A Academia busca a Palabra do Ano 2020 (e podes dar ideas)

A RAG abre o certame para atopar o vocábulo máis significativo deste ano baixo participación popular

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié abren este martes 1 de decembro o prazo para propoñer palabras aspirantes a se converter na Palabra do Ano 2020. A elección colectiva do termo convócase un ano máis a través do Portal das Palabras (portaldaspalabras.gal), o proxecto impulsado por ambas as entidades para a difusión do léxico galego.

Que a cidadanía decida a palabra que identifica o ano que remata pode ser un xeito de resumirmos como o vivimos, no bo ou no malo. Tamén pode ser unha maneira de redimírmonos daquilo que se quere deixar atrás, ou unha forma de buscar acougo. A última palabra terana as persoas que participen nesta iniciativa, que constará de tres fases. A primeira delas, a de proposta de termos, permanecerá aberta ata o domingo 13 de decembro ás 23:59 horas. Posteriormente, do 14 ao 25 de decembro, someteranse a votación telemática os máis significativos e máis repetidos na primeira fase. O luns 28 de decembro darase a coñecer a Palabra do Ano 2020.

Publicidade

Premendo aquí podes participar no certame A Palabra do Ano 2020 da Real Academia Galega

O Portal das Palabras é un proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da nosa lingua. Cada semana, dende esta plataforma ambas as institucións ofrecen xogos, vídeos nos que os membros da Academia resolven dúbidas frecuentes e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. A palabra do día é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias.

Dende 2014 o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron escollidas sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro