A revista científica Cell, unha das máis relevantes do mundo polo seu prestixio e o seu factor de impacto, leva na súa última portada unha ilustración que describe a investigación de José Ángel Nicolás Ávila, un científico galego que traballa no Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC). O investigador describe nun artigo do que é primeiro autor, e no que se resumen varios anos de traballos, un sistema de limpeza celular no corazón que facilita o bo funcionamento do órgano e o aparello cardiovascular.
A ilustración, realizada por Juan Manuel García, describe como os macrófagos xogan un papel clave na eliminación das mitocondrias (os orgánulos da célula encargados da produción de enerxía) para preservar a función cardíaca. Deste xeito, a portada de Cell representa un corazón dun mamífero rodeado de macrófagos que participan na actividade, enfatizando, de maneira artística, a interacción coas células cardíacas.
The new issue is live! Featuring a #cellular #mechanism to alleviate reductive #stress, a bioenergetic #sensor that regulates #muscle #adaptation to #exercise, and patrolling #alveolar #macrophages! https://t.co/pjUtV3Gfmm pic.twitter.com/F70YWcVUuN
— Cell (@CellCellPress) October 1, 2020
No volume 183 da revista, que recolle a portada de Nicolás Ávila, aparece tamén o artigo, avanzado hai dúas semanas por GCiencia. O científico explicaba naquel momento como os cardiomiocitos son capaces de ‘delegar’ a limpeza dos refugallos mediante a liberación dunhas partículas chamadas exoferas, que son capturadas polos macrófagos, unha rede de células inmunitarias do tecido cardíaco. Estes macrófagos son os que se encargan de eliminalas para evitar que xeren problemas inflamatorios no corazón e, deste xeito, configúrase un sistema de limpeza que é esencial para o bo funcionamento do órgano e o aparello cardiovascular.
Da mesma maneira, explicaba o científico, os achados agora descritos poden achegar novos enfoques na investigación de doenzas cardíacas, poñendo o foco dalgunhas patoloxías en posibles erros nos macrófagos que dificultan este sistema de limpeza. “Ata agora buscábanse as causas en xenes e proteínas dos cardiomiocitos, pero agora haberá que prestar atención a estas células; e pode abrirse aporta a estratexias que, modulando o sistema inmune, poidan rexuvenecer a poboación de macrófagos e corrixir os posibles erros”.
O estudo dun científico galego descobre un sistema de limpeza celular no corazón
Alén do corazón, José Ángel Nicolás avanza a posibilidade de que se produzan procesos parecidos para manter a calidade de células especializadas noutros tecidos, como o cerebro, ou as do sistema músculo-esquelético, cuxas células comparten características similares ás do corazón. “Actualmente estamos a explorar se fenómenos similares ao que describimos no corazón poden acontecer noutros órganos, ou se o proceso se deteriora co envellecemento”.
José Ángel Nicolás é graduado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e Máster en Bioloxía Molecular. En febreiro, xusto antes do estado de alarma por mor da Covid-19, presentou a súa tese de doutoramento, e agora traballa cun contrato posdoutoral no CNIC, coa previsión de facer algunha estadía nun laboratorio estranxeiro. A liña de traballo que agora se publica na revista Cell xa lle serviu en 2015 para recibir un premio da empresa Inmunotek.
Hai algo máis de dous anos, outro galego protagonizou a portada doutra das revistas científicas máis destacadas do mundo. Neste caso foi o ilustrador Álvaro Valiño, que deseñou en máis dunha ocasión a capa de Science.
Magnífico artigo. Felicito al autor y editores.