Galicia dará a partir da medianoite do venres 6 ao sábado 7 de novembro un novo paso na escalada de medidas destinadas a conter a segunda onda da pandemia da Covid-19, que xa causou, en menos de tres meses, o falecemento de máis de 350 persoas. Con arredor de 600 persoas ingresadas nos hospitais, e un ritmo de máis de 600 novos casos diarios, o comité clínico decidiu este mércores, segundo anunciou o presidente da Xunta de Galicia, establecer restricións nas áreas urbanas de Galicia, así como noutros municipios onde a incidencia está a ser elevada nas últimas semanas.
Un decreto e unha orde publicadas o pasado mércores no Diario Oficial de Galicia a que regule todas as medidas que entrarán en vigor desde o día 6, Alberto Núñez Feijoo enumerou estas restricións na comparecencia que tivo lugar ese mesmo día. Está previsto que estas limitacións estean vixentes ata o venres 4 de decembro ás 15 horas, mais estarán suxeitas a revisións periódicas, polo que é probable que se modifiquen en función da evolución epidemiolóxica.
🗺️Medidas para os 60 concellos destacados no mapa
🚧 Peche perimetral. Na tarde do mércores, Sanidade aclarou que o peche abrangue, por unha parte, a 41 municipios vinculados ás áreas das cidades de Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago, Pontevedra e Ferrol. Como no caso de Pontevedra e Vigo, os peches agrupados conflúen, as limitacións chegan ata Redondela (no caso de Vigo) e Soutomaior (no caso de Pontevedra). É dicir, a mobilidade entre os dous municipios citados queda restrinxida.
Outros seis (Lalín, A Estrada e Silleda, por unha parte, e Vilagarcía, Vilanova de Arousa e Cambados, por outra) terán tamén un peche conxunto. Noutros 13 concellos o peche será individual. De manterse o criterio respecto ás medidas vixentes ata o venres, o tránsito por estes concellos estará permitido sen ningunha restrición, sempre que a orixe e o destino non estea dentro do mapa de limitacións. É dicir, é posible viaxar da Guarda a Moaña, por exemplo, aínda que nos concellos do tránsito estea limitada a mobilidade.
🏠 Reunións limitadas a persoas conviventes.
☕️ 🍺 Pecharán os locais de hostalaría. Os establecementos estarán pechados, pero permítese a recollida no local e manterase o servizo a domicilio.
🏃🏽♀️ Práctica deportiva restrinxida á actividade individual.
🎭 Nos espazos culturais, como cines, teatros, auditorios e outros recintos, a capacidade estará limitada ao 50%, mais cun límite de 30 persoas en interior e 75 no exterior.
🚗👥📚 Excepcións á limitación de mobilidade
No caso dos concellos con peche perimetral, o decreto contempla estas excepcións:
🏥 Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.
👷🏽♀️ Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais ou legais.
👩🏽🏫Asistencia a centros universitarios, docentes e educativos, incluídas as escolas de educación infantil.
🏡Retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar.
👵🏽Asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.
💶Desprazamento a entidades financeiras e de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes.
📄Actuacións requiridas ou urxentes ante os órganos públicos, xudiciais ou notariais.
💳Renovacións de permisos e documentación oficial, así como outros trámites administrativos inaprazables.
📝Realización de exames ou probas oficiais inaprazables.
⚰️Por causa de forza maior ou situación de necesidade.
⚠️Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.
Resto de Galicia
A nova lista de medidas establece tamén novidades nos concellos galegos non sinalados no mapa superior, nas que rexerán estas limitacións:
👩👩👧 O máximo de persoas nas reunións sobe de 5 a 6 (o número pode ser superior se todas as persoas son conviventes).
🍻 Os locais de hostalaría estarán abertos, cunha capacidade de 50% no interior e un 75% nas terrazas.
🛒 O comercio rexerase polas mesmas medidas en toda Galicia. Os locais comerciais terán a capacidade limitada ao 50%. Nas áreas comúns de centros comerciais, a capacidade máxima será do 33%.
🏨Limítanse as saídas de usuarios de residencias de persoas anciás ou con discapacidade, pero mantéñense as visitas coas medidas vixentes ata o momento.
🚌 No transporte non escolar: as liñas urbanas quedan limitadas á capacidade do 50% nos asentos e o 25% de capacidade total de pé. No caso dos servizos interurbanos, a capacidade será do 50%. A medida non afecta ao transporte escolar, con medidas propias desde o comezo de curso.
🌖 Confinamento nocturno. Ata o 9 de novembro segue vixente en toda Galicia esta medida, derivada do estado de alarma decretado polo Goberno español.
O resto de medidas, tipos de actividades que quedan pechadas nos concellos con limitacións e outras restricións específicas, poden consultarse na orde do DOG, nesta ligazón.
Máis información:
Galicia supera os 40.000 positivos desde o comezo da pandemia do coronavirus