Os fondos mariños galegos son un tesouro que, en moitos casos, aínda están por explorar. Os naufraxios acontecidos desde hai centos de anos en toda a costa foron creando un cemiterio submarino de pecios que podería ser un importante atractivo científico e turístico. E a ría de Vigo, escenario de batallas e numerosos afundimentos, revela de cando en vez novas xoias.
Á procura delas andaba a empresa Ocean Secret, que localizou, mentres probaba o seu sónar de varrido lateral, uns restos na zona de punta Arroás, en Moaña. Ao atopar estes restos, organizouse unha exploración para avaliar o seu posible interese arqueolóxico e, en caso de ser así, poñelo en coñecemento das Administracións. Formouse un equipo no que participaron Ismael e Andrés Blanco, de Ocean Secret, e ao que se sumaron Ignacio Ferreiro, de Buceo Islas Cíes, e os científicos Gonzalo Mucientes, de Ecoloxía Azul, e Manuel E. Garci, de Bioimaxe. Estes dous últimos gravaron as imaxes que se poden ver no vídeo que encabeza a información.
O pasado 7 de marzo baixaron a observaro os pecios, asentados sobre o fango do fondo, a uns 12 metros de profundidade. “Aproveitamos para observar a fauna asociada ao pecio”, explica Manuel E. Garci. Ao explorar o lugar, houbo unha de cal e outra de area. Os restos eran de barcos modernos, con escaso interese arqueolóxico, pero o valor ecolóxico era bastante maior. “Sobre os restos de madeira xerouse unha comunidade faunística bastante densa”, explica Garci. Había nécoras “en abundancia”, engade. E na súa exploración atoparon tamén polbos, peixes porco, corvinas, e corais, como as anémones, adheridos aos pecios.
A posición destes restos “fainos funcionar como un arrecife artificial, provocando un aumento da biomasa e biodiversidade da zona”. E ademais, protexe á fauna da pesca agresiva. “Este tipo de pecios funcionan como artefactos disuasorios para as artes de pesca agresivas co medio mariño, xa que que os aparellos quedan enganchados nel e inutilízaos, polo que estes pescadores apartan deles para evitar a perda dos aparellos”, explica Garci.
Os pecios, unha oportunidade
A biodiversidade e a boa conservación que amosa esta zona da ría é, para o científico de Bioimaxe, “un bo exemplo do que podería lograrse cunha boa política de recuperación de fondos, e como zonas de buceo recreativo, tal e como se está facendo en Portimao, no Algarve”.
En Galicia, numerosas empresas de buceo recreativo aproveitan os restos de barcos afundidos para realizar expedicións. Un dos casos máis coñecidos é o do Cason, afundido en 1987 en Fisterra, e que hoxe funciona tamén como un arrecife arredor do cal medran e viven varias especies de fauna.