Publicidade
Martes 13 Maio 2025
Publicidade

Sálvora, Marte e a Vía Láctea: a foto do ceo galego que percorre o mundo

As Illas Atlánticas, ao estaren libres da contaminación luminosa na parte que se orienta cara a inmensidade do Atlántico, son un dos dous destinos Starlight de Galicia (o outro é Trevinca), que recoñecen a limpeza do ceo e a posibilidade de observar as estrelas. Son, por tanto, un lugar acaído para a observación astronómica e a fotografía nocturna. Unha delas, Sálvora, acaba de ser recoñecida como a Fotografía Astronómica Amateur do Día (AAPOD), o ‘equivalente’ afeccionado á APOD, a imaxe seleccionada cada día pola NASA. E está percorrendo o mundo, porque a AAPOD é vista por moitos miles de persoas de todo o planeta que seguen todos os días as novas fotografías da iniciativa.

O autor da imaxe é Ángel Arós, profesor de Matemáticas da Universidade da Coruña e socio da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, e fíxoa en agosto de 2018 no marco dunha expedición científica dirixida por Salva Bará, profesor de Física da USC e experto en contaminación luminosa, para medir a calidade do ceo na illa, como parte dos controis precisos para manter a categoría Starlight.

Publicidade

“Para min supón unha satisfacción inmensa, porque non hai nada mellor que un recoñecemento outorgado polos teus pares; son eles os que saben dos traballos, sacrificios, e dedicación que conleva a práctica astrofotográfica”, explica Ángel Arós, que recibiu a noticia oito meses despois de realizar a imaxe. O profesor da UDC subliña que a gran cantidade de fotos que se reciben cada día en iniciativas como a APOD “aumenta, queiras ou non, a honra de que sexa seleccionada”. A imaxe xa fora premiada en 2018 polo portal Ceos Galegos.

“Supón unha satisfacción, inmensa, porque non hai nada mellor que un recoñecemento outorgado polos teus pares”, destaca Ángel Arós

A historia da foto de Sálvora

Como explica Arós, a oportunidade de tomar a imaxe xurdiu nesta expedición liderada por Bará. Segundo explica o autor, “a través das fotografías pódese obter tamén moita información susceptible de ser tratada científicamente“, e tamén porque “cunha foto é máis fácil chegar ó público en xeral e divulgar o teu estudo”, subliña. Ademais, era unha oportunidade case única, porque “normalmente non está permitido pasar a noite en Sálvora”.

Publicidade

E entón xurdiu o momento agardado. “Un cono de luz na badía“, algo inesperado, lembra Ángel Arós. “Marte estaba en oposición á Terra neses días, polo que o seu brillo era maior do habitual, e estaba suficientemente baixo no horizonte a esas horas como para que a súa luz reflectira nas augas quedas (marea baixa) tralo dique de abrigo”.

Ao estar en oposición á Terra, Marte tiña un brillo maior do habitual, e ademais estaba baixo no horizonte

Había que aproveitalo: “Busquei un encadramento o máis bonito posible, dende o extremo do dique mirando cara o Pazo e a Serea de Sálvora, é dicir, en dirección Sur, para que saíra tamén a Vía Láctea erguéndose ‘perpendicularmente’ ós penedos no horizonte. Axustei os parámetros da cámara para maximizar o rendemento da foto sen que as estrelas deixaran traza e fixen una ducia de disparos para compoñer con eles un mosaico”, lembra Ángel Arós.

Pero aínda viría algo que faría a foto aínda máis fermosa, grazas á época do ano na que se tomou a imaxe. “Na composición final tiven a sorte de que quedaran marcadas dúas perseidas (estabamos preto do seu máximo) e a Vía Láctea deixou tamén reflexo sobre a badía”, destaca o fotógrafo.

A imaxe quedou completada por outras fontes de luz: “no estremo esquerdo, os tons alaranxados da contaminación luminosa que vén do continente; no estremo dereito os tonos verdosos que delatan o airglow, ou luminiscencia nocturna, un fenómeno que ten que ver coa reestruturación das moléculas da atmosfera ionizadas pola luz solar durante o día; e no centro o resplandor azulado que provén do faro da illa, situado ó sur da mesma”. Son, segundo explica, “unha morea de fontes de luz diferentes, que corresponden a fenómenos físicos moi variados (rozamento, química, óptica…)”.

O autor

Aínda que leva desde 2005 facendo astrofotografía, Ángel Arós comezou a dedicarse “en serio” a partir de entrar en Ío. “É algo que me encanta; desde a fase da planificación, a execución, o procesado, a divulgación….todo ten o seu aquel. Claro que tamén ten as súas frustracións cando algo falla. Pero que afección non as ten!”. Paga a pena, segundo di, a pesar da dificultade de conciliar vida profesional e familia coa afección, “que che resta horas de sono cada vez máis preciadas”

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cantas estrelas podes ver nas distintas zonas de Galicia? Consúltao neste mapa

MeteoGalicia e a USC monitorizan a evolución da contaminación luminosa na comunidade a través de distintas estacións localizadas nas catro provincias

O dispositivo da UDC que se estende polo mundo para mitigar a contaminación luminosa

O investigador do CITIC Mario Casado deseñou un fotómetro que permite comparar as medicións de luz nocturna cos niveis teóricos de luz natural

Chega o pico de actividade das Perseidas: cando e como gozar deste espectáculo da natureza

A chuvia de estrelas máis famosa do verán experimentará a súa máxima nas noites entre o domingo ata o martes

Chegan as estrelas fugaces Delta Acuáridas: este mapa axudarache a velas

Esta fin de semana terá lugar o pico de actividade destes meteoros , aínda que as nubes presentes nos ceos nocturnos no norte e no sur de Galicia poderían dificultar a súa visión