Como é o reloxo biolóxico dos peixes cegos?

Na maioría dos seres vivos, desde as bacterias ata os seres humanos, determinados procesos biolóxicos que van dende a produción dunha hormona ata o comportamento (por exemplo, o ciclo sono-vixilia), repítense dando lugar a ciclos ou ritmos que duran aproximadamente 24 horas. Por iso estes ritmos reciben o nome de ritmo circadiano (do latin circa=arredor de, diem=dia). Aínda que non teñamos un reloxo a man, as células, os órganos e tecidos do noso corpo organizan o seu funcionamento biolóxico a través dos seus ritmos circadianos.

Ademais, o noso corpo é capaz de poñerse en hora con respecto ao momento do día que temos no noso ambiente a través de diversos factores, entre os que destaca a luz, para adaptarnos ao entorno no que vivimos. Así, hai determinados momentos do día axeitados para comer, durmir ou realizar a fotosíntese, ou ben podemos aprender en que momento do día aparecen os posibles depredadores, para estar alerta e poñernos a salvo. Isto é, por tanto, un mecanismo de adaptación o entorno que resulta clave para a supervivencia e, por tanto, para a evolución.

Publicidade

Rosa Ceinos desenvolveu a súa investigación no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo.
A investigadora da UVigo Rosa Ceinos.

Pero que pasa cos animais aos que a evolución fixo sumirse na máis completa escuridade, en ausencia de case calquera tipo de estímulo externo? Nunhas covas do deserto de Somalia vive o Phreatichthys andruzzii, un peixe da familia dos ciprínidos que evolucionou desde hai dous millóns de anos en lugares aos que non chega a luz solar. Perdeu as súas células pigmentarias, e mesmo os ollos. Na Universidade de Vigo, a bióloga Rosa Ceinos leva anos estudando o sistema circadiano desta particular especie, en colaboración con científicos italianos e alemáns.

Agora acaba de publicar un artigo na revista Scientific Reports, do grupo Nature, onde aborda como as mutacións xenéticas axudan a esta especie a regular o seu ritmo circadiano en ausencia total de luz. O mesmo equipo xa realizara investigacións previas nas que se poñían de manifesto o particular reloxo biolóxico do peixe da cova.

Publicidade

Nos mamíferos, o sistema circadiano está centralizado no hipotálamo. Desde aquí, este reloxo biolóxico sincronízase coas outras partes do corpo (o fígado, o ril, a retina, etc.) para que o conxunto vaia ao mesmo ritmo. Porén, nos peixes este sistema non está tan centralizado. Así, o equipo decidiu comparar no seu estudo o comportamento de dous peixes; por unha banda, o peixe das covas de Somalia, e por outro, o peixe cebra. Neste último, por exemplo, o ritmo circadiano regúlase directamente pola luz a través de todas as células do corpo, sen necesidade dun centro integrador que dite o ritmo do resto das células.

O peixe das covas aumenta a actividade no período previo aos momentos de maior presenza de alimento

“No caso do peixe das covas, os xenes reloxo relacionados coa luz acumularon tantas mutacións que o animal xa non é capaz de sincronizarse co fotoperiodo”, explica Rosa Ceinos. Así, o peixe da cova acumulou múltiples mutacións en xenes responsables de transmitir a información referente á chegada do día. Este feito aporta información sobre as moléculas ou xenes relevantes que transmiten a información luminosa ao interior da célula.  Porén, o sistema circadiano do peixe da cova retivo outras propiedades que fixeron posible que este animal mantivese a súa organización interna dentro das covas, contribuíndo á súa supervivencia lonxe da influencia da luz solar. Isto é, conseguiu sincronizarse a través do alimento”, conta a investigadora da UVigo.

Para realizar a investigación, o equipo tivo que estudar os exemplares deste peixe en catividade, xa que na actualidade non é posible acceder ás covas de onde é endémico. Observaron deste xeito que, no período previo aos momentos de maior presenza de alimento, os exemplares son quen de aumentar o seu ritmo de actividade para estar alerta e conseguir captar os nutrientes. Todo un exemplo de supervivencia ante circunstancias adversas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Un estudo galego revela que os lumes favorecen ás aves máis afectadas polo abandono rural

A USC e o CSIC investigan a Serra do Xurés e analizan a recuperación desigual segundo o hábitat, cunha maior vulnerabilidade das especies forestais

Extraer ADN de amorodos ou resolver unha ‘escape room’ climática: así será a sexta edición da G-Night

A Noite Galega das Persoas Investigadoras terá lugar o 25 de setembro de xeito simultáneo nas sete cidades galegas

Identificadas moléculas con potencial terapéutico en cancro no primeiro leite das vacas tras o parto

Un equipo galego revela que as vesículas extracelulares do calostro bovino frean de forma reversible a proliferación de tumores gastrointestinais