O fotógrafo David Couce estáse a converter nunha referencia galega á hora de retratar o fenómeno do raio verde. Desta vez, capturouno no horizonte das terras de Ferrol, dende a praia de Doniños, coas illas Sisargas moi preto: “Gústame xogar co Sol e coa Lúa e mételos en encadres con obxetos arquitectónicos ou naturais, como neste caso coas illas Sisargas. Xa sabía que había moitas posibilidades de raio verde, e incluso azul. Estaba a horizonte completamente despexado e facía moi pouco vento. Factores que por experiencia sempre me dan vos resultados”, explica a GCiencia.








Que é o raio verde?
O fenómeno coñecido como raio verde adoita producirse xusto despois da saída do Sol ou antes do solpor. É debido a que en determinadas condicións a atmosfera produce un fenómeno de dispersión e difracción das ondas de luz que anula algunhas cores do espectro visible para os humanos, mentres que maximiza as ondas arredor dos 525nm, que se corresponden cos tons verdosos. É pouco habitual velo, e aínda menos retratalo. Artistas e escritores como Jules Verne (que lle dedicou un libro á súa procura) teñen moito falado sobre el. Tamén se mencionaba no filme Piratas do Caribe como unha especie de mito.
Hai outra variante, menos habitual: o raio azul ou violeta. Para observalo, é preciso que se maximicen só as ondas de luz arredor dos 450nm. Ata hai pouco tempo había escasos documentos gráficos no mundo que amosen a súa presenza. Nos últimos anos, foi observado e retratado en varias ocasións en Galicia. O primeiro retrato do que hai constancia é o de Alfredo Madrigal, que o observou en Loiba en 2016.













