Nola, un dos catro rinocerontes brancos do norte que quedaban no mundo, morreu esta fin de semana aos 41 anos no Zoo de San Diego, nos Estados Unidos, segundo informou a institución zoolóxica norteamericana. O equipo veterinario do parque tivo que practicarlle a eutanasia debido ás complicacións derivadas dunha infección bacteriana, sumadas aos problemas de saúde relacionados coa súa idade, que facían imposible a súa recuperación.
“Nola deixa un legado que os seus coidadores e o persoal a cargo dos animais esperan continuar, co obxectivo de axudar á conservación do rinoceronte nos vindieros anos”, explica a nota de prensa.
Tras a morte de Nola, só quedan 3 exemplares de rinoceronte branco do norte, dúas femias e un macho, custodiados permanentemente por gardas armados no parque natural de Ol Pejeta (Kenia). En outubro de 2014, este parque naturaI tiña que lamentar a perda de Suni, por causas naturais, un dos últimos machos reprodutores e non se coñece a ningún que sobrevivise no medio silvestre. A fertilización en vitro, quizá cunha femia de rinoceronte branco do sur, é segundo os veterinarios a única posibilidade para a continuación da especie.
O rinoceronte branco do norte é unha subespecie do rinoceronte branco, que adoitaba habitar en partes de Uganda, Chad, Sudán, a República Centroafricana e a República Democrática do Congo. Os anos da caza furtiva xeneralizada e a guerra civil no seu fogar devastaron as poboacións deste animal, considerado extinto en estado salvaxe.
GCiencia realiza unha reserva expresa das reproducións e usos das obras e outras prestacións accesibles desde este sitio web a medios de lectura mecánica ou outros medios que resulten adecuados a tal fin de conformidade co artigo 67.3 da Real Decreto - lei 24/2021, do 2 de novembro // Auditado por GFK