Mapa de precipitacións do xoves 16. Fonte: MeteoGalicia.
Mapa de precipitacións do xoves 16. Fonte: MeteoGalicia.

A Coruña viviu o xoves un dos días máis chuviosos dos últimos anos

Varias estacións do oeste da provincia superaron os 100 litros por metro cadrado en menos de 24 horas, provocando numerosas incidencias

Foron 24 horas que poderían parecer breves, pero moi intensas. Despois de varias semanas de tempo sen apenas precipitacións, e cun día despois no que apenas se están a rexistrar chuvias, o balance das fortes chuvias que durante este xoves 16 caeron en Galicia, sobre todo na zona oeste da provincia da Coruña, deixan rexistros que se sitúan entre os máis altos dos últimos anos.

Así, cinco das estacións da rede de MeteoGalicia (Lesende-Lousame, Paramos-Val do Dubra, Coto Muíño-Zas, Fontecada-Santa Comba e Sálvora-Ribeira), así como dúas das da Aemet (Noia e Vimianzo), superaron os 100 litros por metro cadrado, uns rexistros moi pouco habituais. Na rede estatal, é salientable tamén que das 10 estacións nas que máis choveu o xoves, 8 estaban na provincia da Coruña e 2 na de Pontevedra.

Na estación de Sálvora foi, con diferencia, o día máis chuvioso dos últimos 10 anos

Hai casos concretos, como o de Sálvora, que bateron os récords dos últimos 10 anos. Na estación da illa arousá marcáronse 101,4 l/m2, sendo, con diferencia, o día máis chuvioso do decenio. As precipitacións na zona sur do Barbanza foron especialmente intensas, causando cortes en estradas e mesmo desprendementos en lugares como Ribeira ou Corrubedo.

As enchentes foron tamén importantes en lugares como Ponte Maceira, entre Ames e Negreira, Ponteceso, Caldas de Reis, Vimianzo ou Brión.

A resposta hai que buscala na borrasca que chegou polo Atlántico e que xerou tamén un temporal no mar. Como adoita pasar nestes casos, o coñecido como Efecto Rías, no que a humidade que chega coa borrasca atópase con montes de 500-600 metros moi preto do mar, que fan de barreira e provocan a descarga de precipitacións abundantes nunha pequena área. Así se explican as cifras e os lugares nos que onte se rexistraron as chuvias abundantes.

Ademais de Sálvora, en Lesende rexistrouse o día máis chuvioso dos últimos cinco anos. En Coto Muíño (Zas), a cifra do xoves só se viu superada nos últimos anos pola do 9 de novembro de 2018, cando caeron 137 l/m2. O mesmo aconteceu en Paramos (Val do Dubra), onde se igualou o dato do 6 de novembro de 2018, quedando só por detrás do 10 de decembro de 2017, cando caeron 118,6 litros por metro cadrado.

As enchentes nalgunhas zonas levaron a activar durante varias horas o plan de risco de inundacións e xeraron máis de 1.000 incidencias en menos de 24 horas, segundo recolleu a Axencia Galega de Emerxencias.

As chuvias volverán durante o día do sábado, aínda que desde o domingo regresará a influencia anticiclónica. Galicia quedará allea ao temporal que afectará ao leste da península ibérica nos vindeiros días, con un descenso acusado das temperaturas que fará baixar a cota de neve ata os 300 metros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.