Sábado 20 Abril 2024

A Xunta levanta máis limitacións de reunión, con Galicia en nivel baixo de risco por Covid-19

Elimínase o límite de persoas en reunións sociais no día que a incidencia cae dos 50 casos/100.000 habitantes a 14 días por primeira vez desde agosto

A poboación galega está a vivir esta semana, xusto cando se cumpre un mes desde o levantamento do estado de alarma, o pasado 9 de maio, varios fitos que marcarán notables pasos cara a adiante na superación da pandemia da Covid-19. Canto menos, a efectos epidemiolóxicos. Os datos difundidos este mércores polo Ministerio de Sanidad situaban á comunidade cunha incidencia de 48,12, por baixo dos 50 casos/100.000 habitantes acumulados nos últimos 14 días, barreira da que se baixa por primeira vez desde o 17 de agosto de 2020. O limiar dos 50 casos a 14 días marca, entre outros indicadores tamén positivos en Galicia, o paso ao risco baixo nos niveis de alerta establecidos fronte á pandemia en España.

E a tendencia máis inmediada é tamén descendente, pois a sete días este indicador baixa a 19,88 casos. Tamén se está a dar un importante paso na vacinación, cunha cobertura que xa protexe coa pauta completa a case 1 de cada 3 persoas, mentres que máis do 50% está, polo menos, cunha dose.

Publicidade

Estas cifras, que redundan tamén nunha baixa ocupación hospitalaria polo descenso de casos graves de Covid-19 (baixaron das 100 a pasada fin de semana, o que supón que menos do 1% das camas dos hospitais están ocupadas por positivos en coronavirus) levou ao comité clínico a relaxar algunhas das restricións vixentes no territorio galego, segundo anunciou este mércores o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijoo.

Entre elas, destaca o levantamento dos límites nos encontros sociais: á espera do contido da normativa que publicará o Diario Oficial de Galicia, non haberá límites para as agrupacións de persoas tanto en espazos públicos como privados. Quedan tamén sen efecto as prohibicións das reunións de non conviventes entre a unha e as seis da madrugada, tanto en domicilios como en exteriores.

Feijoo, con todo, chamou a manter as medidas de prevención contra o SARS-CoV-2; "non se prohiben as reunións nas vivendas nin nos espazos públicos, aínda que se segue recomendando que se manteñan as cautelas e as precaucións”, explicou, engadindo que "canto máis reunións e máis numerosas, máis risco de contaxio existe".

Si se manterán restricións en espazos como os de hostalaría, pero tamén se relaxan as medidas: mantense a limitación de 6 persoas no interior pero soben de 10 a 15 nas terrazas e os bares poderán abrir ata a 1 da madrugada se garanten a calidade do aire mediante medidores de CO2. O primeiro punto, precisa a Xunta, queda pendente do que acorde o Consello Interterritorial reunido este mércores, no que tamén se abordarán os seguintes pasos para a reapertura de actividades como o ocio nocturno. Todo apunta a que se establecerán recomendacións, pero non obrigas, ás comunidades autónomas, que terán a última palabra para establecer os seus plans. Seis localidades galegas acollen esta fin de semana unha proba piloto para marcar as medidas de cara á reactivación, prevista para o mes de xullo.

O martes pola noite, Sanidade xa avanzara que 308 dos 313 concellos galegos quedarán no nivel de restricións medio-baixo, o que supón que os locais de hostalaría poderán abrir nestes municipios nun 50% de capacidade no interior e 75% nas terrazas. Outros cinco (Mos, Oroso, Soutomaior, Viveiro e Xove), estarán no nivel medio, polo que as capacidades máximas nese caso serán de 30% en interior e 50% en exterior.

Outras actividades

Por outra banda, a Xunta anunciou a flexibilización de medidas nas actividades de tempo libre para nenos e mozos, aumentando a capacidade máxima ata o 70%. Así, para as actividades en espazos abertos, pasarase dun máximo de 50 participantes a 125, ademais dos monitores; e para as actividades que se realicen unicamente en espazos pechados, pasarase de 25 a 50 participantes, ademais dos monitores.

Ademais, se ata agora se establecían grupos burbulla de 4 participantes en interiores e 6 en exteriores, o comité clínicou acordou elevar estes grupos burbulla a 10 participantes, máis monitores, tanto en interiores como en exteriores.

No referente aos campamentos de verán, a capacidade máxima dos albergues xuvenís será de ata un 70% da súa capacidade máxima, sempre e cando se respecte a distancia de seguridade; e as tendas de campaña poderán ter ocupado o 50% da súa capacidade máxima habitual. En relación aos albergues de peregrinos, a capacidade máxima seguirá a ser do 30%, salvo que os ocupantes da habitación compartida estean acreditados como grupo burbulla.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas

O Goberno reúne datos de Xunta e concellos para exixir indemnización polos 'pellets'

O executivo central solicitará unha compensación polos servizos de Salvamento Marítimo durante o episodio de contaminación mariña

Comesaña: "O Centro de Protonterapia tratará pacientes de cancro en 2025"

O conselleiro de Sanidade fala da situación da sanidade galega e dos novos proxectos de terapias oncolóxicas