A ocupación pola Covid-19 nas UCIs galegas baixa por 13º día seguido

Entre a noite do mércores e o xoves confirmáronse 127 novos casos, déronse 54 altas e faleceron seis persoas, tres delas usuarias de residencias

Evolución diaria de ingresos nos hospitais en Galicia (diferenza respecto ao día anterior na presenza de persoas na UCI e unidades de hospitalización).
Evolución diaria de ingresos nos hospitais en Galicia (diferenza respecto ao día anterior na presenza de persoas na UCI e unidades de hospitalización).

Os datos facilitados este venres pola Xunta de Galicia sobre a epidemia da Covid-19 no país expoñen que son 6.704 as persoas afectadas actualmente polo coronavirus SARS-CoV-2, no que respecta ao cumio da pirámide de casos (aquelas ás que se lle realizou a proba para confirmar a doenza). No tocante aos novos positivos confirmados (cifra que achega o Ministerio de Sanidad), rexístrase un descenso en relación aos últimos días, con 127 casos máis. Porén, a presións nos hospitais segue baixando, e cúmprense 13 días seguidos, desde o 12 de marzo, nos que baixa a ocupación das unidades de coidados intensivos por enfermos de coronavirus.

Casos activos

A diferenza entre os novos positivos cos falecementos e as altas expón que hai 67 casos activos máis có xoves. Nos hospitais hai 42 persoas menos ingresadas; cinco menos na UCI (de 92 a 87), e 37 menos en unidades de hospitalización (de 568 a 531). As cifras son semellantes ás de hai case un mes, a última vez que houbo menos de 100 persoas ingresadas nas UCIs e 600 nos hospitais pola Covid-19. Por outra banda, segundo informou o Ministerio de Sanidad, hai que contar 13 novos ingresos pola doenza nos hospitais galegos, aínda que a diferenza coas altas concedidas opaca este número nos datos difundidos por Sanidade.

Respecto ao dato do xoves, concedéronse 54 altas hospitalarias. O resto dos casos, 6.086 (90,78% do total) están sendo atendidos no domicilio. Con todo, cómpre sinalar que nesta última porcentaxe se inclúen as preto de 800 persoas persoas usuarias en residencias de maiores, que nalgún caso teñen un prognóstico grave debido ás complicacións propias da idade. Boa parte dos falecementos dos últimos días rexístranse entre estas persoas atendidas “no domicilio”.

Falecementos e altas

No que abrangue aos falecementos, cóntanse 498 óbitos, 6 máis respecto á cifra anterior. Tres deles segundo os datos achegados pola Xunta, son usuarios de residencias de maiores, aínda que faleceron en hospitais ou nas chamadas residencias ‘integradas’, medicalizadas para atender aos positivos por Covid-19, polo que ningún falecemento se produciu nas propias residencias. Os datos están actualizados ás 21 horas da noite anterior, polo que é posible que as cifras de óbitos medren durante o día.

Desde o comezo da crise, a Xunta notificou que 229 das persoas falecidas por coronavirus en Galicia (un 45,98% de todas as mortes) son residentes destas instalacións. Desde o 8 de abril, cando se comezou a informar das mortes diarias entre usuarios das residencias, máis da metade dos óbitos en Galicia corresponden a estas persoas.

A relación entre o número de casos e novas altas volve achegarse despois dos últimos días, onde se producira un repunte de novos positivos:

Taxa de crecemento e reprodución

O lixeiro repunte de positivos nos últimos días fixo que dous dos indicadores epidemiolóxicos que achega o Centro Nacional de Epidemioloxía ralentizasen as boas perspectivas respecto a Galicia. Así, a taxa de crecemento de Galicia é actualmente do -2,6%, menor cá media española (-0,5%), pero superior á de comunidades como Asturias, Canarias, Castilla-La Mancha, Comunidad Valenciana, Extremadura, Murcia, País Vasco ou La Rioja.

Por outra banda, o número R0, que representa o promedio de casos secundarios causados por un primario, volve estar por riba de 1 en Galicia, cun R0 de 1,02, fronte ao 1 de España. Este valor en Galicia é o quinto maior, superado por Cantabria (1,23), Ceuta (1,21), Madrid (1,13) e Cataluña (1,07).

A Dirección Xeral de Saúde Pública tamén informou de que se realizaron ata o momento 78.822 probas PCR, 2.693 máis có xoves. Con todo, a cifra non se corresponde co total de persoas analizadas, xa que é habitual que se lle realicen dúas probas a un mesmo paciente (ás veces máis) para comprobar a evolución da doenza.

Nos últimos días vese que a relación de novos casos respecto ao total de probas é cada vez menor. O maior número de análises pode tamén gardar relación co recente repunte de casos novos. Pode explicarse, ademais da remisión da epidemia, coa realización de análises a persoas xa estudadas previamente nas que agora se confirma a desaparición do virus.

En atención ás cifras que achega a Xunta, por cada unha das sete áreas sanitarias nas que se reparte o territorio galego, actualmente estase seguindo a 1.584 persoas na área da Coruña-Cee, 647 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 1.302 na de Ourense-Verín-O Barco, 550 na de Pontevedra-Salnés, 1.169 na área de Vigo, 1.065 na de Santiago-Barbanza, e 387 na de Ferrol. Volve producirse o maior aumento na Coruña (34 máis), e baixa por primeira vez nunha semana a cifra de Ourense, a área con maior incidencia.

Así foi a evolución desde o 13 de marzo:

Residencias de maiores e discapacidade

En Galicia, a Consellería de Política Social segue achegando o número de casos activos en residencias de persoas maiores e con discapacidade, que na actualidade supoñen o 18,55% das persoas afectadas en Galicia. 897 usuarios e 347 profesionais destes centros están infectados por coronavirus. A cifra está descendendo nos últimos días debido á curación e ao falecemento de parte dos usuarios.

Esta é a situación actual en España:

E no mundo:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.