A Xunta reserva só un 3,34% das Fragas do Eume como zona de máxima protección

O novo plan de xestión do Goberno galego para o parque natural tamén amnistía tódalas plantacións de eucaliptos e acacias anteriores a 1997

Panorámica das Fragas do Eume. Imaxe: turismo.gal.
Panorámica das Fragas do Eume. Imaxe: turismo.gal.

Apenas un 3,34% das máis de 9.100 hectáreas das Fragas do Eume. Ese é o escaso terreo que a Xunta de Galicia prentende establecer como zona de reserva dun dos parques naturais máis senlleiros do país e que cada vez está máis cercado pola industrialización da xetión forestal e planificación eólica. Son pouco máis de 300 as hectáreas que o Goberno galego conclúe que precisan un “alto grao de protección” por albergaren os maiores valores naturais, científicos e paisaxísticos, así como pola singularidade dos seus hábitats, comunidades e especies. Algunhas delas en severo risco de extinción como a píntega rabilonga, o lobo, o gato montés, ou diversas aves de rapina como o bufo real. É a información que se desprende do Plano Reitor de Uso e Xestión (PRUX) que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a piques de aprobar de xeito definitivo e que está a levantar en pé de guerra a tódalas asociacións ecoloxistas.

“A zonificación é manifestamente pouco ambiciosa. Este PRUX volve defraudar”

ADEGA

“Polo que atinxe aos contidos, esta proposta de PRUX defrauda novamente e fica moi lonxe de garantir a conservación e mellora dos valores naturais das Fragas. A zonificación é manifestamente pouco ambiciosa“, explican dende ADEGA. “No resto de zonas (uso limitado, uso compatíbel e uso xeral) permítense, a discreción da Xunta, case todo tipo de aproveitamentos malia á presenza de hábitats prioritarios e especies que contan cunha estrita protección”, lamentan.

Zonificación no PRUX das Fragas do Eume

Amnistía para os eucaliptos

Un dos aspectos que máis está á revolver en ADEGA e que tachan de “irresponsabilidade” é a xestión e o tratamento das plantacións de eucalipto xa existentes. Segundo explica o PRUX ao que tivo acceso GCiencia, indícase a este respecto que se vai “promover a eliminación de eucaliptos acacias e falsas acacias especialmente na zona de reserva, na zona de uso limitado e nos terreos onde non estivesen cultivadas con anterioridade á data de publicación do PORN das Fragas do Eume mediante o Decreto 11/1996, do 2 de maio”. “E que acontece coas masas que fican dentro do parque natural e estaban plantadas antes de 1997? Pois que son amnistiadas pola Xunta para que sigan sendo foco de invasión e degradación do bosque atlántico polo que As Fragas foron declaradas Parque Natural”, denuncian dende a Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza.

Sobre as plantacións de ecualpitos, ADEGA denuncia “pasividade” na catalogación dos Usos prohibidos do PRUX. No texto da Xunta prohíben “a presenza, nos 15 metros das ribeiras, de piñeiros, acacias ou eucaliptos en cursos de auga de polo menos dous metros de ancho”. “Estes 15 metros a cursos fluviais nos que se prohibe o eucalipto xa foi establecido hai 10 anos na Lei 7/2012 de Montes, e é de aplicación xeral en todo o territorio”, explican os exoloxistas. “Un parque natural, polos excepcionais valores que acubilla, non pode ser xestionado como se fora un monte calquera, sobre todo no que atinxe á presenza do eucalipto, principal factor de degradación das Fragas do Eume”, rematan.

Máis de dúas décadas de retraso

Pasaron xa 25 anos dende que as Fragas do Eume foron declaradas como Parque Natural e, aínda hoxe, seguen sen estar protexidas por un Plan Reitor. De facto, é o Parque Natural peor conservado de Galicia, xa que é o único dos sete que carece de un PRUX en vigor. E polo que apuntan nun comunicado ata dez organizacións de biólogos, investigadores, ecoloxistas e naturalistas con presenza na zona, este plan “chega tarde de xeito interesado”. Entre elas, atópase a propia ADEGA, Grupo Naturalista Hábitat, FEG (Federación Ecoloxista Galega), SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural), Grupo Lobo, Asociación Betula REBINXE (Recuperación da Biodiversidade na Xeografía Rural), AGCT (Asociación Galega de Custodia do Territorio), SGO (Sociedade Galega de Ornitoloxía), Colectivo Terra e Morcegos de Galicia.

Este novo plan que critican con dureza, fíxose obrigatorio por lei para cada espazo protexido dende a súa proclamación e debería ter sido aprobado no prazo de dous anos logo da declaración do parque, isto é, en 1999. “Esta escandalosa demora da Xunta por dotar de ferramentas de xestión a este emblemático espazo non é casual. Responde a un desleixo pola conservación dos espazos protexidos en xeral e Fragas do Eume en particular, favorecedor da coñecida política de feitos consumados. No caso do parque natural das Fragas do Eume, a eucaliptización, os aproveitamentos hidroeléctricos, os incendios, os parques eólicos… foron degradando de vez este espazo perante a pasividade da Xunta. Arestora as Fragas do Eume pode considerarse o parque natural peor conservado de toda a Europa atlántica”, rematan as organizacións asinantes.

1 comentario

  1. Vergoña lle debía dará Xunta . Semella unha barbaridade …
    Incomprensible esa falla de repecto a unha fraga única.
    Un tesouro desprotexido e ferido .

    Cun goberno do PP a onde imos …!
    A ningures ou aínda ao abismo máis absoluto !

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.