Un baño no mar de ardora coa Vía Láctea de compañeira en Corme

O fotógrafo Drew Corme conseguiu captar o fenómeno da bioluminescencia na ría de Corme e Laxe na madrugada do mércores ao xoves

Volve o mar de ardora a Galicia. Ou, polo menos, volve ao tempo que alguén está atento e consegue captar este peculiar fenómeno. Despois dunhas xornadas estivais que atraeron en agosto de 2020 a moita xente á praia de Carnota, onde se puideron contemplar fermosos episodios de bioluminescencia, a ría de Corme e Laxe foi escenario a pasada madrugada da acción dos dinoflaxelados que provocan que o mar brille na noite.

Foi o fotógrafo afeccionado Drew Corme, que estaba realizando imaxes nocturnas xunto a un grupo de amigos, o que recolleu o mar de ardora. “Fomos ata o Roncudo, onde hai menos contaminación luminosa, para facer algunha imaxe, e despois á praia da Barda. Logo chegamos á Ermida, e entón pareceume ver que a auga brillaba un pouco”, conta.

Publicidade

Alí, xunto á illa da Estrela, desfrutaron plenamente do espectáculo. Como o fenómeno se fai máis intenso cando a auga se move máis, Drew e os seus amigos non dubidaron en meterse na auga en plena noite para ver ao seu redor como a auga ‘ardía’. A cámara, desde a praia, inmortalizaba todo o proceso. Unhas siluetas móvense na auga, o mar de ardora tingue a beira dunha cor azul eléctrica e no ceo, a Vía Láctea acompaña o momento. A imaxe non está exenta, iso si, da contaminación luminosa da vila de Laxe (xusto detrás da illa da Ermida) e algunhas das luces de Corme.

Nas redes, Drew compartía os seus sentimentos, facendo referencia ao vivido o ano pasado en Carnota, onde tamén gozou do fenómeno:

Publicidade

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de drew (@drewkorme)

 

Como se produce o mar de ardora

O fenómeno do mar de ardora, como outros outros fuxidíos espectáculos da natureza (véxase o raio verde), foi descrito por primeira vez por Jules Verne en Vinte mil leguas baixo dos mares. A responsable de que poidamos gozar del é a Noctiluca scintillans, unha especie de dinoflaxelado unicelular que, ante alteracións na contorna, xera bioluminescencia. O proceso é moi semellante ao que se pode observar nos vagalumes.

Para que haxa mar de ardora teñen que darse unhas determinadas condicións no mar, pois a Noctiluca scintillans aliméntase de fitoplancto. Así, no verán con altas temperaturas e maior presenza de nutrientes, poden aumentar notablemente na costa galega. O ano pasado, coincidindo no tempo coas fascinantes noites de mar de ardora, a ría de Vigo estaba durante o día tinguida dun ton alaranxado, como expoñía o investigador do Oceanográfico de Vigo Francisco Rodríguez:

VÍDEO. Así corusca a ardora no mar de Carnota

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Non son medusas: estes son os animais que apareceron nas praias da Costa da Morte e do Morrazo

A principal hipótese atribúe o varamento masivo de veleiriños ás correntes e fortes ventos provocados pola borrasca Nelson

A carabela portuguesa invade as praias da Coruña: como actuar se che pica?

Na Costa da Morte tamén aparecen exemplares de 'Pelagia noctiluca', unha medusa luminiscente cunha picadura moi urticante

Onde ver o mar de ardora? Estas son as mellores praias da Costa da Morte

O fenómeno de bioluminiscencia deixouse ver nas últimas semanas con todo o seu esplendor nos areais de Estorde (Cee) e Carnota

‘Sica’ e todo o que non lle pertence ao mar

O cambio climático aparece representado nun contexto de cotiandade na primeira longametraxe de Carla Subirana, ambientada na Costa da Morte