carro da moda do veganismo que existe hoxe en día”.
Unha vez elaborado o xeado, dáselle forma. Así, a marca coruñesa ofrece multiplicidade de formatos entre os que se atopan os polos, os botes de medio litro, os vasiños, os botes de vidro e os formatos a granel para xeaderías e hostelería.
A este respecto, especifican dende a empresa que todos os formatos se venden “relativamente ben”. Ademais, sinalan que este ano triunfaron cun novo deseño, os Bio Pop, que son polos de xeado en pau personalizables, en efecto, “os primeiros que apareceron no mercado de produción ecolóxica”, revela Fernández.
Certificación ecolóxica galega
Este produto galego caracterízase, principalmente, por ser ecolóxico e pola diminución da materia graxa, no caso das opcións elaboradas con lácteos, e dos azúcares, en todas as opcións, grazas a que os ingredientes son recolectados no punto de maduración real. Neste sentido, o ingrediente principal no caso do xeado normal é o leite de vaca e o sabor en cuestión, mentres que no caso do xeado vegano, destaca o alto porcentaxe de froita.
Así, The Bio Factory é o único fabricante de xeados que está no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica (Craaega) polo que todos os ingredientes que usa son ecolóxicos e están aprobados por este organismo, de modo que pasan por un proceso administrativo para ter a seguridade de que son ecolóxicos.
Ademais, a maior parte da materia prima que emprega esta firma é galega, de kilómetro cero. Así, no caso do leite, un dos compoñentes principais, provén da principal granxa de produción ecolóxica de Galicia, ubicada en Ordes. Non obstante, tamén traballan con algúns ingredientes de orixe necesarios para elaboración de determinados sabores, como chocolate de Madagascar ou o mango Alphonso, entre outros.
Broder Fernández expón que a súa marca non emprega, por convicción, “aromas, colorantes, aditivos nin pastas de alto contido de orixe graso”, ao que agrega que que “a produtora ecolóxica non permitiría estes engadidos”. A este respecto, un dos responsables aclara que os xeados se fan “con moi poucos ingredientes, no caso dos que levan leite de vaca ecolóxico, como máximo, cinco ou seis”, a diferenza dos convencionais, que teñen unha base duns 10 ou 12 ingredientes como aditivos tecnolóxicos. Máis por menos.
Puntos de venda
A marca dispón de obrador no polígono de Pocomaco e de tenda física na rúa Santa Catalina, ambos situados na provincia de A Coruña. Sen embargo, a comercialización destes produtos de calidade vai máis alá da xeadería, xa que os venden por toda a península ibérica, incluidas as illas Baleares e as Canarias e, como non, tamén efectúan pedidos a través da tenda online.
Deste xeito, distribúen xeados en canles especializadas, como poden ser tendas e pequenos supermercados de produción ecolóxica, así como tamén en grandes distribucións, como caterings e colexios ou entre a hostalaría en xeral. Así mesmo, tamén noutras xeaderías, que non levan a súa marca comercial, comercializan cos seus produtos. Dende a marca especifican que dispoñen dun “portafolio bastante diversificado”.