Un neno observa a familia de homínidos na Domus da Coruña. Foto: mc2.
Un neno observa a familia de homínidos na Domus da Coruña. Foto: mc2.

Para que servirán os museos de ciencia despois desta pandemia

O director dos Museos Científicos da Coruña reflexiona sobre o papel que debe xogar a divulgación no mundo que sairá da crise

*Artigo orixinalmente publicado pola Agencia SINC

En principio, un museo de ciencia non parece ser de gran utilidade durante unha pandemia. Máis que nada porque toda a organización, desde o orzamento ata o persoal, está axustada para deseñar e producir contidos expositivos, atender aos seus visitantes e programar talleres e actividades presenciais.

En ausencia de público e coa maior parte do seu persoal tamén sometido ao confinamento, a actividade destas institucións centrouse en tarefas de mantemento, planificación e en xerar actividade nas súas páxinas web e redes sociais.

Por outra banda, a mera idea dun espazo pechado, polo que cada día pasan centenares de persoas de todas as idades dispostas a tocalo todo, como ocorre nos museos interactivos, parécese moito á fantasía dun virus. Así que se esta pandemia fose a durar para sempre habería que considerar seriamente a opción de pechar os museos de ciencia e empezar desde cero cunha proposta completamente distinta.

A idea dun espazo pechado polo que cada día pasan centenares de persoas dispostas a tocalo todo, como nos museos interactivos, parécese moito á fantasía dun virus

Durante estas semanas os museos de ciencia da nosa contorna canalizaron a súa actividade en tres liñas de traballo. A primeira consistiu en reforzar as mensaxes das fontes autorizadas e advertir dos riscos da desinformación. Este enfoque tratou de reducir o ruído informativo nun contexto no que as certezas se evaporaban cada mañá e, ao mesmo tempo, previr contra os boatos que se expandían como un virus paralelo cebándose especialmente en WhatsApp, a única rede que chega a todas partes e na que resulta máis difícil rastrexar a orixe da información.

En terceiro lugar, do mesmo xeito que moitas outras institucións culturais, os museos científicos puxéronse a crear e suxerir actividades para facer en casa: observacións, experimentos, xogos e desafíos —relacionados ou non co coronavirus—para enriquecer as semanas de confinamento con propostas para todos os públicos.

Afortunadamente ningunha pandemia dura para sempre, e nuns meses os museos de ciencia volverán abrir as súas portas e encheranse de persoas. Con todo o público xa non será o mesmo de antes, porque esta experiencia cambiounos a todos.

Xa nada será o mesmo

Por exemplo, veremos con normalidade que algunha xente vaia con máscara pola rúa, e cando alguén evite darnos a man dubidaremos de se é un xesto desagradable ou dun acto de hixiene que ten como obxectivo protexernos dun contaxio.

Pero creo que, alén do anecdótico, a nosa sociedade vai experimentar unha drástica transformación na percepción do valor da ciencia e a tecnoloxía como motores do progreso e o benestar.

Todo nesta crise extraordinaria está ligado á ciencia, desde a descrición das súas causas ata as medidas tomadas para limitar os seus efectos e, finalmente, tamén a solución en forma dunha vacina ou de medicamentos que reduzan drasticamente a mortalidade entre as persoas contaxiadas.

“Moita xente convenceuse de que o noso sistema sanitario —e tamén o científico— non son luxos superfluos, senón un investimento imprescindible”

Aínda no caso de que a Covid-19 simplemente se esvaeza para sempre, a explicación tamén será científica, en termos de inmunidade colectiva e selección natural.

En definitiva, estas semanas dedicamos un enorme esforzo para entender os conceptos dos que dependía a nosa saúde ou mesmo nosa propia vida: coronavirus, ARN, zoonose, pandemia, asintomático, PCR, test inmunolóxico, curvas con crecemento exponencial, modelos matemáticos, anticorpos, intubación, ventiladores mecánicos, pneumonía bilateral, antivirais, vacinas…

Ademais, moita xente convenceuse de que o noso sistema sanitario —e tamén o científico— non son luxos superfluos, senón un investimento imprescindible para garantir o noso futuro colectivo. Tamén reflexionaremos no futuro sobre a necesidade de reforzar o sector das industrias tecnolóxicas. Aínda que só sexa para asegurarnos unha mínima independencia fronte ás incertezas que se destaparon baixo o mecanismo globalizador, que ofrece camisetas baratas fabricadas en calquera parte do mundo pero restrinxe o acceso ás subministracións básicas que necesitamos en caso de emerxencia.

Por todo iso a nosa sociedade pospandémica será máis consciente da importancia da ciencia e as súas aplicacións tecnolóxicas, e por tanto necesitará —e esixirá— máis e mellor xornalismo, educación e divulgación da ciencia. E mellores museos científicos, claro.

Emoción e participación

A principal función dos museos seguirá sendo a de ofrecer experiencias de alta voltaxe emocional, capaces de inspirar o interese e o aprecio pola ciencia.

Nunha visita que dura unhas poucas horas non podemos aspirar a transmitir gran cantidade de coñecementos, pero si podemos ofrecer vivencias ás veces inesquecibles que transformen a mirada dos nosos visitantes. Para iso necesitamos unha programación que inclúa temas de actualidade e, como moitos museos xa están a facer, apostar pola posta en marcha de espazos de obradoiros e laboratorios abertos onde o público pode participar activamente utilizando as ferramentas materiais e conceptuais da creación científica.

Sen dúbida, albergaremos máis iniciativas de ciencia cidadá e profundaremos na colaboración con colectivos sociais, como agrupacións astronómicas ou asociacións maker, que comparten algúns dos nosos obxectivos.

Un aspecto importante é que, en lugar de espazos para a celebración acrítica dos éxitos da ciencia, os museos deberán fomentar a reflexión e o debate sobre o seu impacto social, e tamén sobre as súas limitacións.

“Os museos deberán fomentar a reflexión e o debate sobre o impacto social da ciencia, e tamén sobre as súas limitacións”

Haberá que deseñar contidos para que o público aprenda a delimitar os ámbitos de competencia científica (non existe a especialización universal) e conciliar isto co feito de que os mellores equipos son os que integran a especialistas en disciplinas diversas. Do mesmo xeito, tamén teremos que aprender a dar máis espazo a ciencias que de cando en cando se deixan ver polos nosos museos, como a psicoloxía ou as ciencias sociais, que tan importantes están a resultar nestes momentos.

A boa noticia é que moitos museos de ciencia xa iniciamos este camiño e chegamos a un público moi amplo. A mala noticia é que todos volveremos abrir as nosas portas enfrontándonos a un panorama económico extraordinariamente complexo que pode chegar a comprometer o futuro dalgún centro.

Haberá quen pense que os museos de ciencia poden virtualizarse, trasladando o seu ámbito de actuación a unha realidade dixital paralela, de aparencia máis moderna, hixiénica e sen dúbida máis barata. Pero, por desgraza, o que en tempos de confinamento era a única alternativa non deixa de ser un pobre sucedáneo dunha realidade infinitamente máis rica e poderosa.

Por máis sensación que causasen os vídeos en 360º que estes días gravamos dentro do tanque máis grande do noso Aquarium, ofrecendo unha perspectiva que ata o de agora só coñecían os peixes e os nosos mergulladores, esas imaxes, aínda que navegables, non deixan de ser un simulacro da experiencia real que á súa vez xa era, non o esquezamos, o simulacro enriquecido da aínda máis real experiencia do océano.

Mentres non se invente outra cousa, seguimos precisando a totalidade do noso corpo para vivir experiencias completas.


Marcos Pérez Maldonado é o director dos Museos Científicos Coruñeses.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.