Non, nin esta foto a fixo a NASA nin é real

A imaxe que circula polas redes como unha suposta foto por satélite da península Ibérica é en realidade unha ilustración

A trola non é nova. Leva circulando polo menos desde 2015. Alguén a viu e decidiu que sería boa idea dicir que era unha fotografía captada pola NASA desde o espazo e que amosa unha espectacular panorámica da península Ibérica. O pasado 29 de abril, un usuario de Twitter publicouna de novo, e a pesar de que no seu momento, hai catro anos, xa xurdiran varios artigos que advertían de que se trataba dunha obra artística, o tuit, que dicía “Menudo fotón liberou a NASA fai pouco”, volveu acumular milleiros de reaccións. Con todo, houbo tamén moita xente que avisou de que non era real.

Por que a foto non pode ser real?

A comezos de 2015, cando a imaxe xa se fixera viral, xurdiron varios artigos en portais especializados en ciencia e astronomía para argumentar por que non se trataba dunha imaxe real. Desde Genbeta, Miguel López, adiantaba algunha das evidencias de que a Península non se podía ver así desde o espazo: “Abonda con fixarse un pouco; os relevos no terreo son demasiado sospeitosos, e esas nubes teñen un tamaño demasiado grande e están demasiado elevadas para ser do tipo que son; ademais, na zona do mar Cantábrico hai uns reflexos que non son para nada realistas”.

Publicidade

Pero hai máis: outra análise do portal especializado Astro Ándalus afonda nalgunha das razóns; sobre as nubes, chaman á atención non só sobre a altura, senón tamén sobre a súa escala. “Desde o espazo, vense tan abaixo que apenas se perciben como unhas manchas brancas”.

A escala do relevo tamén chama a atención: “Fixádevos en concreto no estreito de Xibraltar, no seu punto máis próximo entre a península e Marrocos é duns 14 quilómetros, pero moitas das montañas parecen elevarse nunha distancia equivalente. Do mesmo xeito, advirte sobre o nivel de detalle das ondas do mar nalgúns puntos. “O tsunami provocado por esas ondas sería algo sen parangón”, subliñan.

Publicidade

Outra análise, realizada polo físico Arturo Quirantes en Naukas, destaca tamén a ausencia de vexetación: “Salvo unha pequena mancha no val do Guadalquivir, a foto está desprovista de vida vexetal. É certo que estamos deforestando o solo por riba das nosas posibilidades, pero hai rexións de Portugal, Guadarrama, Cádiz ou o norte de Andalucía cubertas de vexetación todavía. E na foto non se observa nada diso”, salienta Quirantes.

O verdadeiro autor

Mais quen está detras desta obra artística, pero non real? Unha rápida busca nas redes leva ao nome de Anton Balazh, un ilustrador que ten publicadas máis de 1.000 fotos deste mesmo estilo en repositorios dixitais. Son imaxes fermosas, si, e inspiradas nalgunhas tomadas polas axencias espaciais. Pero non deixan de ser representacións artísticas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como viviron os astronautas de Artemis II? A NASA revela centos de imaxes e audios inéditos

Trátase do primeiro conxunto de información planetaria recompilada principalmente por seres humanos en máis de medio século

En 2025 rexistráronse 14 bólidos sobre o ceo de Galicia

A lista recompilada pola rede de investigación SPMN sinala outubro como o mes con máis observacións

Queres ter un anaco do cosmos? A NASA permite adoptar un píxel do Grace Roman

A iniciativa permite obter unha pequena parte das primeiras imaxes do observatorio espacial, que ten un campo de visión cen veces maior ca o do telescopio Hubble

Un novo bólido sorprende en Galicia: como identificar este tipo de fenómeno astronómico

O CSIC confirma que o meteoro se puido observar dende diversos enclaves distribuídos por Ourense, O Porriño, Arteixo e Vigo