Venres 19 Abril 2024

O Sergas detecta catro casos máis de Covid-19 na Mariña e investiga outro foco

A Consellería de Sanidade informou este venres de que se están a seguir a máis dun cento de persoas que estiveron en contacto coas infeccións confirmadas

O número de positivos por Covid-19 detectados na comarca da Mariña lucense nos últimos días ascende a 18, segundo informou na tarde do venres a Consellería de Sanidade. O Sergas confirmou a existencia doutros catro casos na comarca, vinculados a Burela, e fala de “dous focos de Covid-19 activos na comarca da Mariña”, ao tempo que “avalía a posibilidade” de que os dous brotes (Burela e Xove) “estean relacionados entre sí, polo que segue a investigar todas as posibles relacións entre eles para determinar este feito”. O Ministerio de Sanidad informou, pola súa parte, de 4 positivos notificados no día anterior desde Galicia. Dos 36 diagnósticos realizados nos últimos 14 días, 26 producíronse na última semana, como se pode ver baixo estas liñas.

Tal e como informou o mércores Sanidade, a Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e polos Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas detectou o pasado martes no concello de Xove un primeiro caso de Covid-19, a partir do cal se iniciou un rastrexo de contactos co que se analizaron as persoas que estiveron preto do probable foco de infección, tal e como apuntan os protocolos acordados polo goberno central e os autonómicos.

Publicidade

Desde a detección do primeiro positivo, activouse de forma inmediata o protocolo de seguimento e realizáronse as probas PCR a todos os contactos estreitos deste positivo e dos sucesivos, actuacións que se seguen a desenvolver nestes momentos, pois tanto a Consellería de Sanidade como o Servizo Galego de Saúde seguen a investigar e a rastrexar todos os contactos dos novos positivos, así como a adoptar todas as medidas necesarias para o eficaz control do brote.

Sanidade apunta a que a maioría dos 18 casos son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, tal e como recollía este venres o xornal El Progreso, que contactou cun dos afectados e recolleu as chamadas á precaución dos alcaldes da comarca. Con todo, unha das persoas con resultado positivo está ingresada no Hospital Público da Mariña. Tanto os casos positivos como o resto das persoas en contacto con estes casos deberán gardar corentena durante 14 días, e permanecerán baixo seguimento da plataforma de vixilancia do Sergas. Ata o momento, o servizo de saúde rastrexou a máis dun cento de persoas relacionadas con este brote e séguense a investigar posibles novos contactos.

Ata o de agora, a Consellería non informou de novos positivos no outro rebrote confirmado na última semana en Galicia, o da comarca do Barbanza. Hai nove casos confirmados e arredor dun cento de persoas baixo seguimento.

Rastrexadores da Covid-19: o equipo que protexerá Galicia dos futuros brotes

Casos activos

Pola súa parte, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou, como fai a diario, do número de casos activos en Galicia. Son 311 (22 menos có xoves), dos que 81 son da área da Coruña, 31 da de Lugo, 21 da de Ourense, 8 da de Pontevedra, 133 da área de Vigo, 26 da de Santiago, e 11 da de Ferrol. As altas concentráronse na área da Coruña-Cee, con 21 casos activos menos que o día anterior. Catro persoas están hospitalizadas e o resto están atendidas no domicilio. Nas residencias de maiores só se manteñen como casos activos 4 usuarios e 1 profesional. Xa superaron a infección 10.590 persoas, e faleceron 619. Desde hai dúas semanas non se rexistran novos falecementos. Con todo, os servizos de Microbioloxía seguen realizando, segundo os datos que achega a Consellería de Sanidade, máis de 1.000 probas PCR diarias. Este venres súmanse 171.518 desde o comezo da crise.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T

Funcionan os novos fármacos para deixar de fumar? “Se non cambias a conduta, a posibilidade de recaída é alta”

Mónica Pérez Ríos, investigadora da USC, explica que estes medicamentos teñen unha pauta de consumo de 25 días

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes